rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
APERTURA NOVA TENDA-LIBRARÍA [LASAL BOOKS] NO MARCO

APERTURA NOVA TENDA-LIBRARÍA [LASAL BOOKS] NO MARCO

Datas: 
25 marzo 2022

Venres 25 de marzo
Sala vestíbulo principal

A partir deste venres 25 de marzo o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, recupera un espazo clave que amplía a oferta de servizos aos seus visitantes. Trátase dun novo proxecto de tenda-libraría, da man de LASAL BOOKS, situada no vestíbulo principal.

LASAL BOOKS

Detrás de LASAL BOOKS están Iria Costas e Luis Toba, formados en deseño gráfico e fotografía, respectivamente. Residentes en Vigo dende hai moitos anos, únelles a paixón pola cultura e polos libros.

En LASAL BOOKS pódense atopar libros sobre arte, arquitectura, fotografía, deseño e ilustración. Non tanto libro técnico como libro artístico, moi visual e cunha encadernación coidada. Tamén dispoñen de edicións especiais e exemplares asinados polos seus autores.

“Iniciamos este proxecto hai case un ano en Internet coa páxina web lasalbooks.com e, aínda que era o noso desexo ter un espazo físico, non tiñamos previsto que fose tan pronto. Esa era unha idea a longo prazo, pero o destino é caprichoso e quixo que o MARCO aparecese no noso camiño (ou nós no seu).

Queremos que esta sexa unha libraría onde teñan cabida todos os amantes dos libros, a arte e a cultura, un espazo onde os visitantes poidan ver e tocar os libros, onde trataremos de resolver dúbidas, facer recomendacións e dar o mellor de nós mesmos.

Pero non só inauguramos unha libraría, senón que queremos ser un elemento dinamizador máis deste grande centro da cultura que é o MARCO. Un edificio histórico, monumental, no que gozar de grandes exposicións, cunha biblioteca na que poder documentarse e unha cafetaría na que se reunir fronte a un delicioso café. E que agora por fin conta cunha libraría de referencia no mundo da arte.”

Agardámosvos o venres 25 ás 19:00h para a apertura de portas. Con motivo da inauguración, todas as compras terán un 5% de desconto.”

+ info https://lasalbooks.com/

HORARIO APERTURA

A partir do venres 25 de marzo

Horario: de martes a sábados, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30

INFORMACIÓN E CONTACTO

Iria Costas
Luis Toba
Tel. 674 291 788
lasalbooks@gmail.com