rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Suite Rivolta. Una propuesta estética para la acción, 2011. Foto: cortesía das ar
Off Escena: Si yo fuera..., 2010-11. Foto: cortesía das artistas
Un beso, 1996. Colección Fundación ARCO. Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles. Foto: cortesía das artistas
After Apocalypse Now: Martin Sheen (The Soldier), 2007. Foto: cortesía das artistas
Alguna parte, 2000. Foto: cortesía das artistas
Bailar El género en disputa #2 (México), 2014. Foto: cortesía das artistas
Bollos, 1996. Foto: cortesía das artistas
Archivo: Drag modelos, 2007-en proceso. Museo Patio Herreriano, Valladolid. Foto: cortesía das artistas
Archivo: Drag modelos, 2007-en proceso. Foto: cortesía das artistas
El Estado de la Cuestión_un ensayo performativo, 2015.Colección Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles. Foto:cortesía das artistas
El Estado de la Cuestión_un ensayo performativo, 2015.Colección Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles. Foto:cortesía das artistas
Casting: James Dean (Rebelde sin causa), 2004. Foto: cortesía das artistas

Borrador para unha exposición sen título. CABELLO/CARCELLER

Ficha

Datas: 
27 maio 2016 - 8 xaneiro 2017
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles
Comisariado: 
Manuel Segade


Mostra bibliográfica/documental


Durante estes meses, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO acolle unha mostra bibliográfica e documental con selección de catálogos e publicacións de Cabello/Carceller. No dossier documental, accesible para consulta no apartado "Biblioteca-Noticias" da web do MARCO, reúnense enlaces a entrevistas, artigos, vídeos, etc. das artistas, xunto a unha selección de catálogos e publicacións sobre arte e xénero/feminismo.

Información e visitas guiadas


O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto


A partir do 27 de maio, os espazos do primeiro andar do MARCO acollen o proxecto de CABELLO/CARCELLER, Borrador para unha exposición sen título, realizado en coprodución co CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles, e comisariado por Manuel Segade. Unha mostra concibida como retrospectiva, que se formula como revisión do traballo das artistas dende hai máis de dúas décadas.

Dende 1992, Cabello/Carceller (París, 1963/Madrid, 1964) desenvolven un proxecto artístico común centrado nunha crítica da cultura visual hexemónica. Ferramentas da teoría feminista, queer e decolonial, os estudos visuais e culturais servíronlles ao longo dos anos para produciren un corpo de traballo que pon en cuestión o modelo neoliberal de produción social. Mediante prácticas interdisciplinares ofrecen alternativas aos relatos convencionais sobre as minorías políticas, incluíndo nelas a discusión sobre o papel da produción artística contemporánea. O seu método, baseado na colaboración mutua e na incorporación de actores e axentes externos, permitiulles dar representación a desprazamentos e desaxustes que revelan resistencias e diverxencias fronte aos valores establecidos

Despois da súa presenza no Pavillón Español da última Bienal de Venecia, esta exposición é a primeira revisión retrospectiva da súa traxectoria, que permite situar os seus últimos proxectos dentro dun contexto que arrinca nas Guerras Culturais de finais dos oitenta —a súa época de formación— ata as revoltas sociais contra o regreso á orde neoliberal dos últimos anos

Seguindo a lóxica do traballo de Cabello/Carceller, a exposición está concibida como unha infiltración, contaminando a institución cun tipo de discursos que normalmente permanecen ocultos. Os diferentes espazos expositivos superpoñen diversos momentos da súa traxectoria para restaurar a complexidade temporal alén da idea dun progreso lineal: as obras refírense unhas a outras nun sentido cronopolítico, onde as pezas máis antigas poidan entenderse como comentarios ou referencias para a construción do sentido das máis recentes.

Nun xogo que se repite ao longo de toda a exposición, as pezas máis antigas ou de menor duración funcionan en certo modo como apuntes ou notas ao pe doutras obras, pero sobre todo, como un medio para acurtar distancias e afondar no concepto de retrospectiva non como evolución ou progreso, senón como un traballo continuado e intermitente.

Artistas

Cabello/Carceller


Cabello/Carceller é o equipo formado en 1992 por Helena Cabello e Ana Carceller (París, 1963 / Madrid, 1964). Viven e traballan en Madrid. Actualmente son profesoras na Facultade de Belas Artes de Cuenca, UCLM, España.

Cabello/Carceller inician a súa colaboración a principios dos noventa e dende entón desenvolven un traballo interdisciplinar que utiliza diferentes medios de expresión — instalación, performance, vídeo, escritura, debuxo... — coa intención de interrogar os modos de representación hexemónicos nas prácticas visuais e propoñer alternativas críticas. Partindo dun enfoque conceptual, politicamente comprometido, usan estratexias como a apropiación, a performance ou o relato de ficción para cuestionar as narrativas modernistas que ignoran ás minorías políticas mentres finxen recorrentemente acudir a elas.

Nun intento por desvelar estas contradicións, buscan colaboradores externos, normalmente amateurs, aínda que ocasionalmente tamén profesionais, para confrontalos con situacións ou textos estraños ou dislocados —que poderían cualificarse como queer. Illados e fóra de contexto, estes protagonistas experimentan un desaxuste creado arredor seu, un dislocamiento que é potenciado pola narración e as estruturas narrativas nas que esta se apoia, e que contribúe frecuentemente a activar ou expandir os significados establecidos.

O seu traballo foi incluído recentemente en Art and Queer Culture, unha revisión histórica publicada por Phaidon Press e escrita por Catherine Lord e Richard Meyer. Tamén foi analizado por Judith Halberstam en The Queer Art of Failure, publicado en Duke University Press, así como no prólogo da versión española de Female Masculinity (Masculinidade feminina) da mesma autora.

Algunhas exposicións colectivas: 56ª Bienal de Venecia, Pavillón español (Italia), Global Feminisms, Brooklyn Museum, New York e Davis Museum, Wellesley College, Massachusetts, EEUU - Fiction and Reality, MMOMA, Moscu Museum of Modern Art, Moscú - BB4 Bucharest Biennale: On Producing Possibilities, Bucarest, Rumanía – Bienal Latinoamericana de Artes Visuales, Curitiba, Brasil – re.act feminism. A Performing Archive, Akademie der Künste, Berlín, e itinerancias - Nuevas Historias. A New View of Spanish Photography and Video, Stenersen Museum, Oslo, Noruega / Kuntsi Museum of Modern Art, Vaasa, Finlandia / Kulturhuset, Stockholm, Suecia / Royal Library, Dinamarca – Genealogías Feministas, MUSAC, León (España) – The Screen Eye or The New Image, Casino Luxembourg, Luxemburgo – Cooling Out, Lewis Glucksman Gallery, Cork, Irlanda, En todas partes, CGAC, Santiago de Compostela (España) –  Rencontres Internationales Paris/Berlin/Madrid, Centre Pompidou, París (Francia).

Exposicións individuais recentes: MicroPolíticas, MicroPoéticas, Sala La Patriótica/CCEBA Bonos Aires, Arxentina - Off Escena; Si yo fuera..., Abierto X Obras, Matadero Madrid, España - Archivo: Drag Modelos, Galería Joan Prats, Barcelona e CAAM, Las Palmas de Gran Canaria, España - Suite Rivolta, Galería Elba Benítez, Madrid, España ou A/O (Caso Céspedes), CAAC Sevilla, España – Rapear Filosofía: Foucault, Sontag, Butler, Mbembe. Galería Elba Benítez, Madrid, España

www.cabellocarceller.info

Texto curatorial

 

Borrador para unha exposición sen título



Como primeiro enunciado sobre a obra de Cabello/Carceller, o vestíbulo de acceso á mostra preséntase como sala de lectura, incluíndo documentación e referencias bibliográficas, acompañadas dunha cronoloxía subxectiva e militante en relación cos movementos e a teoría do xénero a escala internacional.

Este arranque da exposición, ao estilo das grandes retrospectivas, ha de ser entendido como unha declaración de intencións. Por unha parte, indica a necesidade dun espectador activo como lector, disposto a “perder o tempo” no museo, sabendo ademais que toda lectura é unha mala lectura, xa que crea unha diferenza significativa con respecto ás intencións das súas autoras; unha desviación estimulada e acrecentada polo resto da exposición.

Por outra, a cronoloxía salienta feitos do pasado con respecto ao presente, xustapoñe os “fitos” dunha traxectoria ao cotián das conquistas e decepcións das políticas de xénero e as súas manifestacións culturais, nun sentido cronopolítico que rompe co progreso evolutivo, coa orde produtiva imparable do capitalismo tardío, e reforza a visión da cronoloxía como unha espiral na que o futuro afecta ao pasado para construír o presente.

A partir de aí, a exposición presenta as obras como un dispositivo de representación: un espazo teatralizado baseado na repetición, a mismidade e o xogo de dobres, centrais na súa estética militante, onde as obras e os tempos se xustapoñen para facer énfase na actualidade permanente do seu aparato crítico.

A idea de temporalidade está presente na proxección The End (despois e antes), e no Arquivo Drag Models, despregado sobre as paredes das salas frontais, que funcionan aquí como dous lados case reflexos, como espazos especulares, poñendo de relevo a idea de dobres sobre a que as artistas traballaron de forma insistente. Deste modo, as salas-corredor que as conectan entre si recollen obras máis antigas, fundamentais para entender a xenealoxía da súa construción como artistas, e as frontais para contextualizar todo o relacionado coa súa concepción das políticas drag.

No corredor perimetral, aberto nesta ocasión como tránsito entre as salas frontais e os espazos posteriores, o vídeo Libre produción de sentido rexistra a destrución por parte de Cabelllo/Carceller, na Bienal de Bucarest, das fotografías enmarcadas do Arquivo Drag Models, alertando así sobre posibles sorpresas, e acentuando o sentido de construción/destrución/reconstrución da obra e da propia mirada do espectador.

O ámbito da Galería, no que se exhibe a serie fotográfica de piscinas baleiras Sin título (Utopía), expándese tamén a través da sala do fondo, convertida agora en espazo diáfano que completa a mostra con varias obras especialmente relevantes: por un lado, a instalación Suite Rivolta. Unha proposta estética para a acción co grafitti branco sobre branco, a referencia a González-Torres e a coreografía do vídeo e, ao fondo, a proxección Off Escena: se eu fose..., o proxecto realizado coas internas en Matadero Madrid, que sitúa en primeiro plano o cárcere como lugar de memoria. Xunto a esta proxección, unha versión actualizada de Come y calla (presentada no Círculo de Bellas Artes en 1993) que mostra en pequenas fotografías polaroid o retrato do persoal de limpeza do MARCO, todas elas mulleres, subliñando a idea de infiltración. Obras, en suma, que funcionan como peche/comezo da exposición, pregando os tempos e unindo con brillantez as liñas entrecruzadas da historia.

A epidemia de significación queer do espazo do MARCO supera as salas de exposicións convencionais e infíltrase en espazos subsidiarios e na biblioteca. Como nun cartón corrugado —onde dúas finas láminas de cartón adquiren unha resistencia singular grazas a outra pregada en zigzag no seu interior —, é nos seus baleiros estruturais, intersticiais, na lectura entre liñas, onde a exposición desenvolve a súa narrativa, permitindo a aparición de discursividades que normalmente se someten á ocultación. Ese é o espazo para o gozo e a sorpresa e de aí o provisional do seu título indefinido: a exposición como un espazo onde calquera punto de referencia sexa un novo centro dende o que o conxunto teña que articularse de novo, unha e outra vez, onde o queer non veña dado senón que aconteza como o indicio dun utópico chegar a ser.

Manuel Segade

Comisariado

Manuel Segade


Manuel Segade (A Coruña, 1977) é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa investigación predoutoral centrouse na revisión da teatralidade e as estruturas lingüísticas alegóricas na escultura da década dos oitenta a través da obra de Juan Muñoz. Dende 1998 traballa en fragmentos dunha historia cultural das prácticas estéticas de finais do século XIX, en torno á produción dunha subxectividade somática e sexualizada, sobre o que publicou o ensaio Narciso fin de siglo (Melusina, 2008).

Durante 2005 e 2006, foi coordinador de contidos de Metrònom Fundació Rafael Tous d'Art Contemporani de Barcelona. Entre 2007 e 2009 foi comisario no CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela. A partir de 2009 retomou o seu traballo como comisario independente, realizando proxectos para a Fundació Joan Miró, La Casa Encendida, ARCO, MUSAC, Centre d'Art La Panera, Pavillon Vendôme (Francia), Kadist Foundation (Francia), Bienal de Cuenca (Ecuador), ArteBA (Buenos Aires) TENT, (Róterdam) ou o CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles (Madrid). Foi profesor de prácticas curatoriais en diferentes programas de postgrao e máster como Honnours in Curatorship de la Michaelis University en Cidade do Cabo (Sudáfrica) ou o Programa de Estudos Independentes do MACBA e actualmente é titor da École du Magasin de Grenoble (Francia). Nos seus últimos proxectos intenta ofrecer formas de achegamento gestual ao comisariado como outros modos de distribución discursiva, en formatos de pedagoxía e educación e en accións curatoriales próximas á performance.

Actualmente reside en Madrid onde dirixe o Centro de Arte Dos de Mayo (CA2M) de la Comunidad de Madrid.