rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Vigo Rebelde, o metal en loita . Deriva-Roteiro en Teis

Vigo Rebelde, o metal en loita . Deriva-Roteiro en Teis

Datas: 
21 xullo 2017
Horario: 
18.00
Lugar: 
Mercado de Abastos de Teis -Praza do Toural, rúa Toural de Abaixo, Teis, Vigo

#Salón do MARCO. Un lugar para facer

A investigación experimental Vigo Rebelde, o metal en loita [#VR] comezou o pasado 27 de xuño no #salóndoMARCO cunha primeira sesión na que nos reunimos diversas persoas con inquedanzas comúns para facer, entre todas, #VR. Iniciamos a coprodución desta investigación-intervención colaborativa para percorrer o pasado, presente e futuro da memoria obreira na urbe de Vigo e, con especial protagonismo, no barrio de Teis.

A segunda das intervencións terá lugar no barrio de Teis: unha deriva-roteiro que organizamos xunto co Plan Comunitario de Teis e a Asociación Xaruma. Sairemos do Mercado de Abastos de Teis, na rúa Toural de Abaixo, ás 6 da tarde do venres 21 de xullo.

Anímaste a compartir con nós un paseo diferente no que ollar a memoria do barrio de Teis?

Somos un grupo de persoas que estamos a recoller a memoria común do movemento obreiro e as folgas do 72 coa vecindade de Teis a partir dunha DERIVA na que nos deixaremos levar polo que aconteza, visitaremos algúns espazos e recolleremos imaxes da memoria que formarán parte da terceira das accións, a galería de fotografías BIComún que terá lugar durante a Festa da Sardiña na carballeira da Guía a principios do mes de agosto.

Ven con quen queiras, esperámoste!

Esta investigación experimental sucederá a partires de diversas achegas en diferentes días dos meses de xullo e agosto: mapexos veciñais para localizar espazos afectados e experiencias vividas; roteiros para recoñecer espazos sociais, recoñecer ás súas xentes e recoñecernos neles; galerías fotográficas de bens comúns para diagnosticar, entre todos, eses bens e, en xeral, facilitar procesos colaborativos arredor da memoria común do movemento obreiro na urbe de Vigo.

A mediadora desta investigación experimental é:

Adela Vázquez é licenciada en Historia da Arte; graduada en Conservación e Restauración de Bens Culturais; mestra en Traballo Social e co-coordinadora do proxecto Niquelarte. Vive en México e traballa entre Galiza e Yucatán co obxectivo de facer visibles comunidades que coidan os bens comúns en ámbalas dúas latitudes.

Na co-produción do #VR estamos Fran García Fernández, Diego Lores, Xavier Dapena, Manuel Gil, María Ríos, Fon Cortizo, Cristina García, Nuria Barreras, Plan Comunitario de Teis, Asociación Veciñal de Teis, Asociación Xaruma e as que se vaian sumando.

Coordina Fran García Quiroga, comisario do #salóndoMARCO.

Información:

As persoas interesadas poden solicitar información a través do correo salondomarco@marcovigo.com indicando no asunto: “Vigo Rebelde, o metal en loita”.

A participación é aberta e gratuita.