rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
INFORMACIÓN XERAL. ACTIVIDADES MARCO

INFORMACIÓN XERAL. ACTIVIDADES MARCO

Datas: 
28 xullo 2023 - 31 decembro 2023

En paralelo ás exposicións temporais, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, ten en marcha unha programación estable de actividades paralelas e complementarias. Así, reforzando a actividade expositiva e intensificando o carácter contemporáneo do centro, o salón de actos e outros espazos do museo acollen un conxunto de actividades nos máis variados ámbitos creativos, especialmente entre os meses de setembro e xullo: programación audiovisual, cursos, talleres, seminarios, conferencias, concertos e festivais, ademais da posibilidade de aluguer e cesión de espazos en colaboración con empresas, colectivos e institucións.

O programa educativo é parte esencial do día a día do centro, e as actividades da área de Didáctica, que se renovan en función das exposicións temporais, teñen distintos destinatarios (escolares, público infantil e adulto, familias, grupos e colectivos con necesidades específicas) e funcionan como vía de comunicación entre a sociedade e o museo. Pola súa banda, a Biblioteca-Centro de documentación organiza distintas actividades complementarias dirixidas aos seus usuarios e ao público en xeral, entre as que destaca o Club de Lectura #BiblioMARCO.

O restaurante-cafetaría Mamá Elvira, con acceso independente, e a tenda-libraría LASAL BOOKS, xunto ao vestíbulo principal, completan o círculo de servizos do MARCO aos seus visitantes.