rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Entre fronteiras

Entre fronteiras

Ficha

Datas: 
9 febreiro 2007 - 20 maio 2007
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Carolina Grau

Obras en exposición

A exposición reúne unha selección de obras procedentes de galerías e coleccións particulares de Suíza, Reino Unido, Austria, Kosovo, República de Kirguizistán e Portugal, ademais de varios museos e centros de arte da península, entre as que se inclúen instalacións, fotografías, vídeos e videoinstalacións.

Síntese do proxecto

ENTRE FRONTEIRAS é unha mostra colectiva que explora a maneira en que as fronteiras definen, cuestionan e documentan o noso mundo contemporáneo. Durante os últimos vintecinco anos, temos asistido a numerosas transformacións sociopolíticas, culturais e económicas; temos vivido cambios na maneira de comunicármonos e na nosa capacidade de viaxar. A maioría das veces, as decisións relativas a onde e como vivimos e traballamos teñen algo que ver co feito de atravesarmos fronteiras.

Os artistas e obras reunidos baixo este título analizan diferentes maneiras nas que as vidas das persoas se ven afectadas polas marxes, polos límites. Fálannos das pegadas e consecuencias de episodios do presente, narradas dende ópticas particulares. O territorio, os desprazamentos, a memoria e a utopía, sitúanse no transfondo desta mostra, que nos convida a ir máis aló do contemplativo, e nos fala de historias e conflitos, de inmigración e emigración, de realidades e ficcións, dos espazos e os seus arredores, do sentido de pertenza, de identidades individuais e colectivas, e tamén de ‘terras de ninguén’, do non-lugar.

Coñecemos o contido e sabemos situalo no mapa xeopolítico contemporáneo. O pasado soviético de Kirguistán subxace na obra de Muratbek Djumaliev e Gulnara Kasmalieva; Albert Heta evidencia a súa orixe kosovar nunhas pezas que, inevitablemente, aluden ao recente conflito dos Balcáns. O percorrido polas salas transpórtannos de Leste a Oeste, de Oriente a Occidente, dende as montañas sen nome do val de Pandjshêr, en Afganistán, retratadas por Marine Hugonnier, ata o estreito do Bósforo que separa Europa e Asia en Istambul e que nos presenta Ergin Çavusoglu, nun paso fronteirizo que é ao mesmo tempo físico e imaxinario.

A comisaria, Carolina Grau, quixo ofrecer unha visión dunha xeración de artistas que se ocupan da súa historia; unha arte comprometida que nos fai reflexionar sobre situacións do presente narradas con interese documental, ás veces lúdico e, en xeral, coa intención de representar unha experiencia para facela visible. Neste caso, a fronteira actúa como nexo de unión entre artistas que dende os anos noventa veñen mantendo un enfoque crítico alén do concepto de globalización: por exemplo, a realidade da inmigración e a ‘terra de ninguén’ na instalación do suízo/grego/italiano Costa Vece, ou a peza con cancións patrióticas de distintos países, estados ou comunidades que presenta a serbia Maja Bajevic. A inmigración ilegal, e as mafias que a promoven, protagonizan a obra de Guzmán de Yarza Blache, que atopa o seu contrapunto na interpretación de Jun Yang sobre a súa propia experiencia como inmigrante chinés en Austria, e na perspectiva máis poética de Bojan Sarcevic.

En clave de denuncia, Santiago Sierra lémbranos a historia a partir dunha serie de fotografías que evocan acontecementos políticos fundamentais do século XX, a través das transformacións do Pabellón Español no recinto da Bienal de Venecia. Unha intención crítica como a que ofrecen Alejandra Riera e Fulvia Carnevale cando nos trasladan ao territorio entre Bolivia e Arxentina, onde a economía clandestina provoca desigualdade e pobreza. Reflexións que se achegan á crítica social, pero que tamén parten da ironía para analizar conflitos lingüísticos, como Zineb Sedira cando provoca o (des)encontro entre tres xeracións da súa familia que falan distintas linguas. Cuestións idiomáticas e de comunicación, tamén presentes na obra de Anri Sala, ou na particular versión de O libro da selva na peza de Pierre Bismuth.

A fronteira separa países en conflito e é escenario de desprazamentos motivados polas guerras, indicador de cambios de lingua, punto de inflexión xeográfico e simbólico que, nas súas distintas acepcións, se sitúa na orixe de acontecementos cotiáns. Europa ten diluído os límites entre os países membros da UE mentres se agudizan as políticas de control da inmigración procedente de África. Mentres os cidadáns de países non desenvolvidos atopan na emigración unha saída, as grandes empresas localizan alí a súa produción para reducir custos. O mesmo paradoxo co que xoga Sejla Kameric cando sitúa na entrada da exposición dous indicadores que nos dirixen cara a un lugar ou outro segundo pertenzamos á Unión Europea ou a os outros.

De feito, se pensamos na fronteira como un comezo máis ca como un final, como ‘aquilo a partir de onde algo comeza a ser o que é’, observaremos que moitas destas obras analizan o asunto fronteirizo dende o outro lado. De l'autre côté, como titula Chantal Akerman a serie que retrata a fronteira entre México e os Estados Unidos, representada no MARCO por un dos filmes que a conforman.

Artistas

    Albert Heta
    Alejandra Riera & Fulvia Carnevale
    Anri Sala
    Bojan Sarcevic
    Chantal Akerman
    Costa Vece
    Ergin Çavusoglu
    Guzmán de Yarza Blache
    Jun Yang
    Maja Bajevic
    Marine Hugonnier
    Muratbek Djumaliev & Gulnara Kasmalieva
    Pierre Bismuth
    Santiago Sierra
    Sejla Kameric
    Zineb Sedira

Texto curatorial

“A última vez que visitei Galicia, trasladeime en coche desde O Porto ata Vigo. Mentres conducía ao longo da autoestrada, esperaba ter que determe na fronteira entre Portugal e España, pero non había ningunha. Desde hai algúns anos, atravesamos a fronteira entre os dous países sen sermos conscientes diso. Pero, a pesar de todo, segue existindo unha fronteira. Existe no mapa. Existe en termos de soberanía nacional. As leis son diferentes. Hai diferenzas históricas, políticas e lingüísticas. Nun instante, o tempo cambia e temos que axustar o reloxo, adiantándoo ou atrasándoo, dependendo da beira do Miño na cal nos encontremos.

Ao tempo que algunhas fronteiras desaparecen, outras son erixidas. Algunhas son máis psicolóxicas que físicas, pois mudan a percepción da nosa identidade e do lugar que ocupamos no mundo. Hoxe en día, moitas persoas séntense acurraladas. Unha das vías que empregamos para nos enfrontar ao afundimento de antigas certezas consiste en encerrárense nun estado que se podería denominar como exilio interno, no que creamos fronteiras dentro e ao redor de nós mesmos. Cada un de nós garda no seu interior zonas prohibidas, prexuízos, medo ao descoñecido e ao incognoscible. Igual ca sucedía cos terreos máis disputados das antigas fronteiras nacionais, existen “terras de ninguén” baseadas en diferenzas psicolóxicas, como o que se tolera e o que non, o que se permite e o que se prohibe.

As obras desta mostra exploran como as vidas dos individuos vense afectadas polas fronteiras; desde a desintegración da República Federal Socialista de Iugoslavia –co cuestionamento da identidade nacional e o conseguinte conflito– ata a creación de novos países a partires da caída da Unión Soviética, onde parte da poboación sobrevive atravesando varias fronteiras con mercancías para comerciar.

Observaremos distintos aspectos da inmigración na vida dos refuxiados ilegais, desde aqueles que agardan ser deportados ata os que desaparecen no deserto de Arizona. Asistiremos á creación dun territorio reservado aos inmigrantes e aos apátridas, e veremos como outros artistas mesturan realidade, ficción e as súas propias aspiracións a partires dunha situación real. Outras visións teñen que ver cos problemas de comunicación, de desprazamento cultural e de perda do idioma entre sucesivas xeracións de emigrantes dunha mesma familia. Cruzaremos fronteiras invisibles, “terras de ninguén”, como o Estreito do Bósforo entre oriente e occidente, e as montañas sen nome de Afganistán.

Cada artista leva as súas historias dun lugar a outro, traspasando fronteiras entre culturas, cuestionando a pertenza a un lugar ou territorio. Pero en realidade, as historias aquí contadas tratan sobre todos nós, esteamos onde esteamos”.


Carolina Grau
Comisaria da exposición

Comisariado

Carolina Grau

Carolina Grau (Barcelona, 1969) é comisaria independente, licenciada en Historia da Arte pola Universitat de Barcelona e Master en xestión de museos e galerías na Business School of City University, Londres. Residente en Londres entre 1995 e 2010, actualmente vive e traballa en Barcelona. Comisariou, entre outras, as seguintes exposicións: My Old Man Said Follow the Van (Rosemary Branch Theatre, Londres 1999); Around the Corner (Galería Cristina Guerra, Lisboa, 2004); Contrabando (Galería Luisa Strina, São Paulo, 2006); Entre fronteiras (MARCO, Vigo, 2007); Electrones libres: selección de vídeos de la colección Lemaitre (Tabakalera, San Sebastián, 2007); Look Again: cinco visiones de vídeo contemporáneo (Tabakalera, San Sebastián, 2009), e recentemente comisariou Un autre point de vue (La Galerie Centre d’Art Contemporain, París, 2010). É autora de textos para catálogos de artistas contemporáneos —entre eles o de Angela de la Cruz e Chris Ofili— e coordinou eventos na 51ª Bienal de Venecia (2005) ou na Tate Modern de Londres (2001). Carolina Grau é co-fundadora da Bienal de Jafre (2003) xunto a Mario Flecha, que este verán presentará a súa quinta edición (V Bienal de Jafre, 6 agosto 2011).