DISQUESOMOS. Creatividade e edición na Galicia de hoxe
Charla-coloquio con María Rod, María Solar e Raquel C. Pico, conducida por Tamara Novoa
Actividade complementaria do Club de Lectura #BiblioMARCO e Club de Lectura Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas
Organiza: Biblioteca-Centro documentación MARCO e Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas
Martes 23 de abril, de 19.00 a 20.30
MARCO, salón de actos
Aberto ao público en xeral ata completar capacidade
Coa colaboración de: LASAL Books
Actividade accesible a persoas con discapacidade auditiva (intérprete lingua de signos) grazas á colaboración de Fundación “la Caixa”
Posibilidade de reserva de praza para participantes Club de Lectura #BiblioMARCO, Club Lectura Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, e AAM Agrupación Amiga do MARCO (previa acreditación), e persoas con discapacidade auditiva.
Reservas ata o 22 de abril en centro.documentacion@marcovigo.com indicando nome e apelidos, ou no tel. 886 129 426
Na II Xuntanza de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo, xurdiu a idea de organizar unha actividade conxunta entre os Clubes de Lectura da Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO, e a Biblioteca Municipal Neira Vilas. Finalmente, acordouse elixir unha mesma lectura do mes –La escritora, de Auour Ava Olafsdottir– e a partir desta idea, reunir a un grupo de escritoras/editoras para contar a súa experiencia no mundo literario e editorial, dende diferentes perspectivas. No Día do Libro, unha data tan especial para a lectura, xogaremos coas letras e con dez palabras previamente seleccionadas, durante un encontro aberto, dinámico e participativo.
As caixas que conteñen as palabras foron realizadas nos obradoiros interxeracionais nos que cada semana participan persoas maiores afectadas de Alzhéimer e público infantil, organizados pola área de Didáctica do MARCO en colaboración con AFAGA.
Sobre as participantes
María Rod, nacida en Vigo en 1969, é psicóloga e escritora. En 2019 publicou a súa primeira novela, La importancia del pez cebra (Ed. Elvira), protagonizada por un adolescente, unha prostituta de mediana idade e o Xeneral, un ancián entrañable que actúa como catalizador neste sorprendente triángulo amoroso. En 2023 publica a segunda novela con Iván Ferreiro, Meteoro y el Señor Conejo (Harper Collins), unha comedia negra de corte surrealista inspirada na xira que realizaron o músico vigués e Leiva hai unha década. Foi finalista do XXX Premio Torrente Ballester en lingua castelá e, como autora de relatos, foi premiada en varias ocasións.
María Solar é escritora e xornalista. Coordinadora de Cultura da CRTVG e presentadora do programa cultural da TVG “Zigzag Fin de Semana”. Desenvolveu unha longa traxectoria profesional na TVG e a Radio Galega. Como escritora é unha das autoras máis lidas e traducidas de Galicia. A súa obra abrangue tanto a literatura infantoxuvenil como a de adultos, e está traducida a idiomas como o castelán, catalán, italiano, polaco, portugués, filipino ou chinés. Conta con numerosos recoñecementos entre os que destacan o premio Lazarillo por O meu pesadelo favorito (2015), que tamén foi premio ao mellor libro infantil da I Gala do Libro Galego e recoñecido na lista White Ravens da Biblioteca de Munich dos mellores libros infantís do mundo, na que tamén entrou con Teño uns pés perfectos (2015). Os nenos da varíola (2017) foi Premio á Mellor Novela Xuvenil da III Gala do Libro Galego e levada despois ao teatro; e con A culpa (Xerais, 2022) gañou o Premio Xerais de Novela. Solar conta co premio Ínsua dos Poetas 2019 á súa traxectoria literaria.
Raquel C. Pico escribe sobre a vida moderna, a de agora e a de hai 100 anos. Como escritora, fíxono nos ensaios Noticias da modernidade (sobre as modernas dos anos 20 en Galicia) e en Millennials. Unha xeración entre dúas crises (sobre as penurias da vida millennial). Como xornalista, escribe sobre o que implican todos estes temas (dende tecnoloxía a sostibilidade pasando por cultura) en diferentes medios. Forma parte do equipo que fundou Disquecool, o primeiro medio online de tendencias en galego, e do que anotou Emma, de Jane Austen.
Tamara Novoa é xornalista e directora da revista A Movida. Ten traballado e colaborado en diferentes medios de comunicación, e tamén formou parte do equipo de comunicación dunha asociación ecoloxista. Finalmente decidiuse a montar o seu propio proxecto, para encher o baleiro informativo sobre a actividade cultural da cidade de Vigo. “Son curiosa e moi persistente. Aínda que agora dedico moito tempo á xestión, o que máis desfruto é o proceso creativo da redacción e ter a posibilidade de entrevistar a persoas ás que admiro.”