rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Rosa Olivares

Editora, escritora, periodista, crítica de arte e comisaria independente, Rosa Olivares (Madrid, 1955) é dende o ano 2000 editora e directora de EXIT Imagen & Cultura, publicación trimestral dedicada á imaxe fotográfica na arte contemporánea. En decembro de 2002 comezou a editar Exit BOOK, revista sobre cultura visual e publicacións artísticas contemporáneas, e dende febreiro de 2004 Exit EXPRESS, periódico mensual de información e debate sobre arte actual. En 1982 foi cofundadora de LÁPIZ. Revista de Arte Internacional, da que foi redactora xefe, para ocupar posteriormente os cargos de subdirectora e directora ata 1999.

Como comisaria independente organizou diferentes exposicións, especialmente no eido da fotografía contemporánea, entre as que salientan ‘Einsamkeit, un sentimiento alemán’ (Fundació La Caixa, Madrid e Barcelona, 1992); ‘Entre la Pasión y el Silencio, nueva imagen de la fotografía española’ (25º Aniversario Encuentros Internacionales de Arlés, Francia; Fototeca de La Habana; Palacio de Revillagigedo, Asturias, 1994); ‘Mujeres: 10 Fotógrafas/50 Retratos’ (Fundación Telefónica, Madrid, 1994); ‘Los géneros de la pintura. Fotografía contemporánea y su relación con la pintura’ (Museo de Arte Contemporáneo de Madrid; CAAM de Canarias; Museo de Bellas Artes de Sevilla, 1995); ‘Diálogos: Andrés Serrano/Leonel Moura’ (MEIAC, Badaxoz, 1996); ‘La Imagen del Poder: 100 años de retratos de políticos españoles’ (Fundación Telefónica, Madrid, 1998; Instituto Cervantes, Roma e Munich, 2000; Milán, 2001); ‘El Enigma de lo Cotidiano’ (Casa de América, Madrid, 2000); ‘Miradas impúdicas’, (Fundació La Caixa, Barcelona, 2000); 2004 ‘Axel Hütte: Terra Incognita’ (Palacio de Velázquez-MNCARS, Madrid, 2004) e ‘Rafael Navarro: Cuerpos iluminados’ (Lonja de Zaragoza e MEIAC de Badaxoz, 2006).

Rosa Olivares foi tamén organizadora e participante en ciclos, seminarios e encontros sobre arte en diversas universidades e entidades culturais de España, Alemaña, Italia, Arxentina, Brasil, México, Colombia e Portugal, e autora de textos para numerosos libros e catálogos de exposicións en espazos de arte e museos de todo o mundo.