rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Vigo Rebelde, o metal en loita. Exposición Participativa

Vigo Rebelde, o metal en loita. Exposición Participativa

Datas: 
18 agosto 2017 - 18 setembro 2017
Horario: 
Inauguración: venres, 18 de agosto ás 19.00
Lugar: 
#SalóndoMARCO (vestíbulo principal)

Saída: dende a escultura de O Sereo ás 7 cara o #salóndoMARCO

#Salón do MARCO. Un lugar para facer

A investigación experimental Vigo Rebelde, o metal en loita [#VR] comezou o pasado 27 de xuño no #salóndoMARCO cunha primeira sesión na que nos reunimos diversas persoas con inquedanzas comúns para facer, entre todas, #VR. Iniciamos a coprodución desta investigación-intervención colaborativa para percorrer o pasado, presente e futuro da memoria obreira na urbe de Vigo e, con especial protagonismo, no barrio de Teis.

A derradeira das intervencións do Vigo Rebelde será a inauguración dunha exposición participativa que amosará os resultados que recollemos nos meses de xullo e agosto coa veciñanza de Teis sobre a memoria común do movemento obreiro no barrio a partir dunha serie de dispositivos que voltan da rúa ao salón: o mapa intervido no mapexo colectivo, as fotografías capturadas durante a deriva, os cartaces do BIComún ou as fotografías do mural da empacadora pintado polo artista Xosé Guillermo e os veciños de Teis no ano 1994; entre outras mostras audiovisuais e dispositivos participativos cos que poderemos interactuar.

Sairemos da escultura de O Sereo o venres 18 de agosto ás 7 da tarde para camiñar pola Rúa Príncipe e adentrarnos no #salóndoMARCO para a inauguración da mostra.

Esperámoste para nos xuntar no #salóndoMARCO e revivir a memoria común do Teis obreiro!

A exposición estará aberta do 18 de agosto ao 18 de setembro.

A mediadora desta investigación experimental é:

Adela Vázquez é licenciada en Historia da Arte; graduada en Conservación e Restauración de Bens Culturais; mestra en Traballo Social e co-coordinadora do proxecto Niquelarte. Vive en México e traballa entre Galiza e Yucatán co obxectivo de facer visibles comunidades que coidan os bens comúns en ámbalas dúas latitudes.

Na co-produción do #VR estamos Fran García Fernández, Diego Lores, Xavier Dapena, Manuel Gil, María Ríos, Fon Cortizo, Cristina García, Nuria Barreras, Rita Bouby, María Pose, María Isabel Blanco, Benito Santos, Xenoveva Cordeiro, Basilio Aragón, Eduardo García, Plan Comunitario de Teis, Asociación de Veciños de Teis, Asociación Xaruma, entre outras.

Coordina Fran García Quiroga, comisario do #salóndoMARCO.

Información:

As persoas interesadas poden solicitar información a través do correo salondomarco@marcovigo.com indicando no asunto: “Vigo Rebelde, o metal en loita”.

A participación é aberta e gratuíta.