rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Obradoiros infantís VERÁN 2023

Obradoiros infantís VERÁN 2023

Datas: 
4 xullo 2023 - 28 xullo 2023
Horario: 
De martes a venres, de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Lugar: 
Laboratorio das Artes, salas de exposición, e praza peonil posterior

Para público infantil de 3 a 12 anos
Colabora: Fundación Social "La Caixa" 

Cara a este período estival, a área de Didáctica do MARCO retoma a súa programación especial de verán, con actividades diferenciadas por grupos de idade, cuxos contidos xiran ao redor das obras e artistas presentes nas mostras desta tempada.

Conducidos por Mª Xosé Martínez e persoal de Didáctica do MARCO

Datas:
Do 4 ao 28 de xullo de 2023 [agás martes 25 de xullo]

GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN

Listas abertas para cada sesión ata completar capacidade: máximo 25 participantes por sesión
[Posibilidade de reservas específicas para grupos en función de datas e horarios dispoñibles.]
Reservas de praza a partir do 30 de xuño en taquilla recepcion@marcovigo.com / Tel. 986 113900 (ext. 100)
NOTA: recoméndase roupa cómoda e, se é posible, mandilón ou similar.

AVANCE DE CONTIDOS

SESIÓN 1 / Martes 4 xullo

E hoxe o artista convidado é… Joan Miró!

1º Contacontos en LASAL BOOKS: El largo viaje de Joan Miró, de Gemma Gallardo e Marta Altés.
2º Visita obra Joan Miró (Femme et Oiseaux, 1966) nas salas do 1º andar: exposición LAXEIRO E A ARTE DA SÚA ÉPOCA.
3º Obradoiro no Laboratorio das Artes: creamos un cadro utilizando un máximo de 3 liñas, 3 cores primarios, e 3 manchas.

SESIÓN 2 / Mércores 5 xullo

E hoxe o artista convidado é… José Gutiérrez Solana!

1º Contacontos en LASAL BOOKS: El arte de los gatos, de Jenn Bailey e Nyangsongi.
2º Visita obra Gutiérrez Solana (Taller de caretas, 1943) nas salas do 1º andar: exposición LAXEIRO E A ARTE DA SÚA ÉPOCA.
3º Obradoiro no Laboratorio das Artes: de xeito similar aos exemplos do libro, sustituímos as caras que aparecen na obra de Solana por cabezas de gatos que van poboando o noso cuadro.

SESIÓN 3 / Xoves 6 xullo

E hoxe o artista convidado é… Washington Barcala!

1º Contacontos en LASAL BOOKS: varios libros en torno á arte da colaxe.
2º Visita obra Washington Barcala (Historia R. 1.7) nas salas do 1º andar: exposición LAXEIRO E A ARTE DA SÚA ÉPOCA.
3º Obradoiro no Laboratorio das Artes: crearemos un colaxe ao estilo de Barcala, combinando materiais, e xogando coa tridimensionalidade.

SESIÓN 4 / Venres 7 xullo

Que casa é esta?

1º Cada edificio ou casa ten as súas peculiaridades... que casas ou edificios coñecemos?
2º Visita edificio MARCO, fixándonos nas súas características, espazos e materiais.
3º Obradoiro no Laboratorio das Artes: construímos unha casa de material reciclado na que procuraremos diferenciar os materiais mediante cores.

SESIÓN 5 / Martes 11 xullo

A semana perfecta

1º Visita á exposición de LLUÍS LLEÓ nas salas da planta baixa, e concretamente a instalación The Perfect Year, situada no panóptico central. Falamos da súa forma redonda, da idea do paso do tempo, e da vinculación entre pintura, escultura e arquitectura nesta obra.

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: pensamos nos 7 días da semana, e cada quen lle asigna a cada día unha cor, e unha imaxe que se asocie a un recordo persoal dese día. A partir de aí, utilizando 7 pequenas caixas (ou outros obxectos tridimensionais) damos forma ás nosas propias “escultopinturas”, que chamaremos A semana perfecta.

SESIÓN 6 / Mércores 12 xullo

Ás de bolboreta

1º Visita á exposición de LLUÍS LLEÓ nas salas da planta baixa, e concretamente as obras que se exhiben no Patio 2. A maioría dos seus títulos refírense a distintas variedades dunha especie de bolboreta. Fixámonos no seu tamaño, nas peculiariedades destas pinturas, e moi especialmente na súa técnica. Tamén, nas formas que aparecen e nas paisaxes que nos poden suxerir (mar, montaña…)

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: algo tan fráxil e delicado como o chamado ‘papel de seda’ ten que referirse a algo especial… cal será a orixe da seda? Que relación hai entre vermes, bolboretas, e unha folla chamada moreira? Neste taller traballamos con papel de seda como soporte, utilizando lapis e tinta para crear unhas ás de bolboreta, todas diferentes entre si.

SESIÓN 7 / Xoves 13 xullo

Capas de cebola

1º Visita á exposición de LLUÍS LLEÓ nas salas da planta baixa, e concretamente o cadro Pittore e outros da mesma serie, que dá título á mostra.

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: os cadros que vimos nesta sala están feitos por capas, como se fosen cebolas. Na actividade de hoxe elixiremos un máximo de tres cores (as que pensemos que mellor nos representan), e creamos unha peza pictórica por capas. Abrimos unha xanela na obra que nos permitirá traballar esa idea de ‘cadro dentro do cadro’.

SESIÓN 8 / Venres 14 xullo

Cadros voadores

1º Visita á exposición de LLUÍS LLEÓ nas salas da planta baixa. Esta vez fixarémonos nos distintos soportes e formatos, nese balance entre o bidimensional e o tridimensional.

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: xogamos a traspasar os límites das nosas pequenas obras pictóricas. Sen marco, sen unha forma predeterminada, as nosas pinturas expándense e convírtense en obxectos en tres dimensións que colocaremos sobre a parede ou sobre o chan.

SESIÓN 9 / Martes 18 xullo

Aparecidas ou desaparecidas? 1: “Letras invisibles”

1º Visita á exposición de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO nas salas do 1º andar, e á instalación Los días. Tamén fala do tempo, pero de xeito ben diferente da instalación de Lluís Lleó que vimos a semana pasada… De que fala esta peza? Que quere “contar”? Que significarán eses ocos onde non hai foto? Duran o mesmo os días e as noites?...

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: utilizando diversos materiais como tinta fosforescente, cera, leite ou zume de limón, escribimos as nosas mensaxes e frases invisibles, que só podemos ler… cando está escuro!

SESIÓN 10 / Mércores 19 xullo

Un colaxe ao revés

1º Visita á exposición de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO nas salas do 1º andar. Hoxe fixarémonos en dúas fotografías da serie Estratos, concretamente as tituladas Niño durmiendo e El túnel. Resulta que neste caso a artista traballa dende o fondo, como se fora un colaxe ao revés. Afonda nas cabezas desas dúas persoas para mostrarnos dúas imaxes moi diferentes.

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: o outro día abrimos unha fiestra nun cadro, tomando como exemplo algunhas das obras de Lleó. Hoxe tamén traballaremos por capas pero no sentido contrario: dende o fondo á superficie. Para iso basearémonos na foto dun rostro en primeiro plano, á que lle engadimos outra imaxe dende o fondo, que a transforma e lle achega un novo significado.

SESIÓN 11 / Xoves 20 xullo

Aparecidas ou desaparecidas? 2: “Letras anónimas”

1º Visita á exposición de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO nas salas do 1º andar. Hoxe detémonos na obra A letter to the son and a letter to the daughter. Resulta que a artista borrou palabras dunha carta existente, para crear unha nova mensaxe cun significado moi diferente…

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: seremos quen de facer o mesmo? Nesta actividade xogamos coas letras e as súas formas, que compoñen palabras, que á súa vez compoñen frases. Para os máis peques, utilizamos cartóns de cores e acetatos transparentes para compoñer os nosos crebacabezas de letras. Cos maiores atrevémonos a xogar aos “anónimos” con titulares de prensa e revistas.

SESIÓN 12 / Venres 21 xullo

A casa dentro da casa dentro da casa dentro da casa

1º Visita á exposición de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO nas salas do 1º andar. Que é o que temos ao fondo da sala? Unha gran cabaña! Ou será unha casa? Poderemos entrar? Asomámonos ao interior a través da xanela central. Que vemos? É o espazo interior ou o exterior? Que haberá dentro da casa máis pequena?

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: utilizando cartón e papel, construímos a nosa propia casa-matrioshka, unha dentro da outra, levando ata o infinito ese espazo que quixemos imaxinar.

SESIÓN 13 / Mércores 26 xullo

Quen é quen?

1º Visita á exposición de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO nas salas do 1º andar. Observamos con atención esta serie de 12 pinturas sen título. Que é o que teñen en común? Quen aparece nestas imaxes? Son de hoxe en día, ou parecen antigas? Estas persoas, teñen a mesma idade? Que pintan os animais nestas escenas?

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: tomando como base fotografías antigas de escenas familiares, obtidas en internet (ou de debuxos animados no caso dos máis pequenos), imos facendo unha selección de personaxes e asignándolles un papel ou significado dentro das novas imaxes ou historias que cada quen queira imaxinar.

SESIÓN 14 / Xoves 27 xullo

7 días e 7 noites

1º Visita á exposición de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO nas salas do 1º andar. A instalación titulada Los días, na que nos fixamos a semana pasada, fala dos días e das noites. En que se diferencia o tempo dos días e o das noites? Pasa máis rápido ou máis lento? Somos máis ou menos conscientes? Podemos contar o tempo? Con que imaxes relacionamos os días e as noites?

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: creamos unha especie de “libro da nosa semana” feito de cartón dobrado en zigzag, con 14 caras: 7 para cada día, e 7 para cada noite. Identificamos cada día e cada noite cunha cor, unha imaxe, unha forma, unha letra… ata crear unha secuencia temporal dunha semana completa, cos seus días e as súas noites.

SESIÓN 15 / Venres 28 xullo

Cada moucho na súa oliveira

1º Visita á exposición de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO nas salas do 1º andar, e á de LLUÍS LLEÓ na planta baixa. Que é o que acabamos de descobrir nun dos muros ahí arriba? Niños de andoriñas! Onde temos visto outros niños de aves no Museo? Nas obras de Lluís Lleó? Son iguais? Observamos exemplos de distintos tipos de niños de aves e fixámonos nas súas similitudes e diferenzas, respecto ao seu tamaño, material, localización, etc.

2º Obradoiro no Laboratorio das Artes: hoxe traballaremos con materiais de modelado (plastilina e arxila) para imaxinar e construír o noso niño-acubillo para un animal alado que pode ser real ou imaxinario.