Maratón Fotográfico. XXIII EDICIÓN 2018
Ficha
Presentación e entrega premios XIII Edición Maratón Fotográfico
A partir do venres 19 de outubro, o Espazo Anexo do MARCO exhibirá os traballos presentados na máis recente convocatoria do Maratón Fotográfico. Organizado pola AFG Agrupación Fotográfica Galega, o Maratón chegou en 2018 á súa XXIII edición, que tivo lugar o 29 e 30 de setembro.
A exposición
Tomando como punto de partida esta edición 2018, os espazos do MARCO acollerán, a partir do 19 de outubro, dúas mostras representativas, a un tempo, da historia e da actualidade do Maratón.
No Espazo Anexo, na praza peonil posterior, unha mostra dos traballos presentados nesta XXIII edición do Maratón, en torno aos catro temas propostos: Calma, Múltiple, Resistencia, Inesquecible. Unha oportunidade para gozar dun conxunto de imaxes evocadoras, diferentes na súa inspiración e características formais, que cada participante escolleu para representar os catro temas en forma de serie fotográfica.
Na sala do vestíbulo principal, unha Retrospectiva 2013-2017, con selección de imaxes das series gañadoras nas cinco últimas edicións, que conforman unha mistura de temas, interpretacións, estilos e modos de transmitir a través da fotografía.
O Maratón Fotográfico e a AFG
A Agrupación Fotográfica Galega, fundada en 1946 e aberta a todos os amantes da fotografía e do cine, foi pioneira en Galicia e veu desenvolvendo dende entón un importante labor, con actividades de formación e divulgación como cursos de fotografía ou faladoiros sobre foto e cine.
Foi en 1995 cando a AFG organizou o seu primeiro Maratón Fotográfico ‘Concello de Vigo’, que daquela se incluía dentro das festas da Semana Grande. Dende entón, o Maratón nunca deixou de celebrarse, se ben cambiou varias veces de espazo de exposición, evolucionou no seu formato e duración, e adaptouse aos cambios derivados dos avances técnicos e da fotografía dixital. Hoxe en día, aberto á participación de calquera persoa interesada e afeccionada á fotografía, o certame articúlase en torno a catro eixos: 24 horas de duración, 4 temas, 20/25 series seleccionadas, e 3 series gañadoras.