rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
O momento suspendido. Obras da Colección H&F, Holanda

O momento suspendido. Obras da Colección H&F, Holanda

Ficha

Datas: 
20 xaneiro 2006 - 7 maio 2006
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
Martes a sábado (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
CRAC Alsace, Francia
Comisariado: 
Hilde Teerlinck

Obras en exposición

THE SUSPENDED MOMENT é unha selección de 20 artistas e unhas 60 obras (pinturas, fotografías, vídeos, instalacións e esculturas) da Colección H&F.

A colección H&F

A colección H&F foi creada polo escritor holandés Han Nefkens (Róterdam, 1954) a partir do ano 2000. Malia a súa recente creación, a colección ten xa prestixio internacional e inclúe nomes de grandes artistas contemporáneos. Para a adquisición de obras, Nefkens conta co asesoramento de Sjarel Ex, director do Museum Boijmans van Beuningen en Róterdam, confiándose no se criterio dende un principio, aínda que -segundo as súas propias palabras- sempre toma as decisións so e case de inmediato. Practicamente todas as obras da colección atópanse en depósito en diferentes museos, cos que se teñen establecido convenios de colaboración: Centraal Museum de Utrecht, Museo de Arte Contemporánea de Reykjavik, Museum de Pont en Tilburg, Huis Marseille en Amsterdam, e Museum Boijmans van Beuningen en Róterdam. Na actualidade, Han Nefkens vive en Londres, con esporádicas estancias en Barcelona, e ademais do seu papel como coleccionista desenvolve unha notable labor como mecenas e promotor de proxectos artísticos cunha clara función social, especialmente no que se refire á loita contra a SIDA.

Itinerancia (2005-2008)

  • CRAC ALSACE, Altkirch, Francia

  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

  • TADU Contemporary Arts Center, Bangkok, Tailandia

  • KUNSTENCENTRUM Z 33, Hasselt, Bélxica

  • CENTRAAL MUSEUM, Utrecht, Holanda

Síntese do proxecto

THE SUSPENDED MOMENT é unha selección de obras da Colección H&F realizada por Hilde Teerlinck, comisaria da mostra e directora do CRAC (Centre Regional d’Art Contemporain) de Alsacia, Francia, en colaboración con Han Nefkens, propietario da colección. Tras a súa inauguración na sede do CRAC Alsace en Altkirch, en 2005, a exposición viaxa ao MARCO de Vigo –a súa única presentación en España– para comezar unha itinerancia que a levará durante os próximos anos a Tailandia, Bélxica e Holanda. Esta mostra colectiva inclúe pinturas, fotografías, vídeos, instalacións e esculturas dunha vintena de artistas de prestixio internacional.

Nesta ocasión, o fío argumental adivíñase no título da exposición: ‘The Suspended Moment’ [o momento ou o tempo suspendido] fai referencia á tensión, ao suspense –no seu sentido máis cinematográfico– pero contrapón esta emoción, esta excitación, á fugacidade e transitoriedade dun instante, xogando cunha contradición semellante á dos ‘ollos pechados de par en par’ do título da derradeira película de Stanley Kubrick, Eyes wide shut.

“¿Que ocorrería se puidésemos deter o tempo por un instante?”. En opinión da comisaria, esta exposición ofrece unha ocasión perfecta para poñelo a proba. Os artistas seleccionados semellan terse feito unha pregunta similar. Son pintores, fotógrafos ou escultores, pero comparten teimas e visións parecidas, e toman a vida cotiá como punto de partida para unha análise máis fonda.

Non é casual que o traballo de moitos deles se basee nunha crúa e ás veces amarga realidade. É o caso da obra de Víctor Boullet, que nos amosa o interior dos quirófanos; momentos arrepiantes nos que os animais se atopan nun estado entre a vixilia, o sono e a morte. O dos delicados crebacabezas de Felix Gonzalez-Torres, que a primeira ollada semellan xoguetes inocentes, e que nos falan do amor, do sentimento de perda e da fraxilidade da vida. unha aproximación poética similar protagoniza a instalación Deadheading [Cara á morte], de Otto Berchem. As súas flores xacentes representan unha auténtica “natureza morta”, cunha beleza e un tráxico final tal que nos fai reflexionar sobre a nosa efémera existencia.

A serie Blast, de Naoya Hatekayama, enfróntanos ás explosións violentas dunha mina xaponesa. Amósanos como a industria moderna é capaz de destruír nun instante montañas centenarias, cos restos das cales se construirán autopistas e rañaceos. Coma unha meditación sobre a condición humana, semella que esteamos condenados a destruír o noso pasado para construír un novo futuro. O vídeo de Fabien Rigobert rexistra un accidente de tráfico a cámara lenta, e estuda os sutís cambios que se producen no comportamento dos protagonistas, mediante a análise de emocións complexas como o medo, a compaixón, a tristura, ou o horror. Sam Taylor-Wood segue un método de traballo similar no seu vídeo Strings, no que o bailarín Ivan Putrov está literalmente suspendido no aire e realiza unha acrobática coreografía sobre as cabezas dun cuarteto de corda. A aparente precariedade da situación produce unha fascinación no espectador, que se une á sensación desacougante e agoniante da fraxilidade e vulnerabilidade do corpo.

Gerald van der Kaap, artista multimedia holandés, autor da portada e contraportada do catálogo, atopa a súa inspiración artística no seu vasto arquivo fotográfico, cunha forte carga autobiográfica. Como espectadores, enfrontámonos a unha especie de “post-imaxes” virtuais que, nembargante, conservan a tensión orixinal.
 
Outras obras requiren da participación do público para ‘cobrar vida’, como a instalación de Erwin Wurm Hold your breath and think about Spinoza [Contén a respiración e pensa en Spinoza], da serie One-minute sculptures [Esculturas dun minuto]. Nesta ocasión convídase o espectador a que sente sobre un pedestal e medite, seguindo as instrucións do artista. Diana Thater utiliza unha estratexia similar: a súa videoinstalación White is the Colour interactúa co espectador e o forza a se converter en parte integrante da mesma, movéndose diante dunha luz branca de neon.

Do mesmo xeito que Thater, Roni Horn amosa unha obsesión polos cambios máis pequenos e imperceptibles da realidade, con traballos cunha meticulosidade e unha precisión máis propios dun científico, pero que en realidade subliñan a importancia da ollada, da observación e a percepción. Algo fundamental nas propostas de Karin Sander –reproducións a escala 1:10 de seres humanos ou obxectos– que mediante un sofisticado escaneado en 3D conxela o tempo e crea unha copia perfecta dos seus modelos.

A homenaxe de Angela Bulloch ao artista conceptual francés Cadère baséase tamén na tecnoloxía. As cores cambiantes das súas caixas de luz, realizadas en madeira ou plástico e capaces de producir 16 millóns de cores, teñen algo en común cos delicados cadros de Prudencio Irazábal –único artista español na exposición– ou de Bernard Frize, dos artistas que semellan compartir un mesmo interese pola influencia das cores na mente. Os seus lenzos baséanse en intervencións minimalistas, furtivas, como obxectos fráxiles que poderían desaparecer en calquera instante.

“Unha pinga de pintura no chan, case sen secar”: así define Thomas Rentmeister as súas esculturas de poliéster; e en efecto, semella coma se rematasen de chegar e só fosen a permanecer sobre o chan pouco tempo. A súa superficie suave e brillante invita a tocalas, aínda a risco de que se disolvan inesperadamente. Unha sensibilidade similar percíbese nas fotografías de Jörg Sasse; moitas das súas imaxes reflicten unha estraña combinación de velocidade e paz. As paisaxes de Hrafnkell Sigurdsson tamén semellan tranquilos e en paz, ata que ocorre algo que nos demostra a nosa vulnerabilidade.

As fotografías de Paul Kooiker parecen imaxes borrosas dun fotógrafo afeccionado, e non obstante son resultado dunha estratexia moi precisa para captar momentos fugaces e furtivos de seus modelos. Tamén os Little Children de Jeff Wall –unha obra concibida en colaboración con Dan Graham e destinada a un pavillón infantil– teñen a aparencia de retratos publicitarios, e só tras unha ollada máis atenta detectamos a presenza de helicópteros militares baixo o bonito ceo azul. O xeito destas caixas de luz remítenos á obra de Dan Graham nesta exposición, unha peza que convida á meditación a través de tres portas abertas, invisibles e transparentes durante o día, que se transforman milagrosamente baixo a luz da lúa.

Instantáneas fugaces, variacións dun mesmo movemento, imaxes indefinidas, reflexións sobre a vida cotiá ou sobre a fraxilidade da existencia... En palabras da comisaria, THE SUSPENDED MOMENT é unha mostra que, tal como o seu título suxire, hai que experimentar:

“E ha ser unha experiencia subxectiva, porque apela á sensibilidade de cada quen. Componse de anacos e momentos seleccionados por cada un dos vinte artistas, cunha visión moi persoal. Gustaríame convidar aos espectadores a que se tomen o seu tempo, fagan unha pausa, e dediquen ao menos ‘un minuto’ a descubrir a posición individual de cada quen. Porque... non se pode lembrar o que se elixe esquecer”.

Artistas

    Angela Bulloch
    Bernard Frize
    Dan Graham
    Diana Thater
    Erwin Wurm
    Fabien Rigobert
    Félix Gonzalez-Torres
    Gerald van der Kaap
    Hrafnkell Sigurdsson
    Jeff Wall
    Jörg Sasse
    Karin Sander
    Naoya Hatakeyama
    Otto Berchem
    Paul Kooiker
    Prudencio Irazábal
    Roni Horn
    Sam Taylor-Wood
    Thomas Rentmeister
    Victor Boullet

Texto curatorial

Selección de textos do catálogo

"A publicación Girlfriend in a coma de Douglas Coupland é un dos libros que me inspiraron para levar a cabo esta selección tan persoal e intuitiva das obras da colección H&F. Probablemente sexa suficiente con citar os títulos dalgúns dos seus capítulos: Se durme é que está vivo; pensar no futuro significa que queres algo; tristura terreal; máis real ca ti mesmo; o futuro e a vida despois da morte son cousas completamente distintas; un día falarás contigo mesmo; o destino é unha sensiblería; o futuro é máis extremo do que cres; soñar estando completamente esperto.

Venme á mente Eyes wide shut, a derradeira película de Stanley Kubrick, xa que o título The Suspended Moment xoga cunha contradición similar. Fai referencia á tensión, ao suspense (como no mundo do cine), pero contrapón esta emoción, esta excitación, coa fugacidade e a transitoriedade dun intre.

Pertenzo a unha xeración na que a vida diaria está cada vez máis dominada por un ritmo frenético. Da noite á mañá, a nosa axenda obríganos a adaptarnos a todo tipo de situacións. A rutina é omnipresente; os descansos e momentos de relax son cada vez máis escasos. Somos bombardeados constantemente cunha sobredose de imaxes, información e impresións que ocupan toda a nosa atención. É difícil fuxir desta rutina e atopar un momento de descanso para pensar. Por iso un día pregunteime: ‘¿que ocorrería se puidésemos parar o reloxo un momento?' Na miña opinión, esta selección da colección H&F ofrece unha oportunidade única para poñelo en práctica".

Hilde Teerlinck
Comisaria da exposición

Fragmento do texto Unha fracción de segundo

 

"Característico das obras que colecciona Han Nefkens é o seu aspecto fotográfico, incluso cando a fotografía non é o medio no que traballa o artista: ‘Esta foto ben podería ser un cadro, e o cadro unha foto. Intríganme os casos nos que o medio non determina o contido. Gústame cando a primeira vista non estás seguro de se se trata dunha foto ou dun cadro'. Nefkens non merca fotografías como tales; compra arte.

(...)

"Han Nefkens distingue a necesidade, tamén no seu caso, dun dogma: facer que a calidade da obra de arte se poda analizar por medio dunha valoración baseada en criterios obxectivos. Deste xeito se cadra a arte contemporánea consiga fuxir do estigma que durante tanto tempo o perseguiu, a típica afirmación de ‘iso tamén o podo facer eu'. Non obstante, segue a ser un misterio -aínda sen resolver- por que o artista é o único que o fai. É precisamente o enigmático da imaxe, o misterio da arte, o que fascina a Nefkens e o que o leou a crear a súa colección. Non para descubrir o segredo da arte, senón para identificalo como tal, na súa condición de enigma. Como o mesmo di: ‘A arte ten a mesma función co aire, a auga e o alimento; é esencial para a nosa vida, non coma luxo ou pasatempo, senón como condición indispensable para a propia existencia'.

 

Para Nefkens, a súa propia vida e desenvolvemento persoal foron e son determinantes para as decisións que toma como coleccionista e para a clase de coleccionista que quere ser. Non ve as súas adquisicións de arte coma unha inversión financeira, xa que logo ao legar a súa colección de xeito inmediato aos museos renuncia no acto a calquera beneficio económico. Para el o importante é o significado da obra de arte nun contexto máis amplo: a vida como tal e o papel que a arte xoga nela. A súa fascinación por obras nas que un momento perfecto toma forma, unha forma permanente que ao mesmo tempo pode adoptar significados distintos cada vez que se contempla, é consecuencia, en parte, de circunstancias persoais. ‘O persoal é político', rezaba un slogan do movemento feminista dos anos setenta e oitenta. No caso de Nefkens, o lema ‘O persoal é arte' é igualmente irrebatible. Está firmemente convencido de que cada vez é máis importante demostrar a utilidade da arte, precisamente debido á súa inutilidade obxectiva e á súa falta de funcionalidade (...)

‘Gustaríame ser unha mosca na parede dun museo e ver como a xente mira os cadros e oílos falar. ¿Como lle afecta á xente a arte que eu coleccionei?'. Nefkens está convencido de que a arte pode eliminar a soidade innata do ser humano ou, en calquera caso, aliviala. ‘Cando unha obra de arte te emociona, e ves que tamén emociona a outra persoa, a túa soidade desaparece'. Nembargante, non considera a arte só coma o consolo que supostamente ofrece. A arte fai moito máis ca iso. A arte aporta unha perspectiva que permite recoñecer cousas da vida das que antes non se era consciente.

(...) a satisfacción persoal de comprobar que a arte e a loita contra o SIDA poden ser complementarios, deulle ás súas actividades como coleccionista un sentido e unha dimensión novos. Neste momento está planeando involucrarse máis activamente no mundo da arte, non só como coleccionista, senón tamén como mecenas, para promover a arte de xeito distinto e facer que cumpra unha función social".

Alex de Vries

Fragmento do texto A vulnerabilidade como forza. Momentos que non se escapulen

Comisariado

Hilde Teerlinck


Hilde Teerlinck
é membro fundador de ArtAids. Directora do FRAC Nord-Pas de Calais en Dunkirk, anteriormente ocupou o cargo de directora do Centre Rhénan d’Art Contemporain (CRAC Alsace) de Altkirch e de directora artística e coordinadora do Pavillón Mies van der Rohe de Barcelona. Entre 1999 e 2002 combinou o seu traballo como docente na Escola Superior de Arte de Perpiñán co seu traballo como crítica de arte e colaboradora en diversas publicacións como Parkett, Kunstforum, Kunst nu, Artefactum, Transversal, Quaderns, e Ars Mediterranea, e o seu labor como comisaria do Espace d‘Art Contemporain - Halle au Poisson en Perpiñán. Xunto a Han Nefkens, deu inicio ao proxecto Access for All [Acceso para todos] en 2004.