rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
FRANCISCO LEIRO. O antropomórfico, 1986-2022

FRANCISCO LEIRO. O antropomórfico, 1986-2022

Ficha

Datas: 
22 abril 2022 - 26 febreiro 2023
Lugar: 
Salas de exposición da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid

Este proxecto, co que o MARCO continúa a súa liña de exposicións de produción propia, formula unha revisión da obra de Francisco Leiro (Cambados, 1957) ao longo das tres últimas décadas: un traballo centrado no antropomórfico, que é sen dúbida un dos eixes da súa produción. Deixando a un lado calquera sentido ou intención cronolóxica, artista e comisario buscan trazar a relación das obras cos peculiares espazos da planta baixa do MARCO, recorrendo tanto a obras xa realizadas coma a pezas de nova produción, específicas para esta mostra.

Dende a presenza impoñente da Dama de Navalcarnero, situada no panóptico, as criaturas de Leiro van apropiándose dos espazos da planta baixa. Escorredoiras, Pavitas, Androias, Jaivotas, Homes de pau, Danzantes e Ceboliños poboan as salas, nunha montaxe que permite ir trazando percorridos e descubrindo múltiples conexións entre as pezas, e facilitando o diálogo entre estas e o visitante.

Esculturas en granito, bronce e madeira; maquetas e colaxes dialogan coa monumental arquitectura dos patios, co espazo máxico do panóptico, co formato máis tradicional das galerías, e coas salas perimetrais, de modo que o público perciba os distintos xogos de escala e materiais nos que se desenvolve unha das esculturas máis persoais da arte europea desta época.

A mostra, que supuxo un grande esforzo de produción e montaxe, foi posible grazas ao labor de selección no taller do artista, e ao empréstito de obras por parte de institucións e coleccionistas privados.

INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES

Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria sobre o artista, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas.

Programación para escolares
Colabora: Obra Social “la Caixa”

Ata o 17 de xuño de 2022
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita nos tel. 986 113900 Ext. 100/ 986 113908

Obradoiros infantís

Colabora: Obra Social “la Caixa”
Ata o 28 de maio de 2022
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo--e: recepcion.marco@gmail.com

Obradoiros de verán para público infantil

Colabora: Obra Social “la Caixa”
Do 5 ao 29 de xullo de 2022
Horario: de martes a viernes de 12.00 a 14.00
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo--e: recepcion.marco@gmail.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou a través da web do Concello de Vigo.

Artistas

Francisco Leiro


Francisco Leiro está considerado como un dos artistas máis representativos do panorama artístico actual. Nacido en 1957 en Cambados, Pontevedra, na actualidade vive e traballa entre Nova York, Madrid e Galicia.

Fillo e neto de artesáns ebanistas, dende moi temperá idade coñeceu de preto o traballo en madeira. Xunto á súa faceta autodidacta, a mediados dos setenta fórmase na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, que completa con estudos na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid. A súa obra como escultor combina a utilización de materiais clásicos como o granito e a madeira con outros de orixe sintética como resinas, fibra de vidro, vinilo, ou poliéster.

A súa traxectoria artística comeza na década dos setenta, coa súa primeira exposición na Sociedad Cultural de Cambados en 1975. En 1983 é convidado a participar na última das exposicións do grupo Atlántica, que se propuxo como unha iniciativa de renovación das artes plásticas galegas. En 1985 representa a España na Bienal de São Paulo, Brasil, e viaxa a Grecia e México para estudar in situ a escultura arcaica. En 1987 trasládase a vivir a Nova York grazas á concesión dunha bolsa Fullbright, e pouco despois empeza a traballar coa galería Marlborough. Dende entón a súa obra exhíbese regularmente nas diversas sedes desta galería así como en museos nacionais e internacionais.

A súa traxectoria inclúe un amplo programa de exposicións individuais e colectivas, entre as que cabe destacar: Leiro (CAC, Málaga, 2017), Os traballos e os días (Abanca, Pontevedra, 2016), Purgatorio (Galería Marlborough, Madrid, 2014), Human Resources (Marlborough Gallery, Nova York, 2013), Francisco Leiro. Celebrando o Códice Calixtino (Palacete das Medonza, Pontevedra, 2010), El Jardín de las Delicias. O Romeral de San Marcos (Segovia, 2007), Compaña (Galería Marlborough, Madrid, 2006), Diálogos de Silencio (Dag Hammarskjold Plaza, Nova York, 2005), Caracteres (Instituto Cervantes, Nova York, 2005), Leiro (Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 2004) ou a mostra itinerante organizada por SEACEX en 2003 e 2004 (Galería Nacional de Arte Estranxeira de Sofía -Bulgaria- e Museo Nacional de Bellas Artes de Santiago de Chile). Na súa faceta de escultor no espazo público, dende finais dos anos oitenta recibiu encargos de intervencións en distintos lugares de Galicia (Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña), Cantabria, Madrid, e Francia.

A súa obra está presente en museos e coleccións públicas e privadas, como Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela; CAAM Centro Atlántico de Arte Moderno, Las Palmas de Gran Canaria; Centro de Arte Caja de Burgos; CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela; Colección Abanca, A Coruña; Colección Afundación, Vigo; Colección Unión Fenosa, Madrid; Fundación Coca-Cola, Madrid; Fundació la Caixa, Barcelona; Fundación Telefónica, Madrid; MACBA Museo de Arte Contemporáneo, Barcelona; Museo de Arte Contemporáneo Patio Herreriano, Valladolid; Centro Cultural São Lourenço, Almancil, Portugal; Grounds for Sculpture, New Jersey, Estados Unidos; Museo Marugame Hirai, Kagawe, Xapón; Stedelijk Museum, Ámsterdam, Holanda; Akron Art Museum, Ohio, Estados Unidos.

Entre os premios e distincións recibidos cóntanse a Medalla de ouro de Galicia (2016), Premio Nacional da Cultura Galega (2008), Medalla a las Bellas Artes da CEOE (2003), e Medalla Castelao, Xunta de Galicia (2000). En febreiro de 2022 é nomeado membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

Texto curatorial

O antropomórfico reúne unha ampla selección das esculturas nas que Francisco Leiro outorga calidades ou trazos humanos a animais ou cousas, das súas esculturas menos narrativas.

Se ben non é unha exposición retrospectiva, inclúe obras realizadas entre 1986 e hoxe porque, dende hai décadas, as súas exposicións son, á vez, un repaso ás súas claves e unha mostra dos seus últimos traballos. Leiro entende cada ocasión como un reto, un desafío, no que o primeiro que se formula é como ocupar o espazo. Percorrendo as salas imaxina que obras mostrar e mesmo o modo de facelo, e desa primeira imaxe xorde o bosquexo dunha proposta que logo debate pero que adoita axustarse moito ao resultado final.

Leiro deuse a coñecer a finais dos anos setenta, con obras dunha figuración cualificada de surrealizante pola súa liberdade formal e iconográfica, aínda que é nos oitenta cando alcanza un recoñecemento que non deixou de crecer. Nuns anos de exaltación pictórica, expresiva, de xesto, materia e moita facilidade para convocar imaxes, é dos escasos escultores da súa xeración que logra facerse un oco en exposicións e debates. Mentres uns lle recoñecen saber investigar na tradición local para formular unha linguaxe persoal, a súa curiosidade lévao a investigar na orixe de solucións formais moi distintas, empezando polas máis próximas, como son o románico ou o barroco galego, pero sempre en relación coas propostas contemporáneas.

A arquitectura, o deseño ou civilizacións afastadas da súa contorna son tamén obxecto do seu interese, analizando sempre cuestións tridimensionais: a firmeza das edificacións de costa, unha presenza á que o ser ruínas lle engaden un elemento máxico, simbólico; o movemento que introduce Simón Rodríguez nas súas fachadas e retablos, levando os pesos á parte superior; o modo case íntimo co que Asorey conxuga o monumental e o próximo, o seu xeito de traballar as escalas; a brusca monumentalidade da escultura mexicana; o modo de funcionar dos obxectos cotiáns... A actitude de Leiro é de conversa, de diálogo: coa escultura histórica e coa actual, vistas sempre en directo; a súa análise, metódica e visceral.

Ao final, malia a forza local dalgunhas claves para entrar no seu traballo, a obra de Leiro, xunto ás de Juan Muñoz, Thomas Schütte ou Stephan Balkenhol é imprescindible para entender as saídas da mellor escultura figurativa europea do final do século XX.

Entre os elementos que definen e individualizan claramente a súa obra están a presenza dunha especie de tradición oral (tamén visual, por suposto) na orixe de moitas das súas composicións. E da mitoloxía, culta e popular, de ditos e proverbios, do coñecemento dende o rural: poucos escultores teñen a súa capacidade, mesmo a súa facilidade, para levar ao tridimensional esa especie de haikus do paradoxo que son os nomes e historias populares. Menos aínda os que saben radicalizar a súa proposta por defender a súa contemporaneidade.

En 1991, cando realizou un balance da súa obra, agrupouna en tres bloques: figuras, esculturas e cousas. Consciente de que moitas poderían estar amparadas en varias categorías, o que defende son as intencións, os debates que agochan. O sentido máis narrativo das figuras, os problemas tridimensionais resoltos dende a escultura, as obras que teñen moito de obxectos.

As reunidas no “antropomórfico” teñen o seu punto de arranque nas súas viaxes a México, no momento en que decide abrir estudio primeiro en Madrid e despois en Nova York, buscando novos diálogos e estímulos. En México sorpréndelle a escultura azteca, as súas formas quebradas, a súa dureza, mesmo a súa natural crueldade. Empeza a formular obras esquemáticas, que reúnen situacións de enfrontamento, de dor: a loita entre o corpo orgánico e o elemento metálico que o atormenta, nos xamoneiros; o corpo roto, quebrado, ao caer sobre unha pedra, caso de Carroña e orixe de esculturas posteriores. Ou a serie de pavitas, que arrinca con Guajolote, que se apoian en tres puntos, nunha solución que lles dá ao tempo dinamismo e estabilidade.

Nesta exposición, pensada para o MARCO, Leiro preparou obras coas que responder, ás veces dende o paradoxo, aos seus peculiares espazos, non en van é un dos escultores con máis sentido do espazo, con máis soltura urbanística.

Miguel Fernández-Cid
Comisario da exposición