rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
VONTADE DE TER VONTADE. Cláudia Dias

VONTADE DE TER VONTADE. Cláudia Dias

Datas: 
28 novembro 2014 - 29 novembro 2014
Horario: 
ás 20.00
Lugar: 
Salón de Actos
Prezo: 
ENTRADA LIBRE E GRATUITA ATA COMPLETAR AFORO
Peza escénica. Cláudia Dias. Vontade de ter vontade
venres 28 e sábado 29 de novembro
MARCO/Escena. Programa comisariado por Pablo Fidalgo
Fotografía © Margarida Ribeiro (detalle)

Na sesión do sábado, unha vez finalizada a peza, haberá un encontro-diálogo entre a artista e Jorge Louraço, crítico de teatro do xornal Público (Portugal) 

PRESENTACIÓN

“Entendo o meu traballo de creación como un percorrido que se vai construíndo, ata o día en que chegue a concibir a peza —aquela despois da cal non terá sentido crear outra. Así, vou establecendo relacións e up-grades entre as diferentes creacións, como se en cada unha descubrise algo máis para engadir a un manual de instrucións operativo.

Case un método. Vontade de ter vontade inscríbese neste pensamento. É, dende este punto de vista, unha peza de continuidade nun percorrido que iniciei con One Woman Show e continuei con Visita Guiada e Das Coisas Nascem Coisas. Pero se ao final de cada creación constato que me dediquei a cuestións específicas do labor artístico, en todas o principio é sempre o mesmo —non saber nada máis cá imaxe detonadora.

Esta peza nace do sentimento de confrontación xeracional que sinto con moitos dos meus alumnos, e que me fai reflexionar sobre a miña xeración e sobre a forma en que me relaciono coa anterior e a precedente. Este movemento cara adiante, supostamente cara ao futuro, e cara atrás —o pasado—, acabou situándome no presente. Nun aquí e agora. E así nace a imaxe galvanizadora desta nova creación, a de transformar a escena nun territorio: Portugal. Vontade de ter Vontade é un percorrido onde a dimensión individual, colectiva, persoal e histórica cohabita o mesmo espazo. Mesmo diría que este percorrido traza unha ollada sobre o momento actual que vivimos en Europa (e no Mundo), poñendo en evidencia as relacións entre o Norte e o Sur, entre o colonizador e o colonizado, entre o central e o periférico. É tamén un manifesto contra a inevitabilidade”.

Cláudia Dias

 

NOTA BIOGRÁFICA

Cláudia Dias naceu en Lisboa en 1972. Master en Artes Escénicas, Facultade de Ciencias Sociais e Humanas, Universidade Nova de Lisboa (2011-  ). Iniciou a súa formación en danza na Academia Almadense, e continuou os seus estudos cunha bolsa na Companhía de Dança de Lisboa. Seguiu o Curso de Formación de Intérpretes de Danza Contemporánea, promovido por Fórum Dança, e o Curso de Formación Profesional en Xestión de Organizacións e Proxectos Culturais, promovido por Cultideias.

Comezou o seu traballo como intérprete no Grupo de Dança de Almada. Formou parte do colectivo Ninho de Víboras. Colaborou con Re.Al, e foi unha intérprete clave na estratexia de creación de João Fiadeiro e no desenvolvemento, sistematización e transmisión da Técnica de Composición en Tempo Real.

Creou as pezas One Woman Show, Visita guiada, Das coisas nascem coisas, Vontade de ter vontade, e Nem tudo o que fazemos tem de ser dito nem tudo o que dizemos tem de ser feito. Desenvolveu o proxecto pedagóxico Nesta parte esquinada da península en colaboración con Azala, Muelle 3, La Fundición e o Festival BAD. Dende 2007 imparte obradoiros de forma regular, nas áreas de Composición Coreográfica e Técnica de Composición en Tempo Real. O seu traballo como coreógrafa, performer e profesora foi acollido en distintas institucións, teatros e festivais nacionais e internacionais.