rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MARCO 21º ANIVERSARIO

MARCO 21º ANIVERSARIO

Datas: 
17 novembro 2023 - 19 novembro 2023

Programación especial de actividades


Cada 13 de novembro, o MARCO cumpre anos dende a súa apertura ao público en 2002. Con motivo deste Aniversario, o Museo ofrece unha programación especial durante a fin de semana do 17 ao 19 de novembro: obradoiros de arquitectura para público infantil e familiar, actividades do Festival Vertixe, unha nova sesión do ciclo de cinema "Unha ponte coa lusofonía", e propostas para público infantil e adulto en torno á exposición de Concha Martínez Barreto. Ademais, a celebración prolóngase ata a última semana do mes, concretamente o 28 de novembro, coa visita de Marcos Giralt Torrente, protagonista da charla-encontro arredor da súa obra literaria e da figura do seu pai, o pintor Juan Giralt.

#MARCO21ANIV #MARCO21anos

VENRES 17 NOV
Quen é quen?
OBRADOIRO PARA PÚBLICO ADULTO

En torno á exposición Cando remata o día, de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO

Conducido por Maria Xosé Martínez (Didáctica MARCO)
Participantes: persoas adultas, público en xeral
Venres 17 novembro, de 19.00 a 20.30
Salas de exposición e Espazo Anexo
Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com

A obra de Concha Martínez Barreto (Fuente Álamo, Murcia, 1978) aborda temas relacionados coa memoria, a morte e o vínculo. A través de técnicas e medios moi diversos, indaga no pasado deixando constancia da dificultade de toda rememoración e, á vez, da importancia de mostrar os fragmentos, as pegadas que deixa o tempo. Usando unha poética coa que dá conta de como o pasado configura as nosas vidas, a artista opera como unha arqueóloga que revelase capas que permanecían ocultas, mostrando a profundidade do tempo, as feridas, o amor e, en definitiva, as raíces nas que se ancora a identidade.

Tomando como punto de partida algunhas das obras presentes na exposición do MARCO, neste taller traballaremos a partir de fotografías nas que illamos retratos de persoas para crear novas escenas, situándoas nun novo contexto de espazo e tempo.

SÁBADO 18 NOV
De que está feita a arquitectura?
OBRADOIRO PARA PÚBLICO INFANTIL

En torno ao edificio do MARCO

Conducido por Taller Abierto
Participantes: público infantil de 6 a 12 anos. Máximo 20 participantes
Sábado 18 novembro, de 12.30 a 14.00
Edificio MARCO e Espazo Anexo
Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com

Neste obradoiro vinculado á observación e á vivencia do espazo, sacamos partido das posibilidades que ofrece o propio edificio do MARCO para motivar unha aprendizaxe significativa sobre a escala, as estruturas, a forma e función na arquitectura. Reflexionamos sobre a importancia do patrimonio, coñecemos as ferramentas dos profesionais da arquitectura e o seu vocabulario específico, e apreciamos as calidades formais e espaciais deste edificio. O traballo de observación combínase coa experimentación creativa, favorecendo a imaxinación e o desenvolvemento do pensamento diverxente vinculado ao patrimonio e á nosa contorna.

SÁBADO 18 NOV
Cada moucho na súa oliveira
OBRADOIRO PARA PÚBLICO INFANTIL

En torno á exposición Cando remata o día, de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO

Conducido por Maria Xosé Martínez (Didáctica MARCO)
Participantes: público infantil de 3 a 6 anos. Máximo 25 participantes
Sábado 18 novembro, de 11.00 a 12.30
Salas de exposición e Espazo Anexo
Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com

Na nosa visita ás salas da exposición de Concha Martínez Barreto, descubrimos varios tipos de refuxios para persoas e animais. Por exemplo, niños de andoriñas! Onde vimos outros similares? Observamos exemplos de distintos tipos de niños de aves e fixámonos nas súas diferenzas respecto a tamaño, material, habitantes, localización... A continuación, no taller, traballaremos con varios tipos de materiais para idear e construír o noso niño-refuxio para un animal alado, que pode ser real ou imaxinario.

SÁBADO 18 NOV
“Intelixencia artificial. Pasado, presente e futuro”
CHARLA-ENCONTRO FESTIVAL VERTIXE SONORA

Como actividade previa ao concerto do domingo 19, Roberto Alonso e Marek Poliks conversan sobre o pasado, presente e futuro da IA en ámbitos musicais.

Organiza: Vertixe Sonora
Sábado 18 novembro, de 12.00 a 13.30
Salón de actos
Para público en xeral. Entrada libre ata completar capacidade

O futuro da música substituirá (e está a substituír) aos instrumentos e a instrumentalidade con verticalidades algorítmicas capaces de despregar e recombinar a totalidade histórica literal do audio gravado segundo macro-categorías baseadas no afecto. Facer música terá que pasar dunha experiencia en tempo real a unha de xeración de audio baseada en avisos, xestión de resultados e operacións de refinamento preparadas e impulsadas pola conformidade.

Neste encontro organizado por Vertixe Sonora e incluído nas actividades do Festival Vertixe, Roberto Alonso, creador do proxecto Archon e Demiurge, e Marek Poliks, conversarán sobre o pasado, presente e futuro da IA en ámbitos musicais.

SÁBADO 18 NOV
“Unha ponte coa lusofonía”
CICLO DE CINEMA LUSÓFONO

4ª sesión do ciclo, dedicada a Angola

Organiza: Abella Producións
Coa colaboración de: Deputación Pontevedra, Concello de Vigo, Instituto Camões CCP Vigo
Sábado 18 novembro, de 19.00 a 20.30
Salón de actos
Para público en xeral. Entrada libre ata completar capacidade

PROGRAMA / PROXECCIÓNS

Malo (Dreça Manuel, 2023)
Nossa señora da loja do chinês (Ery Claver, 2022)

O ciclo “Unha ponte coa lusofonía” chega ao seu fin o 18 de novembro, coa sesión dedicada ao cinema contemporáneo de Angola e a proxección de dúas películas: a curtametraxe Malo, de Dreça Manuel, estreada recentemente en Angola, e a longametraxe Nossa Senhora da Loja do Chinês, de Ery Claver. Ambos os dous filmes, da premiada produtora Geração 80, foron seleccionados para varios festivais internacionais e retratan a nova realidade do cinema no país africano.

Nossa Senhora dá Loja do Chinês rodouse íntegramente na cidade de Luanda. O director ve historias nas que a cámara capta a realidade, pero a cámara, a diferencia dos ollos, non chora; a cámara é unha fría escrava da realidade, non está permitido soñar. Malo, a peza máis recente da directora Dreça Manuel, estreouse no prestixioso concurso Unitel Angola Move 2023, onde recibiu o premio á mellor curta.

DOMINGO 19 NOV
Arquitectura no museo: un xogo de pistas e percorridos
OBRADOIRO PARA PÚBLICO FAMILIAR

En torno ao edificio do MARCO

Conducido por Taller Abierto
Participantes: público infantil a partir de 5 anos acompañado de persoas adultas
Máximo 36 participantes
Domingo 19 novembro, de 12.00 a 13.30
Edificio MARCO e Espazo Anexo
Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com

Un plano e un caderno de campo para descubrir o MARCO, serven de guía para este taller familiar. Unha experiencia didáctico-sensorial a través dunha secuencia de actividades que, como un circuíto de probas encadeadas, supón unha mirada alternativa cara ao lugar. A través do xogo simbólico, persoas adultas e público infantil convértense en exploradoras por un día, observan con detemento buscando pistas, e viven o espazo pasado e presente de forma consciente e creativa. Un taller que promove o diálogo interxeracional, experimentando coas posibilidades que brinda o espazo, e que nos axuda a entender o pasado do edificio e a súa transformación en museo.

DOMINGO 19 NOV
ARCHON. Verbas do Demiurge
CONCIERTO FESTIVAL VERTIXE SONORA

Biblioteca de obxectos de improvisación libre, dispositivos analóxicos e medios electrónicos con soporte visual

Roberto Alonso (violín, multimedia) e Iván Ferrer-Orozco (medios electrónicos)
Organiza: Vertixe Sonora
Domingo 19 novembro, de 13.00 a 14.30
Salón de actos
Para público en xeral. Entrada libre ata completar capacidade

Archon é unha interface de código aberto deseñada para Demiurge, ecosistema de rendemento xenerativo impulsado pola aprendizaxe automática. Demiurge e Archon foron construídos na crenza de que a música do futuro terá como punto de partida o post traballo; suplantando os instrumentos pola transferencia de estilo, a xeración de bibliotecas de mostras e a proliferación de patróns; substituíndo o propio estudio por operacións de conformidade preparadas.

MARTES 28 NOV
“A pintura dun pai”
Conversa sobre a obra de Juan Giralt e a novela Tiempo de vida, de Marcos Giralt Torrente

Actividade complementaria Club de Lectura #BiblioMARCO

Coa participación de: Marcos Giralt Torrente, Miguel Fernández-Cid, Ramón Rozas
Organiza: Biblioteca-Centro de documentación MARCO
Martes 28 novembro, de 19.00 a 20.30
Salón de actos
Aberto ao público en xeral ata completar capacidade
Posibilidade de reserva de praza para participantes Club Lectura #BiblioMARCO e AAM, Agrupación Amiga do MARCO a través do correo-e centro.documentacion@marcovigo.com (do 21 ao 27 de novembro)

Dentro da programación do Club de Lectura #BiblioMARCO, e no contexto da exposición de JUAN GIRALT no MARCO, elixiuse como primeira lectura da tempada Tiempo de Vida, de Marcos Giralt Torrente, fillo do pintor e co comisario da mostra. Como actividade complementaria do Club de Lectura, e en relación coas actividades do 21º Aniversario, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO organiza este encontro co escritor Marcos Giralt Torrente, a modo de conversa co xornalista e crítico de arte Ramón Rozas, e o director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, que tamén comisaría a mostra.