rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Puntos de Encontro I. Pedro Barateiro

Ficha

Datas: 
30 xaneiro 2009 - 5 abril 2009
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

 

‘Amanhã não nasce ninguém’, de Pedro Barateiro, é a primeira das cinco exposicións que conforman o proxecto PUNTOS DE ENCONTRO/ MEETING POINTS, que se desenvolve ao longo de 2009 no Espazo Anexo. Pedro Barateiro, Manuel Eirís, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e José Dávila traballarán sobre o concepto de cidade contemporánea como espazo heteroxéneo, onde se establecen unha serie de relacións entrecruzadas entre puntos e elementos. Os cinco artistas teñen en común un interese cara ao contexto social ou arquitectónico. Unha vez finalizado o proxecto, editarase un catálogo que incluirá documentación sobre as cinco exposicións, acompañada de textos críticos.

Obras en exposición

Interesado en investigar sobre a construción da mirada e da historia, e sobre a capacidade da fotografía e do cinema para construír e deconstruir significados, Pedro Barateiro (Almada, Portugal, 1979) presenta ‘Amanhã não nasce ninguém’, unha video-instalación que reúne moitas das preocupacións que caracterizan o seu traballo. O conxunto inclúe unha película en 16 mm transferida a DVD, unha composición musical realizada especifícamente por Manuel Mota (Lisboa, Portugal, 1970), un cartel e unha peza escultórica —un cinema 'construído’— para albergar a proxección.

A película foi realizada grazas á colaboración das seguintes empresas: Margueira (antigos Estaleiros Lisnave, Portugal) / Factorías Vulcano (Vigo), Metalships (Vigo), Estaleiros Armón (Vigo), Estaleiros Barreras (Vigo), Estaleiros Francisco Cardama (Vigo), Estaleiros Lagos (Vigo), Coterena (Vigo).

 

Artistas

Pedro Barateiro

(Almada, Portugal, 1979)

Nas obras de Pedro Barateiro -fotografías, colaxe, debuxos, películas, obxectos, instalacións- subxace un interese por investigar a interpretación, a apropiación ou os usos da imaxe e, aínda que non dunha forma puramente literaria, o texto enténdese como parte inseparable desta. Na Bienal de Sidney de 2008 presentou Eighty Two Poems, oitenta e dous videopoemas para ser exhibidos, un por día, ata a clausura da exposición. En Composição, presentada en 2007 na Galería Pedro Cera de Lisboa, parte de imaxes de propaganda realizadas durante o Salazarismo, en Portugal, para reflexionar sobre o uso do cinema na creación de discursos totalitarios.

O material documental e a ficción conxúganse no seu traballo, sempre a partir de referencias históricas ou literarias, da perda de referentes ou de referencias á autoría, como no caso das fotografías intervidas tomadas das páxinas das revistas francesas Cahiers du Cinéma e Positif. Sobre a cuestión do espazo e a representación -ou construción- deste, tratan series como Psychogeographical Maps ou a película Travelogue, 2006, que supón unha continuación dos mapas psicogeográficos e que inclúe fragmentos de documentais sobre o desenvolvemento de cidades nas antigas colonias portuguesas Angola e Mozambique. ‘Unha parte do meu traballo recente ten moita relación coa arqueoloxía, pola apropiación que fago das imaxes e os métodos de montaxe que aplico', comenta o artista; ‘estou interesado na abstracción e nos procesos de deconstrucción da historia'. Na 5ª Bienal de Berlín (2008) presentou The Naked City/A Cidade Núa, cunha publicación e dúas estruturas situadas na rúa, que reproducían dúas paradas de autobús existentes no seu día na Unión Soviética que reconstrúe a partir de fotografías e que, no contexto da Bienal, adquiren un carácter escultórico. En Amanhã não nasce ninguén, a nova produción que presenta no MARCO, o artista usa imaxes en 16 mm filmadas por el mesmo nas súas visitas aos antigos estaleiros de Lisnave (Lisboa) e Vigo.

Pedro Barateiro naceu en Almada en 1979. Obtivo un MFA in Visual Arts en Mälmo Art Academy, Suecia (2006) e frecuentou a Escola Maumaus en Lisboa (2002- 2004) despois de licenciarse na ESTGAD (Caldas da Rainha). Ensaios para uma Pintura Sonora foi a súa primeira exposición individual na Galeria Pedro Cera, Lisboa (2003), onde posteriormente presentou No Limite do Mundo (2005) e Composição (2007). Outras mostras individuais do artista son What are we doing here?, Spike Island, Bristol (2005), Estrutura Social, Sala do Veado, Lisboa (2007) e Domingo, Pavilhão Branco, Museu da Cidade, Lisboa (2008). Entre as colectivas destacan 16th Biennale of Sydney. Revolutions: Forms that turn, Sidney (2008), 5th Berlin Biennial. When things cast no shadow, Berlín (2008), Lugares comprometidos. Topografía y actualidad, Fundación ICO, PhotoEspaña, Madrid (2008), Art Premiere, (con Ricardo Valentim), Art 39 Basel, Basilea (2008), STREAM, White Box, Nova York (2007), Por Entre as Linhas, Portuguesa das Comunicações, Lisboa (2007), Import/Export, Fábrica, Guimarães, Portugal (2007), Antimonumentos, Galeria AH Arte Contemporânea, Viseu, Portugal (2007), MORR, Projecto 270, Costa da Caparica, Portugal (2007), Some stories on paper, Galeria Pedro Cera, Lisboa (2007), Intro, Espace Photographique Contetype, Bruxelas (2007), Rasura, Avenida, Lisboa (2007), Art Nova, Art Basel Miami Beach, Miami (2006), Busan Biennale 2006, Busan, Corea del Sur, Arquivar Tormentas, CGAC, Santiago de Compostela (2006), EDP Young Artists, Museu de Serralves, Porto (2003), Expect the World, Kunstlerhaus Bethatnien, Berlín e Museu do Chiado, Lisboa (programa de vídeo), 2003, e Video-Exchange, New York University, Nova York, 2002.

Texto curatorial

‘PUNTOS DE ENCONTRO /MEETING POINTS'

Coincidindo co inicio de 2009, o MARCO de Vigo pon en marcha o proxecto ‘PUNTOS DE ENCONTRO / MEETING POINTS', que se desenvolverá ao longo de todo o ano no Espazo Anexo, e para o que se seleccionaron cinco artistas coa intención de que establezan un diálogo entre o lugar de exhibición (a sala de proxectos) e o seu ámbito (a cidade). O proxecto inaugúrase coa exposición de Pedro Barateiro (Almada, Portugal, 1976), un dos novos artistas portugueses con máis proxección internacional, como proba a súa recente participación na Bienal de Sidney (2008) e Bienal de Berlín (2008).

A idea central do proxecto ‘PUNTOS DE ENCONTRO' é converter o Anexo no lugar de conclusión ou formalización das experiencias, fronte á consideración tradicional do museo como lugar de exposición do obxecto. A propia historia da sala, inaugurada en 2004 como espazo de proxectos para creadores galegos, anima a ampliar o significado dun lugar situado arquitectonicamente ‘fóra' do museo, nun espazo público exento que, por ‘contaminación' e ‘connotación', remata por ver anuladas as súas características e por transformarse no clásico cubo branco que illa a obra do seu ámbito inmediato. O termo emprazamento é unha forma de aludir ao tempo e ao espazo, aos conxuntos de relacións que se dan nun punto de encontro (meeting point), neste caso entre o museo e a rúa, entre o público e o paseante, entre a memoria particular e a recuperación e exhibición pública, entre a obra de arte e as estruturas cotiás coas que convive o cidadán.

A cidade contemporánea é un lugar heteroxéneo onde se establecen e se asentan unha serie de vínculos froito da rede de relacións entre as persoas e as cousas; lugares e relacións que se entrecruzan. O feito de intervir na cidade ou a partir dela implica unha reinvención, un plano máis que se xustapon aos cambios que se efectuan diariamente no ritmo urbano. A cidade, como analiza Nicolas Bourriaud no seu celebrado ensaio Estética relacional, ‘permitiu e xeneralizou a experiencia da proximidade' que desemboca na ‘elaboración colectiva do sentido'. É precisamente a análise das relacións entre museo e cidade o que serve de punto de partida ao proxecto: unha reflexión sobre os lugares que habitamos e sobre a historia de afinidades e rexeitamentos cara ao ámbito físico ou emocional. Analizar a transformación das vivendas ou o contexto social das cidades é o que se presenta a cada un dos artistas para levar a cabo a súa intervención, co fin de reconstruír significados, de transformalos ou de ‘desocultar' a orixe primeira dos nosos lugares de residencia.

Os artistas invitados presentan propostas que nacen fóra dos límites do museo, pezas que intentan ser intervencións con certo carácter ‘social', no sentido de que modifican as coordenadas lóxicas de percepción. O Anexo, pola súa singular localización, convértese no lugar apropiado para esta reflexión. Así, este proxecto non trata só da arte no contexto urbano, nin dos límites da escultura, da arte efémera ou da lóxica do monumento, senón das relacións entre museo e cidade, ou entre o artista e a obra ‘realizada especificamente para un lugar', na que o papel curatorial se centra no encargo de achegar novas experiencias sobre o público e o museo.

PEDRO BARATEIRO. ‘Amanhã não nasce ninguén'

No ano 1952, o novo Guy Debord, que se ía converter no principal teórico da internacional Situacionista, presentaba no Musée de l'homme de París a película ‘Hurlements en faveur de Sade' (Lamentos en favor de Sade), oitenta minutos de pantalla en branco con voz en off, reproducindo discursos letristas ou pos surrealistas. Ademais de pretender crear situacións, Debord transmitía esa negación absoluta do cinema: xa que o mundo fora filmado, tocáballe agora transformalo.

‘Lamentos en favor de Sade' foi a primeira da serie de películas que conforman a filmografía dun autor que utiliza a imaxe, descontextualizándoa, como xustificación do seu sedutor discurso. Precisamente, a transformación da mensaxe -unida á imaxe-, o apropiacionismo visual e textual que se dan ‘na sociedade do espectáculo' (1973) e en ‘In girum imus nocte et consumimur igni' (1978), ou a crítica ‘desapiadada' ao espectador, son algúns aspectos que nos animan a situar en Debord unha das influencias máis directas na obra de Pedro Barateiro.

O cinema de Pedro Barateiro é inseparable da súa traxectoria expositiva, na que subxace un interese por investigar sobre a construción de significados superpostos a partir da apropiación de imaxes ou textos. As súas fotografías, películas, colaxes ou debuxos son reconstrucións de discursos ou reflexións sobre a representación do espazo ou o tempo, teorizados por Debord, Gertrude Stein ou Henri Lefebvre, algúns dos autores máis citados polo artista. Parece querer suprimir o autor para que fale a linguaxe, as imaxes, e xa se dixo que a morte do autor vai ligada ao nacemento do lector/espectador.

No MARCO, Pedro Barateiro presenta ‘Amanhã não nasce ninguém', unha video-instalación que reúne algunhas das preocupacións que caracterizan o seu traballo. O conxunto inclúe unha película en 16 mm transferida a DVD, unha composición musical realizada especifícamente por Manuel Mota (Lisboa, Portugal, 1970), un cartel e unha peza escultórica -un cinema ‘construído'- para albergar a proxección. Tanto na película coma no statement que dá título á intervención, ‘Amanhã não nasce ninguém' -que adquire visibilidade no cartel que completa o proxecto- percíbese un paradoxo entre porvir e pasado, un debate ligado a esa modernidade asumida tras o capitalismo e a revolución industrial. O artista constrúe por vez primeira a peza con imaxes propias, que mostran unha das referencias visuais máis fortes do artista, un estaleiro inactivo da zona de Lisnave (Margueira) que serviu de punto de partida do proxecto.

O vínculo entre ese grande baleiro que representa o ‘cemiterio industrial' de Lisnave e o porto de Vigo -un dos piares económicos da cidade- realízase mediante a construción fílmica, cunha narrativa circular onde se mesturan imaxes en branco e negro de ambos os dous lugares. O espectador vai configurando un novo espazo social e ético a partir das imaxes, que ‘esculpen o tempo' co apoio da composición musical. Esta actúa como metáfora do contraste entre ambos os dous lugares creando, ao mesmo tempo, unha tensión narrativa entre imaxe e son.

O lugar morto e deserto -en contraste coa dinámica actividade dos estaleiros en funcionamento- actúa como representación dese tempo, evidenciado na estrutura fílmica e sonora, que alternan momentos de
calma con momentos enerxéticos. A representación do espazo físico por medio da escultura alude á posibilidade de conseguir esa experiencia vital do espazo que segundo Henri Lefebvre (A produción do espazo, 1974) falta no cinema.

Agar Ledo Arias
Comisaria da exposición

Comisariado

Agar Ledo


Agar Ledo
é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean á práctica artística. Cun Mestrado en museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional ten transcorrido en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004-2005), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas e é membro do Consello de redacción da revista Grial. Imparte docencia en distintos cursos de posgrao, como o Mestrado en Arte Contemporánea, creación e investigación (UVigo, 2016-2017), o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC, 2015-2017) ou o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC, 2008-2012).