rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Manuel Vilariño. Abada, 2010 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Manuel Vilariño. Búho, 2009 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Manuel Vilariño. Paraíso fragmentado, 1999-2003 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Manuel Vilariño. Membrillos, 2005 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Manuel Vilariño. Crucifixión de los siete cielos, 2001 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2
Manuel Vilariño. Montaña negra, nube blanca, 1, 1999 ©Manuel Vilariño,
Manuel Vilariño. Al despertar, 2011 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Manuel Vilariño. Lejano interior, 23, 2008 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Manuel Vilariño. Serpe, 1985. ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Manuel Vilariño. Sula Bassana, 1985 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Manuel Vilariño. Tesouras, 1983 ©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020
Vista de salas. Fotografía: Francisco Fernández. UM Fotografías

MANUEL VILARIÑO. Seda de cabalo

Ficha

Datas: 
17 setembro 2020 - 31 xaneiro 2021
Lugar: 
Salas de exposición do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
Subdirección General de Museos Estatales do Ministerio de Cultura y Deporte
Comisariado: 
Fernando Castro Flórez

Seda de cabalo é a maior de cantas exposicións se realizaron ata esta data de Manuel Vilariño, fotógrafo e poeta, Premio Nacional de Fotografía 2007. Unha mostra comisariada por Fernando Castro Flórez, que revisa a súa traxectoria a través dunha selección de obras —fotografías, instalacións, vídeos, e tamén unha parte da súa produción poética— dende 1980 ata a actualidade. Máis que unha retrospectiva ao uso, está concibida como reflexo dos aspectos máis sobresaíntes da súa traxectoria e da súa estética, sempre marcada por un fondo poético e pola demanda dunha actitude contemplativa.

Atendendo a unha orde máis formal e conceptual que cronolóxica, a selección de obras e a súa disposición en salas responde á vontade de manter esa continuidade poética, temática e ambiental que dá sentido ao percorrido e a toda a obra de Manuel Vilariño no seu conxunto.

Así, a montaxe que se articula nas salas do MARCO lévanos dende a súa particular ollada sobre os animais, e a súa reinterpretación da esencia dun xénero clásico como o do bodegón —Vilariño como grande mestre da natureza morta—, á súa visión da paisaxe, intimamente relacionada coa melancolía, nun diálogo permanente e sutil entre a vida e a morte.

As series correspondentes aos anos oitenta e noventa — aves, caveiras, e bestiarios, incluíndo os seus célebres polípticos (Los Pájaros, Cabezas/Sueños)— abren unha primeira fase do percorrido. Destaca a forza de Bestias involuntarias, serie de fotografías en branco e negro nas que os animais nos miran de fronte, retratados xunto a ferramentas, nunha ensamblaxe entre o máxico e o cotián, entre a natureza e a intervención humana.

Como peza central da mostra, e nese xogo de transición dende o branco e negro, a cor fai a súa aparición en Paraíso fragmentado. Unha obra emblemática, un mosaico de naturezas mortas composto por quince fotografías nas que un paxaro, un lagarto ou unha serpe xacen inertes, creando entre todas as imaxes unha composición única que simbolicamente alude á devoción e a un anhelo de resurrección.

A partir de aquí a atención céntrase nas obras das décadas seguintes, en torno ao ano 2000, como Crucifixión de los siete cielos ou Cruz de luz borrada —naturezas mortas que compoñen escenas rituais nas que a cor adquire especial relevancia. A súa serie de bodegóns de candeas e caveiras —Membrillos, Granadas— son composicións aparentemente sinxelas nas que unha bolboreta sobre un misal aberto, ou unhas froitas en descomposición, permanecen á sombra da chama dunha candea que se consume. Escenas nas que non faltan as alusións mitolóxicas e ao ciclo de vida e morte que nos devolven ao esencial deste xénero clásico.

A exposición inclúe exemplos da súa produción das dúas últimas décadas, fundamentalmente as súas fotografías de montañas e océanos, como Al despertar; Lejano interior; o Montaña negra, nube blanca. Obras en aparencia máis paisaxísticas, e que non obstante teñen un forte sentido dramático, case tráxico, aínda que cunha mirada e amplitude de horizonte que parece aberto á esperanza.

Como apertura e peche deste percorrido circular pola obra de Vilariño, é fundamental a presenza da poesía: os fragmentos dos seus libros de poemas Ruínas ao espertar, e Animal insomne, que acompañan ao visitante dende as escaleiras de acceso á mostra; e unha selección da serie de haikus escritos durante o confinamento —obra inédita que leva por título Elogio del confín— que completan e, á súa vez, son parte integrante das súas fotografías. Neste aspecto afonda tamén o vídeo que se proxecta na sala do vestíbulo principal do MARCO, e no que o artista, en acción e contemplación, fala sobre o seu proceso creativo.

En palabras do comisario, toda a obra de Manuel Vilariño é un autorretrato vital. Dos seus pensamentos e emocións en relación coa vida e a natureza, da súa contorna, da súa formación como biólogo, da súa íntima vinculación co territorio máis próximo. En consonancia con esta idea, a exposición foi concibida tendo moi presentes esas tres facetas de observador, fotógrafo e poeta que conforman a súa obra e traxectoria; esa relación entre bioloxía, fotografía e literatura que sempre o ten acompañado.

INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES

Catálogo da exposición

A exposición complétase co catálogo publicado no ano 2013 polo Ministerio de Cultura, que inclúe textos de Fernando Castro Flórez (comisario da exposición), Alberto Ruiz de Samaniego e Miguel Ángel Hernández Navarro, xunto a un poema do artista e imaxes das obras en exposición.

Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO ten preparado un dossier documental, que reúne ligazóns a artigos e información complementaria, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais. Ademais, como parte integrante da exposición, nunha das salas móstrase unha selección de catálogos, publicacóns e pezas gráficas relacionadas co artista.

Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.
Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 6 de outubro de 2020
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita no tel. 986 113900/113904

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademaiss das visitas guiadas habituais:

Por mor da normativa sanitaria, as visitas guiadas están canceladas ata novo aviso.

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Imaxe:

Manuel Vilariño
Lejano Interior, 23 (detalle), 2008
©Manuel Vilariño, VEGAP, Madrid 2020

Artistas

Manuel Vilariño


Manuel Vilariño
(A Coruña, 1952), fotógrafo e poeta, é un dos máis importantes artistas do panorama contemporáneo actual. Dende que realizase a súa primeira exposición no ano 1982, as súas obras non deixaron de mostrarse en galerías e museos de referencia, atopándoas en coleccións como as do Museo Reina Sofía, Madrid; The Museum of Fine Arts Museum, Houston; Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo (MEIAC), Badaxoz; ARTIUM, Vitoria; ou Colección Coca-Cola.

No ano 2007 concedéuselle o Premio Nacional do Fotografa do Ministerio de Cultura de España. Ese mesmo ano participou na mostra “Paraíso fragmentado”, comisariada por Alberto Ruiz de Samaniego, no Pavillón de España da 52ª Bienal de Venecia.

Entre as súas exposicións máis importantes atópanse a que realizou en 2002 no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela Manuel Vilariño. Fío e sombra ou Mar de afuera, que expuxo no Círculo de Bellas Artes de Madrid en 2012. No ámbito internacional, destaca a súa individual en Galerie Municipale du Château d’Eau. Toulouse (2001), así como outras exposicións en distintos países de Europa. En 2008, a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) puxo en marcha unha mostra itinerante da súa obra, comisariada por Fernando Castro Flórez, que se presentou no Centro Cultural de España en Asunción (Paraguai), o Museo Balmes en Montevideo (Uruguai), o Museo de Arte Moderna de Sao Paulo (Brasil) ou o MAC Niteroi en Rio de Janeiro (Brasil).

Participou na edición 2012 do proxecto “Peregrinatio” en Sagunto, organizada polo Consorcio de Museos da Comunitat Valenciana e realizou en 2013 o proxecto “Fragmentos dunha viaxe”, resultado dun percorrido poético por Extremadura que se presentou no MEIAC, Museo Extremeño e Iberoamericano de Badajoz.

Sobre a obra de Manuel Vilariño escribiron poetas como Antonio Gamoneda, Chantal Maillard ou Juan Barja, escritores como Manolo Rivas, filósofos como Félix Duque e críticos como Miguel Fernández Cid, Miguel Copón ou Alberto Ruiz de Samaniego.

Non falta entre as súas obras a poesía —Ruínas ao espertar (Espiral Maior Edicións, 2011); ou Animal insomne (Trifolium, 2017)— xa que, como el mesmo sinala, “a miña fotografía non existiría se non exisitise a poesía, porque é un todo indivisible”.

http://www.manuelvilarino.info/

Texto curatorial


Sombras luminosas de Manuel Vilariño

Fernando Castro Flórez, comisario da exposición

Paxaros, praias, montañas, xeo, crepúsculos e ondada, o “mar abisal”, nun fermoso verso de Gamoneda, e o rinoceronte velado, o bufo e as palabras que descarnadamente aluden a unha ausencia. O horizonte de pureza estremecedora das fotografías de Manuel Vilariño fai que nos enfrontemos a unha estética dunha beleza poética incomparable, esixente e sutil, verdadeira e, polo tanto, sombría. Alberto Ruiz de Samaniego advirte que a obra de Vilariño se nos mostra cunha “serenidade paradoxal”, cunha tensión entre un fóra próximo e unha distancia interior, que require “dun xesto calmado”, dunha luminosidade tranquila. As fotografías de Vilariño fannos volver á terra. Temos que asumir o conflito da obra de arte, isto é, á relación entre mundo e terra. Só atravesando o crepúsculo dos lugares podemos retornar á montaña e ao bosque, ao lugar que mesmo en tebras nos ensina algo. É aí, nese ámbito do descoñecemento, onde a arte busca a súa materia ou, mellor, onde enraízan as obsesións. Hai que aprender do crecemento das cousas na natureza e chegar a decidir cal é o momento oportuno. Acaso o tempo cronolóxico e o tempo meteorolóxico non falen doutra cousa ca dunha mestura, isto é, do kairós, aquilo que resulta propicio. A luz que fai as cousas visibles impón o tempo da natureza: aí únense o corte e a continuidade, o estático e o fluído. Se ben a fotografía é o fiel testemuño evocador da realidade, un medio para recordar, tamén ten unha singular carga sentimental, na que se vai da felicidade á traxedia, isto é, en termos de Barthes, unha reduplicación do sido pero tamén un teatro da morte. A sabedoría tráxica de Vilariño tócanos ao puntualizar o sacrificio, ao iluminar fermosamente a finitude.

O canto de existencia de Manuel Vilariño é un intenso e arriscado morar no aberto; intentando chegar á orixe da orixe, ao aión, o fotógrafo engaiólanos cos seus niños de especias, coas súas ataduras e os seus paraísos despezados. Rilke apunta, nas Elexías de Duino, que todas as miradas de todo o que vive se dirixen cara ao aberto. Tan só os nosos ollos, voltos ao revés, como un círculo de trampas, impiden toda saída. Non coñecemos o que está máis aló do círculo “senón a través da mirada dos animais”. Iso é o que busca Vilariño nas súas Bestas involuntarias, os ollos fixos na distancia: aspirar a esa existencia sen fronteira, límpida. Os máis arriscados son os que queren máis; o canto é a pertenza á totalidade da pura percepción. O fotógrafo sentiu o pulo do vento dende o inaudito centro da pura natureza, sen necesidade de entrar no claro.

Pode que as nosas viaxes non teñan ningún obxecto e camiñemos para chegar a ningún lugar ou tan só ao ocaso. Vivimos entre a cazaría e o xogo do escondedoiro, desexamos a presa aínda que ao final o que apareza sexa tan só a sombra. Estamos, inevitablemente, botados á existencia entre o oco e a sombra. O fotógrafo mostra animais escuros, algúns dos cales cualifica como “insomnes”, icebergs iluminados co xeo marcando unha negrura premonitoria, montañas que nos engaiolan e desacougan.

Manuel Vilariño é un grande mestre da natureza morta, caracterizada por unha grande intensidade poética. Este “emboscado” que retorna, insistentemente, arquetipo da sombra, realizou, nos últimos anos, unhas fascinantes composicións nas que esencializa ese xénero clásico, utilizando elementos como unha candea, froitas ou paxaros aforcados.

Nun escenario moi despoxado asistimos non tanto á apoteose do loito canto a un despregamento cromático; Vilariño resalta as cores dos animais mortos, intensifica a textura dos alimentos mentres a omnipresente chama da candea parece que ingresase nunha dimensión onírica. En certa medida, este artista está a materializar o que resta das dobras do soño: unha bolboreta nun libro de misas aberto, uns limóns que están xa en descomposición, un escaravello que parece trepar pola cera que se consume. Alén do literalismo, produce un xogo de variacións extraordinario no que precisamente non afoga a fantasía do voo senón que convida o espectador a introducirse en imaxes que merecen o cualificativo de “xenerosas”. A obra de Vilariño, unha inmensa natureza morta, impón unha misteriosa luz interior. O que este artista quere é deixar ser ao animal ou, mellor, ao terreal, mantendo, dese modo, aberto o mundo. Na nosa época epilogal o resto, que é o que fai ao home feliz, pode ser de novo o erotismo, a risa ou o xúbilo ante a morte. O fotógrafo agarda, cos ollos nus a “ceo aberto”, compón escenas rituais para dar espazo ao que é propiamente invisible. A fermosa travesía de Vilariño cara a un norte que é fóra radical ten algo de viaxe órfico, de “escuro estremecemento” detrás da sombra amada.

Se Manuel Vilariño evoca a soidade, o silencio ou a morte, tamén pode atoparse na súa obra a tenrura, o pracer do xogo e a dita do encontro que proporciona a viaxe. Nun dos seus textos sinala que, máis aló da realidade aparente, xermina a mirada da vertixe do instante “no bosque de sombras”. É quen de xerar imaxes que son, ao mesmo tempo, dramáticas e capaces de transmitir a intensidade da vida, desprazándose entre a lixeireza e a escuridade, a aurora e o crepuscular. Este fotógrafo que ten alma de poeta sabe que a obra de arte é un cuestionamiento que non espera unha resposta definitiva.

A beleza xorde case accidentalmente. Vilariño fala dunha nostalxia da beleza que o obriga a manterse en veciñanza coa morte, nunha rara dimensión da felicidade que xorde dun fondo nihilista, na certeza da finitude. “Os restos de animais —escribe con enorme lucidez—, as osamentas, estrangúlanme o pensamento, apartándome da reflexión e dos límites coñecidos. O horizonte é inconsciente activo, ou labirinto, os desexos. Funciona o automatismo e o azar nun fondo inexplorado”. Acaso sexa no que sobra onde estea o decisivo, no residuo poético. Unha vez máis, recordando a Celan, “di verdade quen di sombra”.

Comisariado

Fernando Castro Flórez


Fernando Castro Flórez
(Plasencia, 1964) é Profesor Titular de Estética y Teoría de las Artes en la Universidad Autónoma de Madrid. Crítico de arte para el suplemento ABC Cultural, ten colaborado con regularidade en suplementos culturais de xornais como El PaísDiario16El IndependienteEl Sol, e El Mundo, entre outros; e revistas como Descubrir el Arte e Revista de Occidente. Director da revista Cuadernos del IVAM e membro do consello de redacción de Pasajes. Formou parte do Padroado do Museo Reina Sofía e é membro da súa Comisión Asesora. Comisario de numerosas exposicións individuais e colectivas en museos de todo o mundo, entre outras a Trienal de Chile, a Bienal de Curitiba ou o Pavillón de Chile na Bienal de Venecia de 2011. Ten comisariado exposicións de artistas como Anselm Kiefer, Tony Cragg, David Nash, Nacho Criado, Fernando Sinaga ou Antón Lamazares.

Foi editor e tradutor de varias publicacións, como as obras de Walter Benjamin. Entre os seus libros publicados, salientan os seguintes: Elogio de la pereza. Notas para una estética del cansancio (Julio Ollero, 1992), Escaramuzas. El arte en el tiempo de la demolición (CendeaC, 2003), Sainetes y otros desafueros del arte contemporáneo (CendeaC, 2007), Una “verdad” pública. Consideraciones sobre el arte contemporáneo (Documenta, 2010) ou Contra el bienalismo. Crónicas fragmentarias del extraño mapa actual (Akal, 2012).