rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Manuel Segade


Manuel Segade (A Coruña, 1977) é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa investigación predoutoral centrouse na revisión da teatralidade e as estruturas lingüísticas alegóricas na escultura da década dos oitenta a través da obra de Juan Muñoz. Dende 1998 traballa en fragmentos dunha historia cultural das prácticas estéticas de finais do século XIX, en torno á produción dunha subxectividade somática e sexualizada, sobre o que publicou o ensaio Narciso fin de siglo (Melusina, 2008).

Durante 2005 e 2006, foi coordinador de contidos de Metrònom Fundació Rafael Tous d'Art Contemporani de Barcelona. Entre 2007 e 2009 foi comisario no CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela. A partir de 2009 retomou o seu traballo como comisario independente, realizando proxectos para a Fundació Joan Miró, La Casa Encendida, ARCO, MUSAC, Centre d'Art La Panera, Pavillon Vendôme (Francia), Kadist Foundation (Francia), Bienal de Cuenca (Ecuador), ArteBA (Buenos Aires) TENT, (Róterdam) ou o CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles (Madrid). Foi profesor de prácticas curatoriais en diferentes programas de postgrao e máster como Honnours in Curatorship de la Michaelis University en Cidade do Cabo (Sudáfrica) ou o Programa de Estudos Independentes do MACBA e actualmente é titor da École du Magasin de Grenoble (Francia). Nos seus últimos proxectos intenta ofrecer formas de achegamento gestual ao comisariado como outros modos de distribución discursiva, en formatos de pedagoxía e educación e en accións curatoriales próximas á performance.

Actualmente reside en Madrid onde dirixe o Centro de Arte Dos de Mayo (CA2M) de la Comunidad de Madrid.