rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Vigo Rebelde, o metal en loita.  BIComún Teis na Festa da Guía e da Sardiña de Teis

Vigo Rebelde, o metal en loita. BIComún Teis na Festa da Guía e da Sardiña de Teis

Datas: 
5 agosto 2017
Horario: 
13.00
Lugar: 
Carballeira da Guía -Monte da Guía, Teis-

 

#Salón do MARCO. Un lugar para facer

A investigación experimental Vigo Rebelde, o metal en loita [#VR] comezou o pasado 27 de xuño no #salóndoMARCO cunha primeira sesión na que nos reunimos diversas persoas con inquedanzas comúns para facer, entre todas, #VR. Iniciamos a coprodución desta investigación-intervención colaborativa para percorrer o pasado, presente e futuro da memoria obreira na urbe de Vigo e, con especial protagonismo, no barrio de Teis.

A terceira das intervencións terá lugar no Monte da Guía en Teis: unha exposición participativa con fotografías de bens culturais do territorio que serán intervidos pola comunidade e por aquelas persoas que se acheguen ata alí. Este encontro é posible grazas á colaboración dos organizadores da Festa da Guía e Festa da Sardiña de Teis.

Anímaste a compartir con nós o BIComún de Teis? Esperámoste na Carballeira da Guía, frente ao palco da festa, á 1 da tarde do sábado 5 de agosto.

A galería fotográfica BIComún é unha ferramenta de diagnose colectiva de bens comúns dun territorio específico, neste caso da zona de Teis, que se expón nun espazo social escollido polas súas características, sendo neste caso o Monte da Guía o ben protagonista que foi testemuño das loitas obreiras dos anos 70 e dun pasado común no que, entre todas, poderemos pensar neste presente e nun futuro porvir nun día de festa.

BIComún é un acrónimo, suma das siglas BIC e do Procomún: BIC, Ben de Interese Cultural, refírese a unha figura xurídica que aparece nas leis de Patrimonio Histórico Español. Cando un ben do patrimonio é declarado BIC, adquire a máxima categoría de protección a prol da súa conservación. A declaración ten lugar a través dun real decreto que xorde dunha decisión política, aínda que como cidadáns temos dereito a lle solicitar á administración abrir este proceso en calquera elemento patrimonial que valoremos como merecedor desta categoría. Na lexislación galega antes do BIC, tamén temos as figuras xurídicas dos Bens Inventariados e Catalogados e o Patrimonio Inventariado nos Concellos, que non sempre aparece na base de datos da administración Compostelana” e “Procomún defínese como os bens que pertencen a todos, que herdamos, creamos conxuntamente e que queremos entregar ás xeracións futuras. O patrimonio, os bens patrimoniais, forman parte del e ademais precisan dun modelo de xestión que nace da interacción dos membros da comunidade. Un concepto que a pesar de estar de actualidade, ten moito tempo xa con nós.”

A mediadora desta investigación experimental é:

Adela Vázquez é licenciada en Historia da Arte; graduada en Conservación e Restauración de Bens Culturais; mestra en Traballo Social e co-coordinadora do proxecto Niquelarte. Vive en México e traballa entre Galiza e Yucatán co obxectivo de facer visibles comunidades que coidan os bens comúns en ámbalas dúas latitudes.

Na co-produción do #VR estamos Fran García Fernández, Diego Lores, Xavier Dapena, Manuel Gil, María Ríos, Fon Cortizo, Cristina García, Nuria Barreras, Plan Comunitario de Teis, Xenoveva Cordeiro, Asociación Veciñal de Teis, Asociación Xaruma, Martín Roxos, Benito Santos e as que se vaian sumando.

Coordina Fran García Quiroga, comisario do #salóndoMARCO.

Información:

As persoas interesadas poden solicitar información a través do correo salondomarco@marcovigo.com indicando no asunto: “Vigo Rebelde, o metal en loita”.

A participación é aberta e gratuita.

Descarga: