rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
IMAXINA SONS 2010. 6º Festival de Jazz de Vigo

IMAXINA SONS 2010. 6º Festival de Jazz de Vigo

Datas: 
28 xuño 2010 - 30 xuño 2010
Horario: 
ás 20.00 (mesas redondas) e ás 21.30 (concertos solistas)
Lugar: 
MARCO: salón de actos
Prezo: 
Entrada gratuíta (mesas redondas) e 3€ (concertos)

Organiza:

Concellería de Cultura do Concello de Vigo

Patrocina:

Caixanova

Colabora:

Consellería de Cultura e Turismo, Xunta de Galicia

Como cada ano dende o inicio do Imaxina Sons, o MARCO acolle o ciclo de mesas redondas e conciertos solistas deste Festival, que unha vez máis presenta as súas propostas (concertos, música na rúa, conferencias, mesas redondas, master-class) en diferentes espazos da cidade.

Programa no MARCO

• Luns 28 de xuño:

20.00: Mesa redonda

Reservado o dereito de admisión. Falando de jazz tras o caso Sigüenza

Salón de actos do MARCO. Entrada libre

21.30: Pierre Favre Solo. Poetry in Motion

¿Pódese facer poesía coas baquetas e os pratos dunha batería? Non son poucos os que din que o percusionista Pierre Favre (Le Locle, Suíza, 1937) escribe poemas e pinta cadros cando se concentra na súa batería. Un dos expoñentes do free jazz europeo, procedente dun país, Suíza, pródigo en percusionistas, chega a Imaxina Sons coa súa proposta solista na que desprega toda a súa inventiva e sensibilidade. A batería de Favre independízase do seu papel rítmico convencional e, da man do suízo, consegue ser vehículo de ritmo e melodía provocando que os concertos solistas de Favre acaden dimensións orquestrais.

• Martes 29 de xuño:

20.00: Mesa redonda

Do Myspace ao Facebook. O jazz navega

Salón de actos do MARCO. Entrada libre

21.30: Carlos “Zíngaro” Solo. Violín con electrónica

Salón de actos do MARCO. Entrada: 3€

Carlos “Zíngaro” (Lisboa, 1948) é un activista da arte experimental; expoñente da música improvisada europea, o violinista e compositor fundiu o seu traballo ao longo das últimas catro décadas noutras disciplinas como a danza, o teatro ou o cine. Ademais desenvolve a súa creatividade noutras lides como a ilustración e a banda deseñada. Pero é como virtuoso do violín desde o campo da improvisación como se presenta nesta sexta edición de Imaxina Sons cunha proposta electrónica. O son que Carlos “Zíngaro” extrae do violín aseméllase aos sons dos instrumentos de vento, xa que máis que referencias de violín, o músico portugués ten unha admiración especial por clarinetistas e saxofonistas. Na súa longa traxectoria participou nas grandes citas de jazz e da música de vangarda en todo o mundo.

• Mércores 30 de xuño:

20.00: Mesa redonda

The Jazz I Love (O jazz que amo). Os escritores tamén improvisan

Salón de actos do MARCO. Entrada libre

21.30: Marisco Fresco

Salón de actos do MARCO. Entrada: 3€

Desde hai anos Germán Díaz (Valladolid, 1978) traballa para amosar que a zanfona é un instrumento que se adecúa perfectamente á música contemporánea. Por esa razón, para moitos especialistas é un dos músicos máis sorprendentes dos últimos tempos; algúns din que toca a zanfona como se fose un instrumento distinto –póñase o caso, o violín-, o certo é que a sonoridade resulta impredicible. Diego Martín é un dos baterías máis recoñecidos en España nos últimos tempos; desde os anos noventa formou parte de bandas de pop, de folk e de jazz. Ambos proceden desa terra interior que é Castela pero adoran os froitos de mar; Germán Díaz muda en langosta e Diego Martín en centola cando soben ao escenario como Marisco Fresco.

Diego Martín, batería, percusión e efectos especiais.

Germán Díaz, zanfona, caixa de música e living loop.