rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
O medio é o museo

O medio é o museo

Ficha

Datas: 
20 xuño 2008 - 21 setembro 2008
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
Martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de ArteContemporánea de Vigo /Koldo Mitxelena Kulturunea,San Sebastián
Comisariado: 
Pablo Fanego
Comisariado: 
Pedro de Llano

Obras en exposición

O MEDIO É O MUSEO é un proxecto expositivo composto de diferentes tipos de traballos que abordan o museo ou a institución como soporte e referente da obra de arte. Tomando como punto de partida os cambios nas funcións do museo, esta mostra reúne propostas de vinte artistas que teñen en común a súa actitude cara ao museo, non só como colector ou exhibidor de obras de arte, senón tamén como lugar de acción e experiencia, como ‘medio', en relación directa co espazo e o contexto no que a obra ten lugar. Producida conxuntamente polo MARCO de Vigo e o Koldo Mitxelena Kulturunea de San Sebastián, o proxecto inclúe un bo número de obras producidas especificamente para cada unha das sedes.

Itinerancia

  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo: do 20.06.08 ao 21.09.08

  • Koldo Mitxelena Kulturunea, San Sebastián: do 23.10.08 ao 03.01.09

Catálogo

Debido ás especiais características da exposición, e á necesidade de recoller a documentación das obras en sala, especialmente aquelas realizadas especificamente para este proxecto, o catálogo da mostra será publicado con posterioridade á data de inauguración. Editado conxuntamente polo MARCO de Vigo e o Koldo Mitxelena de San Sebastián, incluirá un texto crítico dos comisarios e ensaios doutros colaboradores en torno ás obras e ao concepto expositivo, ademais de imaxes e fichas das obras en exposición.

Síntese do proxecto

O MEDIO É O MUSEO é un proxecto expositivo composto de diferentes tipos de traballos que abordan o museo ou a institución como soporte e referente das obras de arte. Na base deste proxecto están os cambios que tiveron lugar —especialmente nos últimos quince anos— nas funcións e no propio concepto de museo, pero tamén na actitude dos artistas, nos usos sociais e formas de comportamento, e nas contaminacións entre diversas disciplinas artísticas. A intención dos comisarios é pensar sobre o museo entendido como medio e material, e como un sistema de convencións establecidas historicamente.

A mostra reúne propostas de vinte artistas que teñen en común a súa actitude cara ao museo, non como colector ou exhibidor de obras de arte, senón como lugar de acción e experiencia, como ‘medio’, en relación directa co espazo e o contexto no que a obra ten lugar. Á hora de seleccionar as obras e de invitar a estes artistas a traballar no contexto específico do MARCO, e na cidade de Vigo, refórzase a intención de concibir o museo como lugar de proxección dun mesmo. Non é casualidade que todas as pezas presentes nesta mostra teñan que ver coa escala humana, coa corporeidade, co encontro e relación da persoa —sexa o artista ou o espectador— co espazo no que se sitúa a obra. Dos proxectos expositivos realizados no MARCO, é quizais o que supón unha maior intervención sobre o lugar —con obras que modifican, reconstrúen ou reinterpretan os espazos interiores— e non obstante, nunca foi tan visible a estrutura orixinal do edificio.

A exposición concibiuse necesariamente a partir dun número de obras específicas realizadas para cada unha das sedes —o MARCO de Vigo e o Koldo Mitxelena de San Sebastián— e unha serie de pezas comúns adaptadas aos espazos de ambos os dous museos. En cada lugar e momento, o espazo arquitectónico, o funcionamento cotián da institución ou o contexto social no que se insire, actúan como os elementos significativos do contido da exposición. É dicir, espiuse ao máximo o museo, de maneira que é este, como ‘soporte’, o que se exhibe: o espazo resulta así dimensionado, especificado e interpretado na súa totalidade a través das accións dos artistas e da participación do público. Deste modo, o museo percíbese non só como un lugar de instrución ou educativo, segundo a definición decimonónica, senón tamén como un ámbito destinado a estimular a actitude ‘performativa’ dos espectadores a través do cuestionamento do amplo catálogo de rutinas sociais que teñen lugar entre os seus muros.
 
Entre os novos proxectos realizados para a primeira sede da exposición atópanse obras de Arabella Campbell, Maria Eichhorn, Loreto Martínez Troncoso, Roman Ondák, Sergio Prego, Maider López e Sancho Silva, que se relacionan con cuestións como a historia da antiga prisión na que se sitúa o MARCO, o carácter da sociedade viguesa, a arquitectura do museo e o seu exterior, ou os protocolos de comportamento do espectador-usuario dentro do mesmo. Xunto a estas intervencións, a exposición complétase con traballos que funcionaron antes noutros contextos e foron readaptados aos espazos de Vigo e San Sebastián, como os de Lara Almarcegui, Monica Bonvicini, Annika Eriksson, Ceal Floyer, Andrea Fraser, Luca Frei, Mario García-Torres, Felix Gonzalez-Torres, Jeppe Hein, Louise Lawler, Karin Sander, Tino Sehgal e Thomas Struth. Na súa gran maioría, trátase de artistas que se formaron ou iniciaron a súa práctica artística entre os anos noventa e a presente década, pero quíxose incluír así mesmo a algúns autores (Fraser, Gonzalez-Torres, Lawler, Struth) que, pola súa actitude fronte ás mencionadas transformacións, foron unha importante influenza en desenvolvementos artísticos posteriores.

Artistas

    Andrea Fraser
    Annika Eriksson
    Arabella Campbell
    Ceal Floyer
    Felix Gonzalez-Torres
    Jeppe Hein
    Karin Sander
    Lara Almarcegui
    Loreto Martínez Troncoso
    Louise Lawler
    Luca Frei
    Maider López
    Maria Eichhorn
    Mario García Torres
    Monica Bonvicini
    Roman Ondák
    Sancho Silva
    Sergio Prego
    Thomas Struth
    Tino Sehgal

Texto curatorial

“Cal é a función do museo na cultura contemporánea? Ata hai pouco tempo, a definición do museo estaba claramente delimitada. Abonda con remontarse aos estatutos do Consello Internacional de Museos de 1974, onde estes son descritos como ‘institucións permanentes, sen finalidade lucrativa, ao servizo da sociedade e o seu desenvolvemento, que adquiren, conservan, investigan e exhiben testemuños materiais do home e a súa contorna para a educación do público que o visita’.

Non obstante, as funcións do museo víronse recentemente alteradas de forma drástica, ata o punto de que ás veces se fala da súa ‘crise’. En efecto, no tránsito á década dos noventa, e influídos por diversos factores como o progresivo afianzamento da economía de servizos ou a espectacular introdución das novas tecnoloxías, os museos, así como outro tipo de institucións artísticas, viron aumentar as súas tarefas. Na actualidade, ademais de coleccionar e exhibir obras de arte, teñen que ser lugares de encontro, restaurantes, librerías e ata pasarelas de moda. Os museos poden servir ademais como recursos para o marketing das cidades a nivel global, para a construción dunha identidade nacional ou para a especulación inmobiliaria.

Sen dúbida todos estes procesos indican que as funcións do museo van, hoxe en día, moito máis aló do meramente artístico. Xa sexa baixo criterios puramente económicos, ou dende unha vinculación máis estreita coa sociedade e coa historia, parece claro que perderon a súa tradicional autonomía e se converteron en institucións centrais das sociedades contemporáneas. Lonxe da interesada neutralidade que lle atribuíu a historia da arte moderna, os museos son agora ferramentas estratéxicas que dan lugar a pugnas inéditas para obter o seu control. Neste contexto, o museo converteríase no edificio emblemático do século XXI, ao igual que o foron as catedrais na Idade Media. Poderíase afirmar, mesmo, que o museo é a sede simbólica da ‘industria cultural’ e un punto de referencia clave no urbanismo contemporáneo. O museo Guggenheim de Bilbao, inaugurado en 1997, é con toda seguridade o paradigma dunha tendencia que despois seguiron outras institucións como a Tate Modern de Londres ou o MUSAC de León, por citar só algúns exemplos próximos.

Como non podía ser doutro xeito, os artistas interpretaron e reaccionaron criticamente ante estes procesos, moitas veces anticipándose a eles. Se o cadro de cabalete foi o obxecto artístico por excelencia da sociedade burguesa, e representaba os seus valores individualistas a través da unicidade, a abstracción e a súa capacidade para o intercambio no mercado, nas actuais democracias capitalistas é a propia institución artística, no seu conxunto, a que en moitas ocasións reproduce —como soporte mesmo da obra de arte— valores alternativos designados pola participación das audiencias, a importancia do colectivo ou a influencia do contexto, dando lugar a obras que incorporan o espazo, tanto física como conceptualmente, como elemento esencial da súa identidade. Quere isto dicir que a suposta ‘crise’ do museo non é senón a renovación da súa dimensión representativa, ao integrar no seu funcionamento os presupostos e antagonismos básicos da vida social contemporánea e mostrarse así como un ‘espazo público’ privilexiado, como un ámbito en continua transformación que, ademais de cumprir coa súa función de arquivo, pode facer de espello do presente e da comunidade que lle dá uso.

Nestas circunstancias, a exposición O MEDIO É O MUSEO está dedicada a explorar as diferentes formas a través das que os artistas se relacionaron coas institucións dende principios dos anos noventa, un momento clave na súa historia recente. Tratando de investigar e confrontar procesos complementarios no ámbito artístico e na sociedade —como o rexurdimento das prácticas performativas e contextuais herdeiras da arte conceptual e da crítica institucional dos setenta, xunto ao auxe da arquitectura de museos, a mutación progresiva do espazo urbano, a consolidación dunha economía ‘inmaterial’ ou o optimismo do mercado fronte o malestar do público— a intención deste proxecto é reflexionar sobre o museo entendido como medio e material, pero tamén como un sistema de convencións historicamente establecidas nunha linguaxe concreta, co obxectivo de mostrar como as accións formais e ideolóxicas dos artistas no mesmo interpretan e cuestionan as novas condicións dando lugar a importantes cambios.

Alén do estreito criterio numérico e dos 'fins' extra-artísticos aos que moitas veces se lles reduce, o que nos indica este tipo de traballos especialmente atentos ao marco no que teñen lugar é que os museos poden ser ‘medios’ que desborden o ámbito do artístico para abrírense a debates culturais e históricos moito máis amplos. Neste sentido, podería dicirse que os artistas xa non perciben o museo como un ‘inimigo’, como sucedía en certos momentos das vangardas, senón como un espazo singular que condensa e reflicte os hábitos e modos de produción vixentes de xeito simbólico, e dende o que é posible intervir activamente para formular visións distintas da sociedade. Visións, por suposto, que se inspiran no pasado co fin de comprender o noso presente a través da memoria. Trataríase, noutras palabras, do tránsito dunha actitude de oposición a outra de dialéctica co museo, na que a crítica interna —ou ‘deconstrutiva’— é esencial para evitar tanto a falsa conciencia como o populismo. É así, polo tanto, como o museo devén en medio. Un medio que, como sucedeu historicamente con outros soportes, non deixa de ser un instrumento continxente e con data de caducidade a través do que representar e cuestionar a realidade segundo as condicións do presente”.


Pablo Fanego e Pedro de Llano
Comisarios da exposición

Comisariado

Pablo Fanego

Pablo Fanego é comisario independente de exposicións. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, as súas iniciativas máis recentes foron o proxecto de arte e espazo público A cidade interpretada, en Santiago de Compostela, coa participación dos artistas Nathan Coley, Hans Schabus, Roman Ondák, Jorge Barbi, Germaine Kruip, Apolonija Sustersic, Carme Nogueira e André Guedes, e a exposición individual de Alicia Framis, Secret Strike, no CGAC, Santiago de Compostela. A súa traxectoria profesional anterior está sobre todo vinculada á Fundación Luis Seoane da Coruña. Neste centro dirixiu proxectos expositivos e editoriais como Trompe-la-memóire. Historia e visualidade, A construción do espectador ou How soon is now? Tamén organizou diversos talleres e actividades relacionados coa arte contemporánea, como as xornadas Deseño das pasaxes ou Estruturas sen poder, realizadas coa participación da UIMP. Na actualidade prepara dous proxectos individuais cos artistas Ibon Aranberri e Hans Schabus.

Pedro de Llano

 

Pedro de Llano (Santiago de Compostela, 1977) é historiador da arte e comisario de exposicións. Realizou a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela a partir dunha investigación dedicada á crítica materialista de Clement Greenberg, levada a cabo no Getty Research Institute, Os Anxeles (EUA). Participa noutros proxectos de investigación no grupo de arte contemporánea da mesma universidade e coordina o Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas. Editou os libros En tiempo real: El arte mientras tiene lugar (Fundación Luis Seoane, A Coruña, 2001 —en colaboración con Xosé Lois Gutiérrez) e Wrong Site: Arte e globalización (Fundación Luis Seoane, 2008). Colaborou coas revistas Exit Express (Madrid), Carta (Madrid), Afterall online (Londres) e Texte zur Kunst (Berlín), e con xornais como La Vanguardia (Barcelona). Escribiu textos sobre os artistas Tino Sehgal (Serralves, O Porto, 2005), Fernando José Pereira (Anamnese, O Porto, 2005), Hans Schabus (A cidade interpretada, 2006), John Knight (Afterall online, 2008), Sergio Prego (Galería Soledad Lorenzo, 2009), Stephen Prina (Afterall online, 2009) ou Mauro Cerqueira (Exit Express, 2011). Como comisario realizou os proxectos El medio es el museo (MARCO de Vigo e Koldo Mitxelena de San Sebastián, 2008 —en colaboración con Pablo Fanego) e In Search of the Miraculous, trinta anos despois, sobre o proxecto póstumo do artista holandés Bas Jan Ader (CGAC, Santiago de Compostela, 2010). Actualmente prepara un libro sobre Bas Jan Ader que se publicará en 2013.