rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Rita Rodríguez... de dentro de...

Rita Rodríguez... de dentro de...

Ficha

Datas: 
15 decembro 2006 - 18 febreiro 2007
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
Martes a sábado (festivos incluídos), de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00. Domingos, de 11:00 a 14:00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

Obras en exposición

O proxecto de Rita Rodríguez para o Espazo Anexo do MARCO baséase en catro instalacións/accións abertas á participación do público, que establecen conexións entre a rúa e a sala de exposición, entre o espazo exterior e interior, ademais de intervencións en varios lugares do interior do Anexo. Unha destas accións será iniciada pola artista o mesmo día da inauguración, e continuada posteriormente polos propios visitantes.

Síntese do proxecto

Como peche da súa programación 2006, e comezando xa o ano 2007, o Espazo Anexo do MARCO exhibe unha proposta da artista RITA RODRÍGUEZ (A Coruña, 1981), que como todas as presentadas no Anexo foi creada e producida especificamente para este lugar, concibido como sala de proxectos para artistas emerxentes.

O título ...DE DENTRO DE... resume dende o inicio a intención da artista, pois implica a idea de facer do Espazo Anexo unha prolongación da rúa, dos lugares de tránsito, establecendo un diálogo entre o exterior e o interior, e tamén entre os propios espazos interiores. A acción e a percepción do visitante —actos que implican certa temporalidade— configuran e alteran o ámbito expositivo, poboado de mecanismos que de xeito máis ou menos sutil invitan ao espectador a percibir a conexión entre lugares que semellan afastados entre si —o exterior e o interior— e que se atopan no momento en que o espectador e a obra lles permiten existir doutro xeito.

O proxecto baséase en catro instalacións/accións nas que se ofrece ao público a posibilidade de participar, de percibir, e polo tanto de ‘construír’ a obra:

  • Na zona peonil sita sobre a cuberta da sala de exposicións, cinco micrófonos de condensación recollen os sons xerados a pe de rúa. Os micrófonos están conectados a varios auriculares pendurados do teito no interior da sala, e que se corresponden fisicamente coa situación de cada micro no exterior. Así, as persoas situadas no interior do Anexo escoitan os sons que se están a producir fóra, que ‘pertencen’ ao espazo exterior.

  • Esta conexión exterior-interior reflíctese tamén nun teclado localizado na mesma zona peonil onde se sitúan os micrófonos. Calquera persoa pode intervir no espazo interior dende a rúa, escribindo palabras ou frases dende este teclado, que se verán reflectidas en tempo real nunha pantalla de texto situada xusto debaixo, no interior da sala, e que se amosa aos viandantes a través da parede de cristal do Anexo. Paradoxalmente, imposible de ver para quen está escribindo. Dado que o teclado permanece aceso día e noite, queda aberto a calquera tipo de ‘contribución’ espontánea, xerando un xogo que pode ser ou non compartido. 

  • En cada un dos baños interiores do Anexo —practicamente idénticos e situados un a carón do outro— instaláronse unha cámara e unha pantalla de proxección que recollen e proxectan, respectivamente, as imaxes do outro baño. Trátase de crear un cruce de impresións, un efecto espello, un xogo de percepción: o que a cámara está a gravar vese no outro baño, pero o espectador non o percibirá a non ser que ‘algo ocorra’ no outro espazo.

  • Este xogo de percepción e conexión entre espazos interiores está presente tamén noutra intervención que afecta a dous espazos situados nos extremos da sala de exposición: o escuro corredor tras os baños —onde se instalou unha cámara de gravación— e a saliña de proxección no lado oposto, tamén pintada de preto, pero cunha pantalla completamente branca construída a base de xiz desta cor. Sobre esta pantalla proxéctanse en tempo real as imaxes gravadas no corredor situado no outro extremo: preto proxectado sobre preto, que se irá transformando en branco a partir dunha serie de accións iniciadas pola artista o día da inauguración, e que consisten en ir retirando anaco a anaco o xiz branco que conforma a pantalla para realizar debuxos sobre a parede preta da sala-corredor. A partir de aí os visitantes poderán ir collendo xiz e debuxando na parede de xeito que, nun gradual efecto pictórico, a pantalla branca se vai volvendo preta, e o espazo preto se vai transformando en branco mediante as formas e debuxos que cada espectador vai aportando para a construción desta peza.


En todas estas accións ou intervencións ofrécese ao público a posibilidade de interactuar co contorno, moi especialmente naqueles lugares que por familiares ou comúns adoitan pasar desapercibidos: a rúa, os baños, os escaparates e zonas peonís. Trátase de dar e recibir; de dar para percibir, ás veces sen previo aviso, poñendo a proba a sensibilidade ou capacidade de percepción do espectador. Algo, por outra parte, xa presente en anteriores traballos desta artista, nos que investigaba novas combinacións e relacións entre o público/social e o privado/íntimo a través da experiencia do son e da voz humana, e do corpo como vehículo de transmisión.

Se ben todo forma parte do mesmo proceso, estas conexións auditivas, visuais, ou sensoriais entre distintos espazos serven á artista como medio para tentar desfacer a complexa trama do cotiá; para partir dunha experiencia sensorial e chegar a un mellor coñecemento: “conseguir que en medio de ‘o de sempre’ algo escintile un día; evitar a cegueira do cotiá; nisto reside a beleza”.

Como un exercicio analítico e tamén de síntese, a proposta do Espazo Anexo reúne varios riscos distintivos da obra de Rita Rodríguez: a atención ao espazo como punto de partida, como escenario; as contraposicións ou puntos de inflexión entre o estrutural e o orgánico, como metáforas do corpo e das normas e convencións ás que está suxeito; e, sobre todo, a relación coas persoas, cos visitantes, e a súa implicación como parte integrante da obra, como emisores e receptores, como compoñente físico que aporta corporeidade a un espazo aparentemente “baleiro”.

Artistas

Rita Rodríguez

Rita Rodríguez (A Coruña, 1981)

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Especialidades de Escultura, Deseño e Audiovisuais. D.E.A. en Escultura pola Universidade de Vigo


2006

  • RUIDO! 3 Performances en Galería DF Arte Contemporánea, Santiago de Compostela

  • Resistentes. Pazo da Cultura, Pontevedra

  • Diferentes. Museum Kloster Asbach, Alemaña

  • Bolsa Novos Valores 06, Deputación de Pontevedra

  • Performance no programa Arte no Parque. CGAC, Santiago de Compostela

  • V Certame Internacional de Artes Plásticas. Deputación de Ourense (Obras seleccionadas)

  • DESCENTROS. Exposición individual en La Bola de Cristal, Pontevedra

  • Boas Pezas. Sala X da Facultade de Belas Artes, Pontevedra

  • AP9-A3 Maus Hábitos, Porto

  • ENGRENAXES Exposición individual en Galería DF, Santiago de Compostela

  • Performance en ALT'06, Festival Alternativo de Teatro e Danza, Vigo

  • Performances en Transit Station, Ocean Terminal, Edimburgo

2005

  • Residentes 05. Caixa Galicia, Bolsa en residencia, Santiago de Compostela

  • Performance no taller O xogo, o discurso e o corpo. MARCO, Vigo

  • Performances en IMÁN, Casa das Artes, Porto

2004

  • Beca Erasmus. Kingston University. Londres

  • Performances en Werktag I e II, Berlín

  • Eu, museo. Participación en Concurso de ampliación do Centro de Arte Ego. MARCO, Vigo

2003

  • Taller Pablo Ruiz Picasso. MACUF, A Coruña

  • s.t. closión. Facultade de Belas Artes, Pontevedra

  • Taller de cuarto. Galería Sargadelos, Pontevedra

2003-02

  • Colectivo Cuadrante Norte

  • Bolsa de creación CIEC

2001

  • 16. Exposición individual en O Dezaseis, Santiago de Compostela

2000

  • Paraísos de Eva. Facultade de Belas Artes, Pontevedra

 

Texto artista

"Un espazo que é tempo máis ca espazo, un espazo non-espazo que sen ápice de egoísmo o dá todo, dáse todo e bebe de todo... pero que, por tanto, tamén ten carácter e entidade como tal espazo (como un espazo que se esvaece), como espazo de tránsito, como estrutura (non ríxida) flexible. Desta interesante natureza xorden posibilidades novas de relación con "o de fóra", porque o ‘espazo esponxa' absorbe todo o que extrinsecamente lle é ofrecido... o espazo que convida á acción, ao diálogo e á dúbida, o espazo que pasivo se ofrece para a acción, o espazo que dá ata o punto en que recibe... o espazo invertido e confundido que bate contra as súas propias paredes, é o espazo de tránsito, o dependente de, o contiguo a, o anexo a..."


Rita Rodríguez, novembro 2006

 

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.