
Colección MARCO,5. Secuencias, paisaxes. Jonathan Hernández, Enrique Ježik, Jorge Macchi
Ficha
Coincidindo coa exposición Hai un lugar, de Alberto Ardid (Vigo, 1986), o Museo de Arte Contemporánea deVigo reúne obras de tres artistas cos que ten puntos de unión, aínda que pertenzan a unha xeración anterior. Entre elas, un vídeo da Colección MARCO, Víctima serial (2001), de Jorge Macchi.
Dous son arxentinos, Jorge Macchi (Bos Aires, 1963) e Enrique Ježik (Córdoba, Arxentina, 1961, aínda que reside en México) e un é mexicano, Jonathan Hernández (Cidade de México, 1972). Comparten unha actitude reflexiva sobre a actualidade, a contorna, a linguaxe, a realidade, os seus significados e os modos de representala.
Os carteis que marcan a actualidade dende as paredes dos edificios, a peculiar linguaxe dos sucesos dende as páxinas dun xornal, as fotografías reproducidas nos medios de comunicación ou as imaxes que constatan actos de guerra, sérvenlles para illar motivos e compoñer outra historia, coma se estivese oculta na anterior ou fose o seu reverso.
La exposición abre as súas portas ao público a partir do sábado 16 de maio, na fin de semana más próxima ao DIM, Día Internacional dos Museos (18 de maio), e no contexto da programación especial vinculada a esa celebración.
INFORMACIÓN XERAL / ACTIVIDADES
Programación para escolares
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 19 maio 2026
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Programación para asociacións, colectivos e grupos con necesidades específicas
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 19 maio 2026
Horario: flexible en función de necesidades e dispoñibilidade
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituai: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.
Síntese do proxecto
Jorge Macchi
Víctima serial, 2001
Video proxección
Edición 1/3
Colección MARCO
Jorge Macchi (Bos Aires, 1963) realiza tomas de fragmentos de textos, procedentes de carteis publicitarios da rúa, e compón unha mensaxe cuxa lectura resulta cando menos inquietante. Percibímolo como próximo, familiar, recoñecible, pero a sorpresa vén cando lemos o texto proposto e descubrimos outra realidade, que nos trae ecos de relatos coñecidos. Indica Macchi: “Con estas palabras illadas do seu contexto constrúo unha mensaxe coa lóxica e o contido dunha ameaza anónima, aquela que é construída con palabras ou letras de diferente orixe para protexer o anonimato do autor. Nesta obra superpóñense dúas actitudes: a do autor, que realiza unha sorte de cazaría de palabras pola cidade, e a do personaxe ficticio e anónimo que está ao asexo dende cada un dos carteis”.
Jorge Macchi
Doppelgänger, 2004
10 serigrafías de 38,5 x 38,5 cm, sobre papel Starwhite Archiva Smooth, libre de ácido, de 216 grs.Impreso nos talleres gráficos de Enrique Cambón, Buenos Aires, novembro 2004
Edición 40/50
Para realizar Doppelgänger, Jorge Macchi (Bos Aires, 1963) selecciona noticias policiais do xornal Crónica de Bos Aires: “Notei que había determinadas frases usadas como clixés: corpos sen vida, macabro achado, corpos en avanzado estado de descomposición, etc. Seleccionei parellas de noticias que non só compartían a mesma frase, senón que tamén tiñan aproximadamente o mesmo número de palabras e a mesma posición en cada un dos textos. Este material permitiume traballar con formas simétricas que se tocaban no punto onde as noticias comparten a mesma frase, que funciona como unha ponte entre dúas historias diferentes, unha pasaxe entre dúas realidades formalmente idénticas, pero completamente diferentes no seu contido”. Dende lonxe, as formas son atractivas, pero na lectura, os textos desvelan outra realidade.
Jonathan Hernández
You Are Under Arrest, 2000-2002
6 serigrafías de 43 x 31 cm
Edición 3/30
Libros de artista e serigrafía orixinal, edición 3/30, en vitrina
Unha parte esencial do traballo de Jonathan Hernández (Cidade de México, 1972) ten a súa orixe nas imaxes reproducidas en prensa, que selecciona por temas ou analoxías, para logo intervilas e presentalas en series, ou publicacións, como o proxecto Vulnerabilia (colaxes, edicións, libros e proxectos editoriais), no que traballa dende hai máis de dúas décadas.
You Are Under Arrest reúne unha selección de fotografías recompiladas da prensa internacional, a partir do ano 2000. “Dende entón, o tema e a función da seguridade aumentaron o seu protagonismo arredor do mundo. Mentres os ideais do ben e da xustiza colapsan nas súas propias contradicións, a inseguridade condiciona cada vez máis estes fráxiles tempos de extrema seguridade”, sinala o artista.
Enrique Ježik
Paisajes, 2006
4 impresións dixitais con tintas pigmentadas sobre papel Verona de 210 gr Impreso por Factum Arte, para La Caja Negra Ediciones, Madrid
Edición 2/15
A obra de Enrique Ježik (Córdoba, Arxentina, 1961) é unha resposta crítica, clara e directa, contra a violencia institucional, os medios represivos, de tortura e dominación, ou a censura. Con frecuencia, sérvese dos materiais empregados en orixe (incluíndo armas e instrumentos de guerra), o que dá unha radicalidade extrema ás súas intervencións, tanto en galerías e museos coma en espazos públicos.
Sobre papel, ou en edicións, a formulación é precisa e só en aparencia poética. En Paisajes, móstranos como se destrúe un espazo nunha guerra. Parte das imaxes tomadas dende os avións bombardeiros nos Balcáns: une nunha mesma secuencia o momento no que se define un obxectivo, o impacto da bomba e a nova “paisaxe” resultante.