rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A creación do necesario. Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia

A creación do necesario. Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia

Ficha

Datas: 
2 abril 2004 - 13 xuño 2004
Lugar: 
Primeira Planta
Horario: 
martes a domingo (festivos incluidos): 11.00h a 21.00h
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo/ Consellería de Innovación, Industria e Comercio. Xunta de Galicia
Comisariado: 
María Luisa Sobrino

Obras na exposición

A exposición consta aproximadamente de 378 pezas, entre as que se inclúe mobiliario doméstico, deseño publicitario, carteis, vasillas, téxtiles, deseño gráfico e editorial, envases, xoguetes, obxectos de uso doméstico, e tres vídeos documentais: "La Artística de Vigo" (José Gil, 1928), "Laboratorios Zeltia S.A." (1950), "Diseño industrial en España a través de las imágenes del archivo del NODO" (Pierre Luigi Cattermole, 1998).

Síntese do proxecto

Co propósito de fomentar a investigación e difusión do noso pasado recente, e mantendo a súa liña pluridisciplinar con olladas cara ás artes plásticas, o deseño e maila arquitectura, o MARCO de Vigo acolle nas salas do primeiro andar unha mostra de producción propia titulada A CREACIÓN DO NECESARIO, que procura unha aproximación á historia do deseño do século XX en Galicia.

Xa o pasado ano, en xullo de 2003, outra exposición producida polo MARCO baixo o título "Indisciplinados" falábanos sobre as fronteiras entre arte e deseño, tomando como punto de partida unha nova xeración de autores españois. Neste caso a aproximación é ben distinta, e o camiño á inversa: no canto de partir das últimas creacións, o obxectivo é indagar no pasado para ofrecer claves de lectura contemporáneas sobre a historia do deseño en Galicia, as súas orixes e os seus principais protagonistas. É a primeira vez que un museo adica unha exposición temática á historia do deseño feito en Galicia ou por autores galegos.

A exposición céntrase no deseño de ámbito doméstico e no deseño gráfico, desde os protodeseños publicitarios ou de mobiliario ata o deseño gráfico actual. Eludíronse voluntariamente o deseño industrial propiamente dito, o deseño de productos multimedia ou de moda, por consideralos con suficiente entidade como para merecer, cada un deles, proxectos e investigacións específicas.

Hai que salientar a importante labor de investigación que veu acompañando esta mostra, incluida a revisión de bibliotecas e hemerotecas, arquivos persoais, visitas a coleccións privadas, verificación de fondos existentes en museos de ámbito autonómico, empresas, fundacións e particulares. Neste sentido, o obxectivo fundamental da mostra é sacar á luz o traballo oculto de numerosos autores -arquitectos, pintores, debuxantes-, as súas aproximacións ao deseño, e a súa importante contribución á cultura galega, especialmente antes dos anos oitenta, cando non existía formación regulada; cando o termo "deseñador" carecía da acepción de hoxe, e a maioría dos obxectos, deseños publicitarios, editoriais e de mobiliario eran realizados por artistas plásticos ou arquitectos.

Conforme a investigación avanzaba, os responsables do MARCO foron conscientes da necesidade de reunir nun exhaustivo catálogo todos estes descubrimentos, non só das pezas en exhibición, senón tamén de textos críticos. O resultado é unha publicación única no seu xénero, con interesantes aportacións para a consulta de expertos e público interesado, que inclúe unha antoloxía de textos críticos, desde 1916 aos nosos días, sobre a historia do deseño en Galicia que se reúnen por vez primeira nunha mesma publicación.

Nesta ocasión, a heteroxeneidade das pezas e a complexidade que supuña reunir nun mesmo espacio autores tan diversos fixeron que o museo recurrise a profesionais externos para o deseño da montaxe expositiva, para o que se contrataou ao Estudio de Arquitectura Irisarri + Piñera.

O eixo do recorrido é cronolóxico e se artella nos seguintes apartados:

1. De 1900 a 1936, período no que destacan autores como Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Carlos Maside e Castelao.
- Obras: pedras litográficas, envases industriais (latas de conserva, botellas), xoguetes, carteis, pezas de deseño gráfico e publicitario, vídeo documental.

2. Da posguerra a 1975, con obras de Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Alejandro de la Sota, Jesús de la Sota, José María de Labra, Caruncho, Ramón Vázquez Molezún, ou José Bar Boo, entre outros.
- Obras: pezas de mobiliario, obxectos domésticos, vasillas, téxtiles, carteis, deseño gráfico e editorial, vídeo documental.

3. De 1975 aos nosos días, con dous espacios diferenciados: un adicado ao deseño gráfico e outro ao deseño de mobles. Inclúense deseñadores como o grupo Re-visión, Imago Mundi, Manolo Janeiro ou Alberte Permuy, artistas como Francisco Mantecón, Moncho Amigo e Jesús Núñez, arquitectos como Carlos Quintáns, Jesús Irisarri, Guadalupe Piñera, Alberto Noguerol e Pilar Díez, e empresas como Justo Román S.L. ou María Martínez S.A., entre outros.
- Obras: exemplos de deseño gráfico e deseño de mobiliario.

Esta mostra non debe ser considerada como o resultado rematado e pechado dunha lectura histórica, senón como o principio dunha pescuda, como unha contribución e un punto de partida para a reflexión sobre o noso pasado máis próximo.

 

Artistas

    A-cero Estudio de Arquitectura y Urbanismo S.L.
    Alberto Noguerol e Pilar Díez, N + D
    Alejandro Campos Finisterre
    Alejandro de la Sota
    Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
    Álvaro Valiño
    Antonio Tenreiro
    Antonio Tenreiro
    Camilo Díaz Baliño
    Cándido Fernández Mazas
    Carlos Maside
    Carlos Quintáns
    Caruncho
    Cerámicas do Castro – Grupo Sargadelos
    Conservas Alfageme
    Conservas Massó
    Cosmic
    Daniel Vázquez Gulías
    David Carballal Estudio Gráfico S.L.
    Don
    Fausto Isorna
    Federico Ribas Montenegro
    Fernando Agrasar
    Fernando Blanco Guerra
    Fernando César Mosca
    Francisco Mantecón Diseño Gráfico
    Galopín Parques
    Imago Mundi Deseño S.L.
    Irisarri + Piñera Estudio de Arquitectura
    Isaac Díaz Pardo
    J. Portela Seijo
    Jesús de la Sota
    Jesús Núñez
    José Antonio Corrales
    José Arija
    José Bar Boo
    José Manuel López Mihura
    José María de Labra
    Juan Gallego Estudio Gráfico
    Juan Quián
    Justo Román S.L.
    La Artística
    Lolita Díaz Baliño
    Luis Seoane
    Manolo Méndez
    Manuel Janeiro Casal
    Marcos Dopico
    Maria Antonia Dans
    María Martínez S.A
    Martín de Echegaray
    Máximo Ramos
    Moncho Amigo
    MOW Equipo de Diseño.
    Ombretta etc.
    Permuy Asociados, Deseño e Comunicación S.A.
    Rafael Barros
    Ramón Vázquez Molezún
    Re-visión.
    Roberto Treviño
    Signum Deseño.
    Ta, ta, ta...
    Taller DD, Ninfa, Riveiro, Martínez S.L.
    Todo es vanidad
    Torné e Asociados S.L.
    Uqui-Cebra
    Urbano Lugrís
    Vier Arquitectos
    Xosé Sesto
    Xosé Teiga/Teiga Concept
    Zeltia

Texto curatorial

Esta exposición é o resultado dunha investigación sobre as formas do deseño na historia galega do século XX. Trátase do punto de partida dunha cultura do cotián que non pretende ser exhaustiva, senón inventario en curso dunha serie de productos cos que Galicia se sumou á modernidade. O noso obxectivo centrouse basicamente no eido do deseño sobre papel e no de obxectos de uso doméstico, partindo das primitivas latas de conservas –primeiro deseño moderno en Galicia– ata o eido do deseño gráfico, tal como se ven realizando hoxe.

O deseño moderno nace a finais do século XIX, vencellado á aparición das técnicas de producción en serie e aos primeiros síntomas de modernidade que se desenvolven nas cidades. A súa evolución convírtese nunha necesidade conforme avanza o século XX e a industrialización e mailo desenvolvemento urbano en Galicia fanse efectivos, poidéndose afirmar que a súa existencia mesma como disciplina “específica” se define pola presencia ou non dunhas condicións infraestructurais axeitadas.

O título A creación do necesario pareceunos axeitado, desde o primeiro momento, como consigna dos nosos propósitos: crear o necesario supón a invención de novas formas materiais que a sociedade industrializada require para relacionarse co seu contorno. Non obstante, a nosa comunidade careceu do peso dunha sociedade de mercado que fomentase a competencia como motor do seu desenvolvemento, igual que aconteceu co tecido civil –de natureza predominantemente rural– privado durante moito tempo do carácter medioburgués e capitalista ineludible para a existencia do deseño.

Torna difícil falar con propiedade dun deseño galego e dunha historia que non sexa a dunha producción retardada e intermitente. Así e todo, o resultado da investigación permítenos afirmar, axustándonos a estas condicións, que en Galicia houbo menos deseño do que debería, pero máis do que cabería esperar.

Esta é a primeira vez que un museo galego adica unha exposición temática á historia do deseño feito en Galicia. O museo sensibilizado cos problemas que nos atinxen, amplía a súas funcións alén do puramente artístico para investigar, difundir e expoñer os testemuños materiais do home e do seu contorno, apostando por reconstruir a través deles unha narrativa que forma parte indispensable da nosa cultura visual.

A exposición A CREACIÓN DO NECESARIO. Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia, presentouse para as salas do Museo de Arte Contemporánea de Vigo adoptando un percorrido cronolóxico que se artella en tres apartados:

- O primero, desde arredor de 1900 ata 1936, cando as expectativas da renovación xestadas durante a República quedaron truncadas pola Guerra Civil. Cómpre salientar a producción da industria conserveira e metalúrxica; a gráfica cartelística; o deseño editorial, de revistas e de anuncios, entre os que destaca Federico Ribas.

- O segundo, da posguerra a 1975. Un período no que arquitectos e artistas vencéllanse ao mundo do deseño, no que salientan os inventos de Portela Seijo, a determinante labor de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo e a empresa de Sargadelos, a contribución de autores como José María de Labra e os irmáns Alejandro e Jesús de la Sota, que traballaron en Madrid, ou do arquitecto José Bar Boo.

- Por último, o terceiro apartado fai un percorrido desde o asentamento democrático e maila implantación do Estado das Autonomías ata hoxe. Subliñamos especialmente a profesionalización dos deseñadores gráficos, os prototipos de mobles dalgúns arquitectos e as tímidas iniciativas dalgunhas empresas no impulso cara ao deseño.


Anque é posible que nun relato tan extenso falten algúns autores, datos e referencias necesarias, en calquera caso non é froito dun achegamento apresurado nin coxuntural, senón dunha presentación histórica e dun discurso crítico que nos propuxemos aplicar ao estudio desta disciplina. Somos conscientes de que se trata dun tema controvertido e de que valorar o seu alcance e incluso a súa existencia efectiva na nosa comunidade pode suscitar posicións polémicas. Resulta obvio que modernidade, cidade e industria –as chaves da ecuación do deseño– seguen a ser no noso país factores moi febles e descompensados, e é precisamente neste espacio onde a exposición quere contribuir ao debate cultural na nosa comunidade.

Comisariado

María Luisa Sobrino

María Luisa Sobrino Manzanares é Catedrática de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, na que ven desenvolvendo o seu traballo desde 1980. A súa labor investigadora está dirixida cara á área da arte contemporánea –escultura, pintura e deseño gráfico– tanto no referente ao ámbito galego como ao internacional. É autora e coautora de numerosas publicacións en relación coa historia da arte galega e a estética contemporánea. A súa investigación inclínase cara a metodoloxías sociolóxicas, ás que se orientan parte dos seus artigos en revistas especializadas e ponencias de congresos. Ten comisariado distintas exposicións: "Presencias y Procesos". (1989); "El proceso abstracto. Artistas gallegos 1950-1979" (1993); "Incidentes. Seis visiones europeas (1995); "De Asorey a los noventa. La escultura moderna en Galicia" (1997); "El cartelismo en Galicia" (1999), “Seoane y la vanguardia: sus maestros, sus amigos” e dirixido diversas iniciativas en torno ao ámbito da edición, da dirección de cursos monográficos e de proxectos de catalogación sobre os fondos institucionais, así como de proxectos de investigación orientados cara ás novas tecnoloxías.