rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Quen é quen?. OBRADOIRO PARA PÚBLICO ADULTO

Quen é quen?. OBRADOIRO PARA PÚBLICO ADULTO

Datas: 
17 novembro 2023
Horario: 
19.00 a 20.30
Lugar: 
Salas de exposición e Espazo Anexo
Prezo: 
Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com


En torno á exposición Cando remata o día, de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO
Conducido por Maria Xosé Martínez (Didáctica MARCO)
Participantes: persoas adultas, público en xeral

A obra de Concha Martínez Barreto (Fuente Álamo, Murcia, 1978) aborda temas relacionados coa memoria, a morte e o vínculo. A través de técnicas e medios moi diversos, indaga no pasado deixando constancia da dificultade de toda rememoración e, á vez, da importancia de mostrar os fragmentos, as pegadas que deixa o tempo. Usando unha poética coa que dá conta de como o pasado configura as nosas vidas, a artista opera como unha arqueóloga que revelase capas que permanecían ocultas, mostrando a profundidade do tempo, as feridas, o amor e, en definitiva, as raíces nas que se ancora a identidade.

Tomando como punto de partida algunhas das obras presentes na exposición do MARCO, neste taller traballaremos a partir de fotografías nas que illamos retratos de persoas para crear novas escenas, situándoas nun novo contexto de espazo e tempo.

MARCO 21º ANIVERSARIO
Programación especial de actividades

Cada 13 de novembro, o MARCO cumpre anos dende a súa apertura ao público en 2002. Con motivo deste Aniversario, o Museo ofrece unha programación especial durante a fin de semana do 17 ao 19 de novembro: obradoiros de arquitectura para público infantil e familiar, actividades do Festival Vertixe, unha nova sesión do ciclo de cinema "Unha ponte coa lusofonía", e propostas para público infantil e adulto en torno á exposición de Concha Martínez Barreto. Ademais, a celebración prolóngase ata a última semana do mes, concretamente o 28 de novembro, coa visita de Marcos Giralt Torrente, protagonista da charla-encontro arredor da súa obra literaria e da figura do seu pai, o pintor Juan Giralt.