rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Celso Fernández Sanmartín. ·"Pasa tempo"

Celso Fernández Sanmartín. ·"Pasa tempo"

Datas: 
24 maio 2014
Horario: 
19:30
Lugar: 
PATIO A1. PLANTA BAIXA
Prezo: 
Entrada gratuíta ata compretar aforo

Contar é un oficio que todos temos. Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de  contalas de cara a distintos públicos. Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir… Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.

A miña devoción son as persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade. Entre elas hai moitas que son contadoras intuitivas e intelixentes e atentísimas a todo. Devoción polo vivo interese que poñen nas historias, nos contos e nas memorias que contan. Devoción porque saben “elaborar un momento”: A partir dunha miga de tempo que se preste* ou inesperadamente. Aínda hai de momento en calquera lugar a onde un vaia,  persoas maiores que teñen a virtude de atraer a atención e mantela cunha(s) historia(s) pertinente(s) que, por acerto e valor específico, prenderá(n) entre os nosos recordos perennes, frescos coma da primeira hora.

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén invento historias e contos, coma calquera...

Nado en Lalín (Pontevedra) en 1969, Celso Fernández Sanmartín é licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante anos traballou como animador nunha residencia de persoas maiores en Lalín. Leva publicados varios libros de poesía, case todos como autoedición. É horticultor e etnógrafo vocacional. É contador de contos e historias de vida por oficio. Ama este oficio.