rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Manuel Colmeiro. Traballadores en Buenos Aires (xornada de traballo), ca. 1922. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Trabajadores del puerto,1925. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Porto de Buenos Aires, 1925. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Bañistas, 1930. Foto: Fuco Reyes
Manuel Colmeiro. Composición, 1931. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Maternidade (muller con neno), 1931. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Bilbao, 1933. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Paisaxe, 1935. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Traxedia, 1937. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Bosquexo para mural Galerías Pacífico. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
Manuel Colmeiro. Paisaje gris, 1957. Foto: cortesía Abanca
Manuel Colmeiro. Autorretrato, 1937. Foto: Alfonso Lubián

MANUEL COLMEIRO. Espazos e encadramentos

Ficha

Datas: 
24 xaneiro 2020 - 6 setembro 2020
Lugar: 
MARCO, salas de exposición do 1º andar
Horario: 
De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 / Domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Coordinación: Pilar Souto Soto
Comisariado: 
Xosé Carlos López Bernárdez

Como inicio da programación 2020, o MARCO inaugura unha mostra de produción propia, comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez, que ten como obxectivo ofrecer unha nova ollada sobre a obra dun dos pintores chave na historia da arte galega: Manuel Colmeiro.

Baixo o título Espazos e encadramentos, e conformada por unha selección de obras procedentes do comodato e de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, a mostra configúrase a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra de Colmeiro. Unha visión diferente, máis contemporánea que historicista, que intenta achegar novas lecturas e enfoques. Faise especial fincapé na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra, e outros momentos menos coñecidos do seu traballo.

A exposición está deseñada como unha lectura, que traza varios eixos espazo-temporais e repasa a súa traxectoria dende os inicios da súa formación arxentina até o seu regreso definitivo a Galicia, a través das cinco seccións nas que se estrutura a mostra. Neste amplo percorrido, incídese na súa relación cos espazos artísticos onde desenvolveu a súa obra —Buenos Aires, París, Galicia— e sublíñase a súa contribución decisiva á formación do Movemento Renovador da Arte Galega, presentando as súas obras xunto as doutros artistas galegos —Maside, Souto, Torres, Laxeiro, Virxilio Blanco— e exemplos doutros contextos da modernidade internacional, nomeadamente arxentina.

O realismo “moderno” de Colmeiro e do conxunto d’Os Novos foi a dirección dominante que adoptou a ideoloxía da vangarda en Galicia, cunha vontade de facer que a praxe artística se orientase pola dupla consigna crítica de identidade e de modernidade: reflectir a esencia do galego sen deixar de ser modernos.

Como os diferentes realismos xurdidos na Europa de entreguerras, o de Colmeiro e outros pintores galegos parte do recoñecemento de se sentiren herdeiros dunha tradición. Trátase dun patrimonio no que queren afondar ao procuraren nel os aspectos esenciais, o que implica a súa modernización mais de xeito ningún a súa destrución. Nisto coinciden con outros fenómenos artísticos desta altura como o dos pintores italianos do Novecento, a Neue Sachlichkeit (a “Nova Obxectividade” alemá) ou os “Novos Realismos” de América Latina (en contacto cos que vai transcorrer parte da traxectoria de Colmeiro na Arxentina). 

MANUEL COLMEIRO. Espazos e encadramentos fai, pois, fincapé nos contextos, nos diálogos con outros actores, na súa inserción dentro das correntes estéticas coas que convive o pintor e nos diferentes espazos xeográficos e culturais onde desenvolveu a súa longa traxectoria vital e artística.

Con motivo desta mostra, editarase un coidado catálogo cun estudo do comisario, coa reprodución das obras da exposición e ampla documentación, resultado de todo o proceso de investigación.

Exposición bibliográfica / Documentación


Debido á nova situación derivada da crise da Covid-19, e en cumprimento da normativa sanitaria vixente a día de hoxe e medidas de prevención, esta actividade está suspendida temporalmente, ata novo aviso.

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO presenta unha mostra bibliográfica e documental con selección de catálogos e publicacións relacionadas co artista e o movemento renovador da arte galega. O dossier documental, que reúne enlaces a artigos, e información complementaria, estará accesible para consulta no propio espazo ou desde a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.

Debido á nova situación derivada da crise da Covid-19, e en cumprimento da normativa sanitaria vixente a día de hoxe e medidas de prevención, esta actividade está suspendida temporalmente, ata novo aviso.

Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 30 de xaneiro de 2020
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita nos tel. 986 113900 ext. 100 / 986 113904

Actividades paralelas e complementarias

24 enero – 24 mayo 2020

Durante todo o período da exposición, está previsto un conxunto de actividades paralelas e complementarias da mostra, entre as que destaca a proxección de vídeos de entrevistas históricas de Manuel Colmeiro, procedentes dos arquivos de TVG e TVE, na sala do vestíbulo principal, un concerto do grupo Cuchicheros (dentro da súa xira europea, convidados polo el Coro Voces Graves de Vigo) cun repertorio relacionado coa etapa de Colmeiro na Arxentina, así como charlas e mesas redondas en torno á súa obra e traxectoria vital, das que proximamente se facilitará máis información.

Información e visitas guiadas


Debido á nova situación derivada da crise da Covid-19, e en cumprimento da normativa sanitaria vixente a día de hoxe e medidas de prevención:
Visitas guiadas: máximo 25 persoas (incluido persoal de salas) 
Toda a información sobre as exposicións e actividades está dispoñible nos códigos QR accesibles en cada sala ou espazo de tránsito.
O persoal do museo estará dispoñible para calquera dúbida, consulta ou información complementaria.
O MARCO continúa aberto tamén na rede, con información puntual e actualizada sobre a nosa programación e actividades nesta web e con interacción a través das nosas redes sociais.

Créditos fotográficos

Obra en portada (detalle): 
Paisaxe, 1935 
Óleo sobre lenzo
65,5 x 82 cm
Colección Familia Colmeiro

Obra en miniatura (detalle): 
Bilbao, 1933 
Acuarela sobre papel
34 x 47 cm
Colección Familia Colmeiro

Texto curatorial

MANUEL COLMEIRO. Espazos e encadramentos está deseñada como unha lectura da obra de Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999), figura fundamental da pintura galega do século pasado.

Repasamos a súa traxectoria desde os inicios da súa formación arxentina até o seu regreso definitivo a Galicia, incidindo na súa relación cos espazos artísticos onde desenvolveu a súa obra: o Buenos Aires dos primeiros anos vinte; a Galicia anterior á Guerra Civil; o exilio e ligazón ao contexto artístico americano, novamente na Arxentina, entre 1937 e 1948; a súa inserción no París de posguerra e a súa estreita relación co medio cultural galego e español, desde os anos cincuenta.

Quérese subliñar a súa contribución decisiva á formación do Movemento Renovador da Arte Galega, cunha pintura que parte do elemento popular para conformar unha nova percepción da realidade social e histórica galega. Para este obxectivo comparamos as súas obras coas doutros artistas galegos —Maside, Souto, Torres, Laxeiro, Virxilio Blanco— e con contextos “diverxentes” da modernidade internacional, nomeadamente arxentina.

O proxecto pretende amosar como a obra do noso pintor está marcada por unha vontade de creación dun constructo cultural alternativo ao dominante. Unha pintura que reforza o carácter identitario nunha sociedade (a galega) en que tomaba forma un discurso marcadamente autorreferencial, en tanto que se descubrían as posibilidades dunha formulación identitaria desde a modernidade.

Manuel Colmeiro fórmase no Buenos Aires de finais dos dez e comezos dos vinte, nun ambiente en que chegan os ecos da vangarda internacional e intensamente preocupado pola problemática social. Desde a súa volta a Galicia en 1926, o seu traballo insírese no movemento coñecido como Os Novos. A súa obra, debedora da figuración de entreguerras, inspírase en elementos da tradición popular, atendendo tamén a temas como a paisaxe ou as escenas de contido social. Nas súas primeiras obras galegas utiliza unha paleta sobria, con figuras estáticas, en que se evita a individualización das faces, dotando o cadro dun aspecto escultórico. Nesta altura a súa obra evidencia o seu valor testemuñal, tratando as figuras —anónimas e populares— dun xeito que as converte en referencias icónicas.

O pintor desenvolve en varios núcleos temáticos imaxes que reflicten a súa fondura etnolóxica: labregos nos seus labores; maternidades como deusas-nai que agachan un sentido subterráneo e mesmo dramático, modelos femininos con ese carácter de emblemas da muller labrega que lle permiten construír uns valores xenéricos de matriz alegórica.

Moi singulares son as súas obras da Guerra Civil, que presentan trazos máis expresionistas que os seus traballos anteriores e reflicten a pegada do conflito, convertendo as súas características composicións, como acontece coas maternidades, en representacións do sufrimento. Son expresións da dor, da esgazadura que a brutalidade e o drama da guerra provocan no artista, percibíndose nelas un certo onirismo, ás veces partindo dunha iconografía que lembra as piedades relixiosas envoltas nun ar goyesco.

No exilio, tras a Guerra Civil, Colmeiro constrúe unha linguaxe dun forte lirismo, en que a evocación do mundo galego é unha constante. A lembranza e o soño coa terra distante pasan a un primeiro plano. A súa pintura é unha maneira de reencontro, pero tamén un xeito de permanente análise e depuración formal, que atinxe un logrado equilibrio.

A obra madura de Colmeiro mantén os seus principios figurativos e os mesmos motivos temáticos, que constitúen auténticas series. Dálle unha maior primacía aos valores cromáticos e lumínicos e regresa á súa paisaxe natal e nutricia. É unha pintura que torna constantemente ás fontes máis fondas das sensacións auténticas da vida.

Xosé Carlos López Bernárdez
Comisario da exposición

Comisariado

Xosé Carlos López Bernárdez


Xosé Carlos López Bernárdez
(Vigo, 1958) foi profesor de Lingua e Literatura Galegas ata o ano 2018. Licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte. Ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións, é colaborador habitual en xornais e revistas. 

O seu traballo no eido da análise cultural mantén dúas liñas fundamentais; unha dedicada aos estudos da literatura galega do século XX, con especial atención aos movementos de vangarda, e unha segunda centrada no ámbito da historia da arte, orientada á construción de análises, nomeadamente sobre a arte galega, que supoñan unha descentralización dos relatos (ruptura do esquema centro/periferia). Nos seus traballos incide nos ocos que hai na análise da arte galega e no desprazamento dos nosos relatos, inexistentes nunha historia da arte escrita por un ollar centralizador na que non nos recoñecemos, e onde moitas obras non teñen espazo.

Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.