rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Unha máquina desexa instruccións como un xardín desexa disciplina

Ficha

Datas: 
13 setembro 2013 - 2 febreiro 2014
Lugar: 
primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 14.30 e de 17.00 a 21.00.Domingos de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo FRAC Lorraine, Metz, Francia
Comisariado: 
Catalina Lozano

ARTISTAS:

Maria Thereza Alves (São Paulo, Brasil, 1961)

Jimmie Durham (Arkansas, EUA, 1940)

Harun Farocki (Nový Jičín, Checoslovaquia, 1944)

Patrick Keiller (Blackpool, Reino Unido, 1950)

Anja Kirschner e David Panos (Múnic,Alemaña, 1977 / Atenas, Grecia, 1971)

Rogelio López Cuenca (Nerja, Málaga, 1959)

Carme Nogueira (Vigo, 1970) 

Olivia Plender (Londres, Reino Unido, 1977)

Jorge Satorre (México DF, 1979)

Klaus Weber (Sigmaringen, Alemaña, 1967)

OBRAS EN EXPOSICIÓN

Unha máquina desexa instruccións como un xardín desexa disciplina —cuxo título está tomado dunha obra de Jimmie Durham— foi o proxecto gañador da máis recente edición do Premio MARCO/FRAC Lorraine para novos comisarios. A proposta de Catalina Lozano reúne traballos artísticos e de investigación de dez autores (vídeos, instalacións, obra gráfica, documentación), con características específicas para cada sede.

ITINERANCIA

Unha vez clausurada en Vigo, a exposición viaxará ao FRAC Lorraine de Metz, Francia, onde se inaugurará a finais de febreiro de 2014, con certas variacións nos seus contidos e estrutura.

INFORMACIÓN E VISITAS

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: • Todos os días ás 18.00 • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900/03

Síntese do proxecto

Premio MARCO/FRAC Lorraine para novos comisarios

Unha máquina desexa instruccións como un xardín desexa disciplina é o proxecto gañador da máis recente edición do Premio para novos comisarios (2012), que por terceira vez consecutiva foi convocado conxuntamente polo MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine de Metz, Francia, e que ten como obxecto a realización dun proxecto expositivo para ambas as dúas sedes. O MARCO e os FRAC (Fonds Régional d’Art Contemporain) únense de novo nun proxecto de coprodución e promoción da arte contemporánea alén das súas fronteiras territoriais, cun interese común por apoiar a novas xeracións de profesionais. Nesta ocasión, o proxecto gañador é unha proposta de Catalina Lozano (Bogotá, 1979), comisaria e investigadora residente en México.

Unha máquina desexa instruccións como un xardín desexa disciplina

Este proxecto expositivo —cuxo título está tomado dunha obra de Jimmie Durham— toma como punto de partida a idea de que a historia do colonialismo e a da modernidade están inextricablemente unidas, a partir de aquí, explora as orixes do colonialismo europeo no seu proceso de colonización interna, e o que supuxo a construción da Europa moderna respecto a renuncias, liberdades, e á construción da súa propia mitoloxía.

O proxecto alude a procesos de colonización interna en Europa que coinciden historicamente coa transición cara ao capitalismo e a formación do pensamento e a política modernos, e co establecemento paulatino de estados-nación que se correspondeu con procesos de homoxeneización imposta sobre diferentes pobos.

As liñas de pensamento que se intentan describir aquí, e que resumimos en tres enunciados —redución da diversidade, negación da simultaneidade, e o mito do observador desinteresado— non acontecen illadamente, senón que se trenzan nun tecido complexo, pero inacabado e cambiante. Os traballos reunidos neste proxecto tentan disolver a dualidade platónica entre mundo material e mundo abstracto, da que se apropia o cristianismo (corpo e alma), secularizada despois no pensamento moderno (corpo e razón), e redistribuída amplamente en clasificacións sociais.

Texto curatorial

Unha máquina desexa instrucións como un xardín desexa disciplina examina procesos de colonización interna dentro de Europa que coinciden historicamente coa transición cara ao capitalismo e a formación do pensamento e a política modernos. Estes procesos de acumulación de riqueza, privatización crecente dos recursos, imposición de formas de relixión hexemónicas, en detrimento de prácticas asociadas aos ciclos de produción, control da sexualidade, reprodución da forza de traballo, e abolición crecente de formas de comunalidade, semellan ser un precedente (aínda que tamén continuaron de xeito simultáneo) de estratexias sistematicamente utilizadas polos poderes coloniais europeos en ultramar, que á súa vez regresaron ás metrópoles “decorados” con novos imaxinarios.

O establecemento paulatino de estados-nación en Europa correspondeuse con procesos de homoxeneización imposta sobre diferentes pobos. Por exemplo, en España o afianzamento do estado- nación foi bastante temperán e consolidado con alianzas matrimoniais e a empresa militar coñecida como a “Reconquista” (unha reconquista dunha España que non existía, pero que se prefiguraba como católica e branca), mentres que Italia ou Alemaña non se “unificarían” (de novo, un termo que implica unha forma “natural” do estado-nación predeterminada historicamente) ata finais do século XIX.

Por outro lado, este proxecto intenta activar un entendemento dinámico da historia na que os procesos descritos non se limiten a unha explicación pechada ou moralista do pasado. Non se trata de presentar unha imaxe romántica da Europa pre-moderna, senón de desarmar o discurso civilizador que naturaliza a ecuación capital=civilización. Os procesos complexos que se tentan describir aquí non acontecen illadamente, senón que están entretecidos e continúan operando en diferentes rexistros e niveis, mudando e transformándose, adaptándose, intensificándose ou tranquilizándose.

Redución da diversidade

As cruzadas, a inquisición, o peche dos comúns, a cacería de bruxas, mesmo a Reforma, son procesos que se entenden aquí baixo a noción de redución da diversidade, é dicir, como esforzos máis ou menos exitosos de restrinxir formas de facer e de pensar que contradixesen o entendemento dominante e proto-moderno da sociedade, a política e a economía.

Estes procesos crearon un mundo cada vez máis dividido entre os homes “civilizados” —asociados ao cristianismo, o control sobre o traballo na forma de salarios, o desenvolvemento da razón radicalmente separada do corpo— e aqueles por civilizar —herexes, “bruxas”, vagos, rebeldes, “supersticiosos”.

Negación da simultaneidade [coevalness]

Esta noción é tomada de Walter D. Mignolo quen di que “a negación da negación da simultaneidade é unha das principais tarefas da teorización postcolonial”1. A negación da simultaneidade é unha consecuencia directa dunha visión da sociedade encamiñada cara ao progreso (entendido este como o desenvolvemento dunha economía capitalista dentro dunhas institucións reguladoras da vida humana que é agora un instrumento de produción e consumo de bens). Esta lóxica absurda leva a relocalizar ao non-europeo (ou ao europeo “rebelde”) no pasado, como atrasado respecto a un desenvolvemento inevitable e lóxico no que a Europa moderna é o punto máis elevado.

O mito do observador desinteresado

Unha consecuencia destes procesos foi a pretensión moderna de obxectividade e de observación desinteresada dunha realidade externa e separada de quen observa: “A obxectividade é a alucinación de poder facer observacións sen observador. A apelación á obxectividade é o rexeitamento á responsabilidade; de aí a súa popularidade2.

En Unha máquina... estas liñas de pensamento trénzanse e comezan un tecido complexo, pero inacabado e cambiante. Metodoloxicamente, os diferentes traballos artísticos e de investigación aquí reunidos buscan desestabilizar a dualidade que se desencadea do pensamento platónico (mundo material e mundo abstracto), da que se apropia o cristianismo (corpo e alma), secularizada despois no pensamento moderno (corpo e razón), e redistribuída amplamente en clasificacións sociais. O proxecto busca ir disolvendo esta dualidade, complexizando e imposibilitando o seu uso como ferramenta taxonómica.

Catalina Lozano

1 Walter D. Mignolo, The Darker Side of the Rennaisance: Literacy, Territoriality and Colonization, The University of Michigan Press, 1995, p. xii. 2 Heinz von Foerster, citado en Humberto Maturana Romesín, Bernhard Pörksen, Del Ser al Hacer. Los Orígenes de la Biología del Conocer, Santiago de Chile: Comunicaciones Noreste, 2004, p. 46.

Comisariado

Catalina Lozano

Catalina Lozano (Bogotá, 1979) é comisaria e investigadora. Realizou estudos de Historia (Universidad Nacional de Colombia), e Culturas Visuais (Goldsmiths College, London University), e sobre Teorías e prácticas da linguaxe e as artes na École des Hautes Études en Sciences Sociales (EHESS) de París. A súa práctica centrouse cada vez máis nos relatos menores e na revisión contemporánea de discursos históricos dominantes. Algúns dos seus proxectos máis recentes son La puerta hacia lo invisible debe ser visible, Casa del Lago, México DF (2012); ¿Tierra de nadie?, Centro Cultural Montehermoso, Vitoria- Gasteiz (2011); e Everything has a name, or the potential to be named (co-comisariado con Anna Colin), Gasworks, Londres (2009). Entre 2008 e 2010 foi responsable do programa de residencias de Gasworks (Londres). É cofundadora de de_sitio, unha plataforma para proxectos de arte contemporánea en Cidade de México.