rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
encabezado

Información Práctica

 

O programa educativo, en relación directa coas exposicións temporais, é un dos eixes do MARCO como proxecto, unha fonte de experiencias e de aprendizaxe sobre a percepción. Ao longo do ano o MARCO ofrece unha programación estable na que destacan as visitas e talleres para escolares, as actividades para familias, e os cursos de adultos, xunto con outros programas e eventos en función do calendario e das necesidades de distintos públicos.

Escolares  

Ao longo de todo o curso escolar, o MARCO ofrece programas gratuítos de visitas e talleres relacionados coas exposicións temporais, con actividades específicas para alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP. O programa consiste nun percorrido polas salas de exposición en compañía de educadores especializados, e un taller posterior no 'Laboratorio das Artes', o espazo de didáctica do 1º andar. Os programas deséñanse á medida en función dos contidos da exposición e das idades ou ciclos educativos, e poden incluír actividades opcionais para antes e despois da visita ao MARCO.

A visita + obradoiro ten unha duración de 1 hora e 15 minutos. Sexa cal sexa o número de participantes de cada centro, á súa chegada o persoal educador os organiza en grupos de 25 alumnos/as para un mellor rendemento das actividades. Cómpre que os adultos que acompañan ao grupo permanezan con eles en todo momento. Non está permitido comer e beber no museo, exceptuando a zona de cafetería. Se o grupo ten algunha necesidade especial, ou prefire adaptar a visita na súa duración ou contidos, non dubiden en comunicalo con antelación ao noso departamento educativo.

Horario:

Martes, mércores, xoves e venres de 11.00 a 13.30
1ª quenda de 11.00 a 12.15 e 2ª quenda de 12.15 a 13.30
[Fóra deste horario existe tamén a opción de organizar visitas (sen obradoiro) polas tardes, en horario de 17.00 a 20.00]

Para as visitas de escolares é imprescindible cita previa.
Contacto:

Patricia Verdial
986 113900 (ext. 304), en horario de 09.00 a 15.00
info@marcovigo.com

Familias

Obradoiros para nenos/as a partir de 3 anos
Horario: sábados e domingos de 12.00 a 14.00
[Programa interrumpido temporalmente. PROXIMAMENTE + info nesta web]

O achegamento e familiaridade co espazo do museo, a experimentación con diversas técnicas e materiais, e os xogos colectivos, son características básicas das actividades para familias que teñen lugar no MARCO as fins de semana.

Os acompañantes que o desexen poden ausentarse do Laboratorio das Artes e deixar os nenos/as cos educadores durante un máximo de 2 horas. Durante ese tempo poderán permanecer nas instalacións do museo ou ben ausentarse deste. Neste último caso será imprescindible deixar un teléfono móbil de contacto para a súa localización.

Para maior eficacia na organización dos grupos e desenvolvemento das actividades, a hora límite de entrada aos talleres é ás 18.15 os venres, e ás 12.15 os sábados e domingos.

O adulto que deixe os nenos no Laboratorio das Artes figura como responsable e deberá ser a mesma persoa e non outra quen os recolla posteriormente no mesmo lugar. O número máximo admisible por sesión é de 3 nenos por adulto.

Información:
Tel. 986 113900 
marta.viana@marcovigo.com

Cursos

Cada ano, entre os meses de outubro e maio, o MARCO organiza varios cursos sobre arte e cultura contemporánea, para persoas interesadas nas manifestacións artísticas dos séculos XX e XXI. Se ben os programas poden variar en cada edición, trátase de cursos de iniciación á arte contemporánea, de cursos temáticos e interdisciplinares, e de cursos monográficos que permiten unha análise máis profunda de artistas ou períodos concretos.

Información: a partir da 1ª semana de setembro
Tel. 986 113900
marta.viana@marcovigo.com