
Premio MARCO/FRAC LORRAINE para Novos Comisarios 2012
OBXECTO DO CONCURSO
O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e o 49 Nord 6 Est - Frac Lorraine (Fonds régional d’art contemporain de Lorraine) de Metz, convocan o Premio MARCO/Frac Lorraine destinado a novos comisarios de exposición. Ofrece aos participantes a oportunidade de propor un proxecto centrado nun tema de reflexión orixinal e persoal, así como a súa realización nos espazos de exposición do MARCO (1º andar) e do Frac Lorraine.
A orixinalidade da teses defendida e a pertinencia das referencias propostas serán determinantes para a selección do proxecto gañador.
O proxecto seleccionado terá como resultado a realización dunha exposición que se presentará sucesivamente no MARCO (Vigo, España) e no Frac Lorraine (Metz, Francia) ou pensada como dúas ideas complementarias representadas simultaneamente en ambas sedes. O concepto da exposición requirido servirá de base de traballo. A versión definitiva do proxecto seleccionado así como a listaxe de obras serán elaboradas e formalizadas en estreita colaboración cos directores do MARCO e do Frac Lorraine durante as 2 residencias de traballo, a fin de que a mostra teña en consideración as particularidades arquitectónicas e os contextos propios de cada unha das sedes.
A proposta haberá de se inscribir dentro do campo do pensamento contemporáneo e queda aberta a todas as formas de creación. Poderanse incluír obras da colección do Frac Lorraine nas propostas presentadas, que se pode visitar na páxina http://collection.fraclorraine.org.
Esixirase a participación de polo menos dous artistas. A mostra deberá estar acompañada ou constituída por un programa de actividades que abra un novo espazo de reflexión sobre o tema abordado.
O proxecto gañador disporá dun orzamento máximo de 25.000 € para cada unha das sedes. A exposición presentarase a partir do mes de setembro de 2013, ben no MARCO (Vigo, España) e a continuación no Frac Lorraine (Metz, Francia), ben simultaneamente en ambas sedes.
CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
Poderanse presentar ao concurso os/as comisarios/as nados a partir do ano 1972, inclusive. Se a proposta é autoría dun colectivo, haberá de nomearse a un representante que actuará de mediador. Os comisarios non poderán participar en calidade de artistas no proxecto. Non se poderá presentar máis dun proxecto por autor, que deberá ser inédito e contemplar a participación de dous ou máis artistas
DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA (en PDF)
Documentación administrativa
- Nome, enderezo, teléfono e correo-e
- Curriculum Vitae abreviado
- Fotocopia do documento de identidade ou pasaporte
Proxecto artístico (5 p. máximo)
- Título
- Presentación pormenorizada do proxecto de investigación (de 1 a 3 páxinas)
- Listaxe de artistas incluídos na mostra (indicando nacionalidade e data de nacemento) ou das obras presentadas
Pódese descargar os planos dos espazos expositivos do Frac Lorraine e do primeiro andar do MARCO a través das páxinas web de ambas institucións ou ben solicitalos en: info@marcovigo.com e coordination@fraclorraine.org
Destinarase un orzamento máximo de 25.000 € para cada sede (gastos de transporte, impostos incluídos) para a produción de cada unha das propostas. O comisario deberá tomar en consideración este marco orzamentario na elaboración do proxecto.
ELABORACIÓN DO ORZAMENTO
O orzamento SI deberá incluír:
- Gastos derivados da produción das obras e honorarios dos artistas
- Gastos de seguro, transporte de obras e materiais
- Gastos de desprazamento e aloxamento dos artistas participantes
- Gastos de montaxe e acondicionamento das salas
O orzamento NON deberá incluír:
- Deseño e impresión de material promocional de prensa e publicidade
- Persoal técnico de montaxe
- Equipamento técnico audiovisual
- Gastos de aloxamento do comisario gañador durante a súa estadía en Metz e Vigo e durante a súa residencia de traballo
PRAZO LÍMITE DE PRESENTACIÓN DOS PROXECTOS
Venres día 19 de outubro de 2012, ás 19.00.
Non se aceptarán proxectos recibidos con posterioridade a esta data.
ENVÍO DA DOCUMENTACIÓN
A documentación enviarase en PDF exclusiva e simultaneamente aos seguintes enderezos: info@marcovigo.com e coordination@fraclorraine.org, especificando no asunto do e-mail PREMIO NOVOS COMISARIOS. Non será tomada en consideración a información recibida só nunha das sedes. O proxecto deberá ser enviado preferiblemente en inglés, aínda que serán aceptados os proxectos enviados en francés, castelán en galego.
XURADO
O xurado seleccionará no mes de novembro de 2012 o proxecto gañador e dous finalistas. A decisión do xurado será inapelable. Se o xurado así o estimase, o premio poderá ser declarado deserto. Os criterios de valoración das propostas terán en conta a calidade e a orixinalidade do proxecto de investigación.
A resolución do xurado farase pública durante o mes de novembro de 2012 e comunicarase a todos os participantes por correo electrónico.
ACEPTACIÓN DO PREMIO
Establécese un prazo de 10 días naturais para a aceptación do premio por escrito. No caso de non ser aceptado, o premio concederáselle ao segundo clasificado.
FUNCIÓNS DO COMISARIO
O/a comisario/a do proxecto gañador asinará un contrato coa Fundación MARCO e o Frac Lorraine que lle compromete a atender as funcións derivadas do comisariado dunha exposición especificadas no mesmo e referidas, entre outras, á elaboración definitiva do proxecto expositivo, á selección e localización das obras, ao deseño da exposición, á supervisión das relacións entre os artistas e os prestadores e da produción, á participación na redacción do material de prensa do evento e, no seu caso, á selección de actividades paralelas e á dirección editorial do catálogo (redacción de a lo menos un texto).
O proxecto gañador servirá de base de traballo ao comisario e aos directores do MARCO e do Frac Lorraine co fin de que os proxectos definitivos presentados en Vigo e Metz sexan o resultado deste intercambio. Para que así sexa, o comisario gañador deberá realizar obrigatoriamente dúas residencias de traballo en Metz e Vigo, previas á montaxe da exposición. O comisario do proxecto gañador será invitado en residencia a Metz durante un mínimo dun mes entre xaneiro e marzo de 2013 e a Vigo entre unha e dúas semanas entre febreiro e abril de 2013, en datas fixadas segundo dispoñibilidade e de acordo coas institucións.
HONORARIOS
O comisario do proxecto gañador recibirá a cantidade de 5.000 €, impostos incluídos, en concepto de honorarios. Abonaranse en tres prazos: o 40% no momento da sinatura do contrato da exposición, o 30% tras a inauguración no Frac Lorraine, e o 30% restante tras a inauguración no MARCO.
A Fundación MARCO e o Frac Lorraine reembolsarán os gastos de desprazamento do comisario, ata un máximo de 2.000 €, impostos incluídos, previa xustificación dos mesmos. As dúas institucións faranse cargo directamente dos gastos de aloxamento en Vigo e Metz, respectivamente.
ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación neste certame supón a total aceptación destas bases.
A organización resérvase o dereito de resolver, na forma en que considere oportuna, calquera situación non prevista nestas bases.