XI Festival ImaxinaSons [Academia de Sons]
No terceiro ano de Academia de Sons, o 11º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons afonda, por unha banda, na vertente formativa e, por outra, na procura de novos públicos. No MARCO (Príncipe, 54) concéntrase unha semana de actividades nas que divertirse, aprender, construír e relacionarse. Un convite á interactuación entre xeracións convidando a pequenos e maiores a experimentar ao redor da música e do jazz.
Todas as actividades son de balde, logo da súa inscrición.
As inscricións faranse a través do teléfono 010 con horario de 08:00 a 20:00 h. de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h. os sábados.
O prazo abrirase o luns 22 de xuño.
Nas actividades con prazas limitadas a admisión será por rigorosa orde de inscrición. Pecharase a inscrición no momento no que se acade o número máximo de persoas admitidas, emitindo o aviso pertinente nos soportes de difusión on line do festival.
OBRADOIRO CON LAR LEGIDO— IMPROVISANDO
29 de xuño, 11:00h, MARCO
Recomendado a partir de 12 anos, con coñecementos de música ou iniciados nalgún instrumento.
15 prazas
Se estudas, compós, interpretas, escoitas ou amas a música experimental e a improvisación, non o penses. Este é o teu sitio.
OBRADOIRO CON ELI GRAS — SONOBOTÁNICA. AS PLANTAS TAMÉN SOAN
30 de xuño, 11:00h, MARCO
Para nenas e nenos acompañados de persoas adultas.
20 prazas
Este é un obradoiro no que elaboraremos divertidas e estrañas plantas sonoras utilizando elementos de reciclaxe, experimentando creativamente coas formas, os materiais e o son que son capaces de xerar."
OBRADOIRO STOP MOTION CON ILLA BUFARDA — JAZZ DE PLASTILINA. ANIMACIÓN DUN VIDEOCLIP
1 de xullo, 11:00h, MARCO
A partir de 9 anos.
20 prazas
O obxectivo deste obradoiro de cine de plastilina con técnica de stop motion é converter un tema musical de jazz nunha obra de animación colectiva con plastilina. O resultado será un videoclip realizado de maneira colectiva e artesanal.
OBRADOIRO CON CÉ ORQUESTRA PANTASMA — APRENDICES DE NENAS E NENOS ORQUESTRA
2 de xullo, 11:00h, MARCO
A partir de 6 anos.
30 prazas
A Orquestra Pantasma está feita en si mesma de reciclaxe e transformación e aproveita o seu saber para compartilo. Xa verás que divertido é transformarte nun home ou nunha muller con recursos naturais e de refugallo.
OBRADOIRO CON MATEO MENA — CONSTRUCIÓN DE INSTRUMENTOS ELECTRÓNICOS
3 de xullo, 11:00h, MARCO
A partir de 8 anos. Recomendado para nenas, nenos e adultos.
20 prazas
Un obradoiro para públicos de todas idades co propósito de achegarlles a música electrónica feita a man. Circuitos sonoros simples ou reciclados coa filosofía Do it yourself —Faino ti mesmo— pola que creamos a nosa propia tecnoloxía.