rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Programa do Seminario Comúns e Cultura

Programa do Seminario Comúns e Cultura

Datas: 
7 outubro 2017
Lugar: 
#SalóndoMARCO


O próximo sábado 7 de outubro terá lugar, no #salóndoMARCO, o Seminario Comúns e Cultura. Este encontro procura contribuír, na inqueda coxuntura presente, a un pensar dos comúns por vir. Abertos a un proceso constante de negociación e mesmo de reapropiación, os comúns impelen a redefinir a “comunidade” e a “cidadanía”, así como a propia noción de “cultura” e as prácticas que a ela se asocian, como resultado e motor de procesos de decisión e autoxestión que descadran a eco-nomía do propio.

O Seminario, froito da colaboración entre o colectivo Proxecto Derriba e o comisario do  #salóndoMARCO, resulta dunha convocatoria aberta na procura de axentes diversas relacionadas cos comúns. A través deste encontro pretendese contribuir performativamente á institución e constitución dos comúns (pasados e por vir) hoxe. A xornada clausurase así cun obradoiro aberto no que  o obxecto é a realización dun prototipo de institución para os comúns. 

Horario 

10:00 - 10:15 Presentación do Seminario

10:15 - 11:30 O común en condicións de complexidade por Amador Fernández Savater

11:30 - 12:45 Comunidades e prácticas artísticas por Hugo Cruz

12:45 - 13:00 Descanso

13:00 - 14:00 Mesa Institucións e comúns con Jorge Linheira e Uxío Novoneyra

16:00 - 16:45 Non tan febles: comunidades, comúns e conflictos por Ana Cabana

16:45 - 17:30 As aprendizaxes comúns arredor dos montes veciñais por Montenoso

17:30 - 19:30 Obradoiro de prototipado dunha institución cultural para os comúns con Andrea Rico

19:30 - 20:00 Conclusións

O Seminario é organizado polo PROXECTO DERRIBA colectivo  adicado á reflexión ao redor do pensamento contemporáneo. Defínense a si propios como “unha comunidade singular e acéfala”. A súa longa co-operación parte dun aquí e dun agora concretos, malia que sinta a necesidade de abrirse a todo aquilo que poida acontecer noutros lugares e contextos, e dun outro concepto da comunidade e do común, que transita polos camiños da non pertenza da des-obra. Entre os seus proxectos destaca a revista de pensamento contemporáneo Derritaxes, a edición dunha serie de monografías en copyleft xunto a Estaleiro Editora, e a organización de múltiples seminarios sobre  pensamento contemporáneo.

Bio participantes

Amador Fernández Savater é codirector da Editorial Acuarela Libros, e autor de Fuera de lugar. Conversaciones entre crisis y transformación. Actualmente está investigando sobre as institucións do común a partir de casos concretos, como son os centros sociais Tabacalera e Campo de Cebada en Madrid.

Hugo Cruz é licenciado en psicoloxía pola Universidade do Porto, director artístico do Festival Arte e Comunidade do Porto e o coordinador do libro Arte e Comunidade, editado pola Fundação Calouste Gulbenkian coa colaboración da Direcção-Geral das Artes e a PELE. Tamén é coordinador do núcleo do Teatro do Oprimido do Porto.

Jorge Linheira é licenciado en ciencias políticas, máster en Xestión Cultural, membro do “Centro de Estudios sobre Cultura, Poder e Identidades” da Universitat de València e do grupo de autoxestión do Matadoiro Compostela.

Uxío Novoneyra é licenciado en ciencias políticas pola USC, é coCEO de Os Eidos, secretario da Fundación Uxio Novoneyra e ten impulsado a plataforma de financiamento colectivo de literatura ITH Crowdfunding.

Ana Cabana é doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2006) con Premio Extraordinario, coa tese Entre a resistencia e a adaptación. A sociedade rural galega no franquismo (1936-1960). Actualmente é profesora contratada doutora no Campus de Lugo da USC e membro de HISTAGRA.

Montenoso, un colectivo que nace no 2013 e que ten como obxectivo recoñecer a importancia dos montes veciñais en man común, así como activar procesos que revirtan na capacidade das comunidades veciñais para xestionar de forma sostible os seus recursos. Foron gañadores dunha Mención de honra no Festival Prix Ars Electronica 2014 de Austria.

Durante o Seminario acompañaranos tamén Andrea Rico, licenciada en educación social e especialista en facilitación de grupos. Forma parte da Coop Rexenerando e ten traballado como mediadora en proxectos artísticos con museos como o CGAC e o MUSAC. Coa súa colaboración levaremos a cabo un obradoiro a modo de peche do Seminario, no que pretendemos pensar xuntxs como sería o prototipo dunha institución en común.

Descarga: