rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Pascuala Campos de Michelena


Titulada pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, Pascuala Campos de Michelena (Xaén, 1942) ten compaxinado a súa actividade profesional como arquitecta coa labor docente e investigadora na Escola de Arquitectura da Coruña (ETSAC). Pioneira na incorporación da perspectiva de xénero á docencia arquitectónica, en 1995 converteuse na primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos das escolas de arquitectura españolas cun traballo titulado “Espazo e Xénero”.

Dirixiu e participou en cursos e seminarios, codirixindo o curso NOW 256 (New Oportunities for Women) sendo as outras directoras Ángeles Durán, Adriana Bisquert e Rosa Barba, que tiveron lugar en 1993 en Málaga e en Toledo en 1994 e que foi apoiado pola Iniciativa Europea, o Consello Superior de arquitectos e os colexios de arquitectos de Andalucía occidental e Castela a Mancha e o Instituto Andaluz de la Mujer.

En 1994 participou no 1º Congreso Internacional das Mulleres nas Sociedades Mediterráneas, compartindo mesa con Soledad Sevilla, pintora e artista de instalacións, María Camboni, poetisa, e Concha Galdón, pintora.

Entre os seus traballos destacan: Casa para o párroco de Marín (1968); Casa de País en Sanxenxo (1968); Concello de Pontecesures (1975); actuación en Combarro (1984); Escola de Formación Pesqueira en Arousa (1990), vencedora dun concurso nacional e seleccionada para a mostra “Lugar, Memoria e Proxecto. Galicia: 1974-1994” (Santiago de Compostela, 1995) e para a exposición “Construir desde el interior” (Madrid, 2000); Casa de Fina (1995); Casa de Antolina e, por último, a súa vivenda particular de Pontevedra (1998), situada no casco vello da cidade na que reside.