rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Urbanitas

Urbanitas

Ficha

Datas: 
3 febreiro 2006 - 18 xuño 2006
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
Martes a sábado (festivos incluidos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo
Comisariado: 
Carlota Álvarez Basso

Obras en exposición

URBANITAS presenta o traballo de trinta artistas galegos novos nados a partir de 1970. Ademais desta característica en común, o eixo temático son certas actitudes, visións e percepcións vencelladas a un contexto e espazo urbano. A maior parte das obras -entre as que se inclúen esculturas, instalacións, pinturas murais, graffiti, instalacións sonoras, vídeos, fotografías ou debuxos- foron producidas especificamente para esta mostra.

Síntese do proxecto

Dende hai máis dun año, o MARCO de Vigo ven traballando no proxecto URBANITAS, unha mostra colectiva que presenta o traballo de trinta artistas galegos novos nados a partir de 1970. Ademais desta característica en común, o eixo temático son certas actitudes, visións e percepcións vencelladas a un contexto e espazo urbano.

Produción propia
A maior parte das obras –entre as que se inclúen esculturas, instalacións, pinturas murais, graffiti, instalacións sonoras, vídeos, fotografías ou debuxos– teñen sido producidas especificamente para esta mostra. Moitas delas fóronse creando paralelamente ao deseño e execución da montaxe, un traballo en proceso durante o cal artistas e obras foron invadindo as salas de exposición e espazos de tránsito de visitantes: vestíbulo, tenda-librería, e rúas adxacentes.

Contexto
Esta exposición responde á vontade –e necesidade– de investigar e amosar o que está a suceder nun tempo e lugar determinados, de asumir riscos, de encher certos baleiros na percepción, coñecemento e difusión da obra de artistas emerxentes.

Un proxecto que insiste no aquí e no agora, e co principal compoñente da inmediatez, tanto espacial como temporal. URBANITAS toma o pulso ao contexto máis inmediato e a un momento no que se dan as condicións para que xurdan novas xeracións de creadores, que empezan a desenvolver un traballo continuado dentro e fóra de Galicia. Esta situación é en parte resultado do ocorrido durante os últimos quince anos, nos que a aparición da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (1990) e outros espazos públicos e privados teñen xerado un contexto máis favorable á práctica artística.

¿Xeración ‘urbanita’?

O termo xeración, case nunca exacto, tampouco o é neste caso dada a multiplicidade de propostas, a diversidade de intereses, e a distinta procedencia e historial dos artistas participantes. Non obstante, dentro desta heteroxeneidade, existen importantes puntos en común de tipo xeracional; só doce anos separan o artista máis novo dos máis veteranos.

A paisaxe urbana, a cidade e as súas transformacións, son motivos reiterados na obra destes artistas, con temas como a crítica aos medios de comunicación, a globalización económica e as súas consecuencias na paisaxe urbana, a cultura del ocio e a sociedade de consumo, ou o contraste e a resposta dende o medio rural.

Un elemento en común é o protagonismo das novas tecnoloxías. Os avances tecnolóxicos modifican a paisaxe doméstica e urbana, e os creadores de hoxe en día utilizan a cámara de vídeo, a computadora ou o teléfono móbil como ferramentas de traballo, e a cidade e os medios de comunicación como fonte de inspiración para as súas obras. Traballan con medios e soportes pouco convencionais, e moitas veces con materiais reproducibles industrialmente, logrando unha fusión cada vez maior entre arte e vida cotiá.
 
Gran parte destes creadores proveñen da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, motor dun contexto que se ve animado, dende os anos noventa, polo nacemento de espazos e iniciativas vinculadas á arte contemporánea. Outros téñense formado fóra, pero todos os seleccionados vincularon a súa carreira –en parte ou na súa totalidade– a Galicia. As referencias das que beben son incontables. Son actitudes vencelladas á súa formación, relacionadas coa contorna urbana na que a maioría crece e desenvolve o seu traballo e, sobre todo, cun contexto no que a información é diversa, os medios múltiples e os intereses moi particulares, individuais. Se ben son conscientes de que comparten un mesmo punto de partida, a heteroxeneidade reflíctese nas súas creacións.

Diversidade
Nesta exposición, a multiplicidade de soportes é reflexo de moi diversos plantexamentos creativos, que non obstante deixan entrever algúns fíos condutores: reflexións e intervencións sobre o contorno urbano; reciclaxe de refugallos e anacos de realidade para crear novos produtos nos que a súa orixe aínda perdura, revestido de novos significados; creación de mundos propios –espazos dentro do espazo, como cápsulas engastadas na arquitectura do museo– ou de escenografías; preguntas sobre a función do museo, o mundo da arte e a propia arquitectura do MARCO; e numerosas combinacións de xestos lúdicos e reflexivos, momentos transcendentes disfrazados con toques de humor.

Entre todo isto, un elemento fundamental é a atención ao proceso en si mesmo e a énfase nas técnicas e materiais –a maioría nada convencionais– que van dende o graffiti e a intervención directa sobre os muros, ata a creación de territorios híbridos entre o son, a música, a performance e as artes visuais, pasando por múltiples procedementos de ‘cortar e pegar’ que se poden aplicar a obxectos ou fotografías, pero tamén a pezas de vídeo ou obras de arte sonora dixital.

Actividades paralelas
En consonancia coa súa inmediatez, URBANITAS abre as portas a novas achegas, cun programa de actividades paralelas durante os meses nos que estea aberta ao público. Un dos patios da planta baixa, cos seus graffiti e asentos/esculturas, convértese en escenario para concertos, performances e outras accións de artistas participantes e convidados.

Artistas

    Álvaro Negro
    Amaya González Reyes
    Antía Moure
    Antón Cabaleiro
    Arturo Fuentes
    Berio Molina
    Carlos Maciá
    Carme Nogueira
    Chiu Longina
    El Tiñas
    Félix Fernández
    Fran Meana
    Isaac Cordal
    Jorge Perianes
    Kiko
    Loreto Martínez Troncoso
    Maribel Castro
    Mónica Alonso
    nano4814
    Oliver Añón
    Pablo Orza
    Pablo Pérez
    Pancho Lapeña
    Pelucas
    Rubén Ramos Balsa
    Rubén Santiago
    Servando Barreiro
    Suso Fandiño
    Tay
    Vicente Blanco

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.

Carlota Álvarez Basso

Carlota Álvarez Basso (Vigo, 1964) estudou Socioloxía na Universidade de Nanterre, en París. Entre 1992 e 1999 foi xefa do Departamento de Obras de Arte Audiovisuais do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. Foi tamén directora do Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra de 1999 a 2001 e deseñou e puxo en marcha o proxecto museístico do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, do que foi directora ata o ano 2005.

Foi membro de varios comités de honra e consellos asesores de institucións culturais e participou en xurados de premios e festivais. Ofreceu conferencias e mesas redondas de ámbito nacional e internacional, ademais de ser autora de grande variedade de textos críticos para catálogos e revistas.