rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Próspera de Carme Nogueira

Próspera de Carme Nogueira

Ficha

Datas: 
22 febreiro 2008 - 11 maio 2008
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Instituto Cervantes
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

Obras en exposición

Como continuación do proxecto PRÓSPERA, presentado no mes de setembro no Instituto Cervantes de Pequín, a artista Carme Nogueira (Vigo, 1970) busca de novo un diálogo coa cultura chinesa que nesta ocasión toma como referencia o contexto máis próximo, a cidade onde vive e desenvolve o seu traballo.

A proposta para o Espazo Anexo do MARCO inclúe varias intervencións dentro e fóra do ámbito expositivo propiamente dito, xogando coa ambivalencia dos lugares públicos e privados: accións na rúa, instalacións e videoproxeccións dentro da sala de exposición, e unha intervención coa artista Azucena Vieites sobre a fachada posterior do MARCO, fronte ao Espazo Anexo.

 

Síntese do proxecto

PRÓSPERA, da artista galega Carme Nogueira, enmárcase no conxunto de actividades artísticas e culturais organizadas polo Instituto Cervantes con motivo da celebración do Ano de España en China. En setembro de 2007, o MARCO de Vigo presentou no Instituto Cervantes de Pequín unha proposta de Carme Nogueira que establecía un diálogo entre a cultura chinesa e a española centrado especialmente no crecemento económico e urbano.

O nome do proxecto xoga con varios sentidos do termo: en español, 'Próspera' procede do vocábulo latino prospĕrus, que significa 'favorable, propicio ou venturoso', pero é tamén o nome dun bazar chinés en Vigo, cidade na que traballa e vive a artista.

A obra de Carme Nogueira en Pequín consistía en varias pezas relacionadas, con accións na rúa, unha intervención site-specific na fachada, e unha instalación no interior da sala de exposicións. Un proxecto que agora ten a súa continuidade no Espazo Anexo do MARCO, e que se relaciona coa mirada desta artista sobre o espazo público, sobre o significado do contexto urbano, o seu uso e as súas alteracións, presentes xa en propostas anteriores.

A intervención sobre a fachada do Instituto Cervantes de Pequín atopa o seu paralelo en Vigo mediante unha acción sobre a parede posterior do MARCO, realizada en colaboración coa artista Azucena Vieites. A acción a pé de rúa que tivo lugar en China, co posto de venda/repartición de camisetas serigrafiadas coa palabra 'Próspera', adquire un novo significado pola diferenza de contexto urbano, social, cultural e comercial. E ambas as dúas teñen o seu reflexo no interior do Espazo Anexo, a través de vídeos que serven como documentación destas accións, proxectados sobre unha das paredes interiores e sobre as caixas que conforman a instalación da serie Refuxios.

A intervención de Azucena Vieites —un grafiti coa portada do libro New Feminism (Eds. Marina Gržinić, Rosa Reitsamer. Löcker Verlag, Viena, 2007) deseñada pola propia artista— realizouse sobre a fachada posterior do MARCO antes da inauguración, nunha hora tardía, case na escuridade. Intencionadamente, as artistas reforzan así a idea de actuar á marxe do establecido, e nun lugar pouco transitado. No interior da sala, os audiovisuais que documentan as accións de rúa en Pequín e Vigo se presentan enfrontados para marcar os contrastes entre o día e a noite, entre o espazo comunitario e o conflitivo, como un diálogo entre complementarios. E inclúese tamén unha instalación fotográfica sobre as caixas dos Refuxios, cuxa estrutura está baseada nun hutong, veciñanza tradicional de pequenas casas compartidas que mostra a importancia da vida comunitaria na sociedade chinesa.

Os Refuxios de Carme Nogueira, realizados a partir de caixas de cartón a escala humana, suxiren unha forma de ocupación do espazo que ten que ver coa visión dun contexto arquitectónico e urbanístico, pero tamén coa idea de in-corporación, de facer dese espazo parte do corpo. Refuxios emocionais e case físicos, que nos fan conscientes da precariedade da nosa posición.

Artistas

Carme Nogueira

Carme Nogueira (Vigo, 1970) é licenciada en Belas Artes pola Universidad de Salamanca e Doutora pola Universidade de Vigo. Premio extraordinario de doutoramento no curso 2001-2002, foi profesora asociada e investigadora na Universidade de Vigo, e bolseira na Hochschule de Berlín. Estudou tamén con Pedro G. Romero (Quincena de arte de Montesquiu, 1990) e participou en proxectos como Atelier Christoph Colomb (Burdeos-Sevilla-Salamanca, 1993); Encuentros (Burdeos-Arteleku-Salamanca, 1993); Bienal de Maastrich (1993), e Sólo para tus ojos (Arteleku, 1997). Foi cofundadora da revista de arte e cultura Fe (1995-1999).

É autora do estudio La representación como puesta en escena: para una teoría de la mirada (Alfons el Magnanim, ed. Valencia, 2001), sobre a confluencia entre a arte e o espectador nos modelos de representación post históricos, abordando a análise das diversas estratexias de identidade culturais e políticas que se dan nesta relación. Nesta liña, é autora de conferencias e artigos como Los otros espectadores. Identidades multiculturales (Univ. Vigo, 1998), Reinterpretando el privilegio: estrategias de resistencia cotidiana (II Congreso de estudios postcoloniales, 2001) ou La representación puesta en escena: contextos (Desacuerdos. Mutaciones del feminismo: genealogías y prácticas artísticas. Arteleku, San Sebastián, abril 2005).

Entre os seus proxectos expositivos destacan a súa participación en Idensitat (Barcelona, 2007), Nos Camiños (CGAC, Santiago, 2007), La ciudad interpretada (Santiago de Compostela, 2006), proxecto Travesía de Vigo, xunto con Santiago Cirugeda (Galería adhoc, Vigo, 2006), a serie Refuxios (Urbanitas, MARCO de Vigo, 2006; Metrònom, Barcelona, 2005/2006; Galería adhoc, Vigo 2004/5; Coro da Universidade de Santiago, 2003), Corpos de produción (Santiago, 2002-2003), El cuerpo extraño (Galería adhoc, Vigo, 2001), Negro (Galería Visor, Valencia, 2002), Ecosofías (Sala Amadís, Madrid, 2000) e a súa participación na Bienal de Pontevedra (2000).

 

Texto curatorial

O significado do contexto urbano, o seu uso e as súas alteracións, sérvelle a Carme Nogueira como punto de partida para desenvolver as súas pezas máis recentes. O proxecto PRÓSPERA, coproducido entre o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e o Instituto Cervantes, con motivo do Ano de España en China, céntrase no uso que o cidadán fai do espazo público e privado, dos lugares de tránsito que adquiren novas connotacións no momento da experiencia individual e de grupo.

A intervención site-specific realizada na fachada do Instituto Cervantes de Pequín en setembro de 2007, adquire no MARCO unha nova intención. A artista reformúlase os usos de cada lugar, e aquela primeira intervención realizada fronte ao edificio do Instituto Cervantes substitúese en Vigo por unha acción na que Carme Nogueira, en colaboración coa artista Azucena Vieites, transforma a rúa peonil nun punto de encontro. A nova acción, cuxa pegada permanece na fachada, funciona de novo como un 'falso reflexo', ao ser reducida a unha soa imaxe —de novo ocupando a fronte da sala de exposición— que resume a ocupación pública 'non autorizada' levada a cabo pola artista.
Tanto as accións e intervencións na rúa, como na instalación dos seus Refuxios no interior da sala e os vídeos da súa experiencia en Pequín, relaciónanse coa idea do espazo público como espazo posuído.

Carme Nogueira actúa de mediadora entre dúas institucións que a elixen como intérprete dun proceso no que o cultural está tamén marcado polo económico, xa sexa porque as negociacións a grande escala entre países sempre son así, ou pola imaxe popular que se crea. Consciente do carácter mercantil das relacións cotiás entre países, a artista realiza o seu proxecto a partir do bazar chinés 'Próspera', situado en Vigo. Situou fronte ao Instituto Cervantes un dispositivo onde se repartían camisetas brancas de Lefties (Zara) impresas cunha dobre lenda: a palabra 'Próspera' —en castelán e invertendo as letras— se serigrafía por dentro, e o mesmo vocábulo aparece en chinés na cara visible. Como resultado da experiencia, xa dentro da sala de exposición, a artista presenta unha instalación que evoca binomios como dentro/fóra, interior/exterior, e Pequín/Vigo, o lugar onde se pecha o proxecto.

Iñaki Martínez Antelo
Comisario da exposición

Texto artista

"O modo de comportarse, mostrarse, resistirse, crea espazos propios que non se poden ver, pero que habitan o contexto. In-corporan actitudes que dan forma a un novo espazo, unha forma de vivir que é, en certo modo, un 'refuxio' no espazo social. Estes 'espazos persoais' funcionan dun modo similar a esas formas de habitabilidade que denominamos arquitectura popular".

"Eses novos espazos persoais, tanto na forma de refuxios físicos coma nas abstraccións das respostas emocionais, acaban influíndo no espazo circundante de forma que varían o seu significado. Deconstrúen o seu sentido. Do mesmo xeito que os refuxios físicos negan a ordenación do espazo, as regras que intentan organizar, dar sentido, a un espazo organizado, os refuxios emocionais que nos construímos para defender unha postura persoal, manter unha distancia crítica, un lugar propio, tamén transforman o contexto social no que se sitúan".

Carme Nogueira

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.