rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
El Conde de Torrefiel (Pablo Gisbert e Tanya Beyeler) - Observen cómo el cansancio derrota al pensamiento

El Conde de Torrefiel (Pablo Gisbert e Tanya Beyeler) - Observen cómo el cansancio derrota al pensamiento

Datas: 
18 outubro 2013 - 19 outubro 2013
Horario: 
19.30
Lugar: 
Patio 1
Prezo: 
ENTRADA GRATUÍTA. Prazas limitadas

Exposición VERANEANTES
‘Material Memoria’
Programa de artes escénicas e cinema
Comisario: Pablo Fidalgo Lareo
[El Conde de Torrefiel, Andrés Duque, Gastón Solnicki, Eloy Enciso, Rui Catalão, Patricia Caballero, Xurxo Chirro, Miguel Boneville, Claudia Dias, Ramiro Ledo, Lagartijas Tiradas al Sol, Nicolás Pereda, Olga Novo, Fon Román]

A exposición VERANEANTES inclúe un programa de artes escénicas e cinema, comisariado por Pablo Fidalgo Lareo, que ten lugar cada fin de semana no Patio 1 da planta baixa, especialmente adaptado para esta ocasión. O ciclo ‘Material Memoria’  inclúe artistas que traballan coa palabra e coa memoria familiar, xeracional e política como eixe da súa obra. Cun máximo de dúas persoas en escena, reivindica a sinxeleza e a frontalidade como esencia do teatral.

El Conde de Torrefiel (Pablo Gisbert e Tanya Beyeler) - Observen cómo el cansancio derrota al pensamiento


A dramaturxia da peza xustapón un encontro de baloncesto onde os xogadores miden a súa resistencia, forza e técnica, mentres un home e unha muller debaten temas relacionados con eles mesmos, interrogándose arredor de cuestións vitais que lles preocupan polo seu carácter inevitablemente contemporáneo: o amor, a política, o diñeiro, o entretemento, a arte ou a morte. O dispositivo textual articúlase como unha serie de preguntas e respostas, presentadas en voz en off e cuxos contidos, aparentemente, non gardan relación coa acción escénica. Unha conversa que, segundo vai transcorrendo, afonda en profundidade, caendo nunha última pregunta que a pecha: somos capaces de pensar algunha cousa que non teña relación con nós mesmos? Tanto o partido como a conversa están invisiblemente unidos pola idea de enfrontamento; un tour de force coa pretendida finalidade de "gañar" a partida, xogando a baloncesto ou defendendo un discurso. A idea principal onde se apoia a peza é evidenciar os complicados xogos intelectuais. Dificultades polas que, tanto no físico coma no discursivo, alguén tenta superar obstáculos para alcanzar un cume claro, unha conquista persoal que o faga entender o mundo no que vive e a existencia que se construíu. Por último, o xogo leva consigo unha singular experiencia do tempo, que consiste en demorarse, en esgotar un momento que non se pode cuantificar, en devorar os instantes.

La Discreción, La Vulgaridad e El Entretenimiento preséntanse entre 2007 e 2010 en Valencia, Madrid, Bilbao e Barcelona. Estas propostas compoñen unha triloxía estreada en novembro de 2010 no Antic Teatre de Barcelona, baixo o título La historia del rey vencido por el aburrimiento. O vídeo Morir Nunca preséntase no Festival LP’11 de Barcelona. Estrearon Escenas para una conversación después del visionado de una película de Michael Haneke (2012) e La chica de la agencia de viajes nos dijo que en el apartamento había piscina, Festival TNT Terrasa, 2013. Os seus traballos téñense presentado no Festival Tempo, Río de Xaneiro, Temporada Alta, Girona, Festival de Otoño, Madrid ou Mercat de les Flors, Barcelona. Pablo Gisbert recibe o accésit do Premio Marqués de Bradomín 2011 polo seu texto Un cine arde y diez personas arden.

Máis información en: http://www.elcondedetorrefiel.com/ 

Descarga: