rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane
Exposición Juan Giralt. Foto: cortesía MARCO / María Seoane

JUAN GIRALT

Ficha

Datas: 
22 setembro 2023 - 25 febreiro 2024
Lugar: 
Salas frontais e Galería B3, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Marcos Giralt Torrente
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid


O 22 de setembro inaugúrase no MARCO a exposición máis extensa celebrada ata esta data de Juan Giralt (Madrid, 1940-2007) conspicuo representante do que o historiador da arte Víctor Nieto Alcaide chamou a vangarda desprazada –aquela que protagonizou en España a ruptura estética en tempos previos á transición democrática– e un dos artistas máis suxestivos e singulares da xeración pictórica que protagonizou en España o cambio de século.

Pintor de pintores, respectado e influente (a pegada do seu desinhibido eclecticismo e do seu peculiar tratamento do espazo pictórico é rastrexable en moitos artistas posteriores), Juan Giralt non obtivo sen embargo a proxección institucional que a súa brillante traxectoria merecería. A exposición que lle dedicou o Centro de Arte Reina Sofía na tempada 2015/2016 contribuíu de forma moi importante a reverter a tendencia, pero aínda hai camiño por percorrer.

Formado no informalismo dos anos cincuenta, reactivo á solemnidade, afecto ao humor e ao xogo metapictórico, virtuoso da cor, xa na súa etapa xuvenil demostrou unha vontade de busca, de fuxida dos estereotipos e as clasificacións que o levou a experimentar con diversas linguaxes, dende o expresionismo post CoBrA ao pop, dende a abstracción de pulso geometrizante á neofiguración, da que foi un dos seus principais expoñentes no Madrid de mediados dos setenta.

E de aí aos oitenta, anos nos que recolleu velas e se apartou da escena para explorar novas vías. Foi nesa década menos prolífica da súa carreira cando fraguou o estilo que definiría a súa espléndida etapa de madureza. Pintura no arame, de síntese, de conciliación entre extremos, desembocadura e culmen dos seus experimentos previos entre abstracción e figuración, entre exploración formal e xesto. Se antes avanzara dialecticamente, incorporando en cada nova etapa a bagaxe das anteriores, agora aglutínaos, desacralízaos, revólveos e os despoxa de xerarquías nun mesmo espazo pictórico. Xeometría e xesto, pintura construída á vista. Emocional e fría, abstracta e elusivamente figurativa, salpicada de palabras pintadas, de inesperados debuxos estereotipados de obxectos da vida cotiá, de xanelas tras as que se insinúan outeiros, de anacos de carteis publicitarios e láminas escolares incorporadas mediante a técnica da colaxe; pintura sobre pintura na que cada equilibrio, é cuestionado, subvertido polo seu contrario.

Ao igual que a exposición do MNCARS, referente ineludible, a mostra do MARCO centrarase neses anos de plenitude nos que o seu estilo –sempre recoñecible– alcanzou un peso de clásico. O espazo (as amplas salas do 1º andar) permitirá facelo en extenso, desenvolvendo vías que naquela, polo seu menor tamaño, apenas se enxergaban. Por exemplo, se aquela incluía un percorrido inicial pola súa obra máis radical dos setenta, a do MARCO arrancará un pouco máis atrás, nos sesenta, e chegará ata os oitenta. Unha mini retrospectiva esgazada do corpo principal da exposición que, formulada como un prólogo, cumprirá o dobre propósito de ofrecer un panorama máis completo da súa traxectoria, sacando á luz a profunda lóxica interna común a todas as súas etapas, con constantes como o uso indistinto, nun mesmo rango, do lenzo e do papel como soportes principais.

Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, con ligazóns a artigos e información complementaria sobre Juan Giralt, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Noticias e Exposicións/Actuais.

Catálogo

Con motivo desta exposición, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, editará unha publicación que, xunto a imaxes das obras, e reflexións do artista, incluirá textos dos comisarios, Marcos Giralt Torrente e Miguel Fernández-Cid, e extractos de textos críticos de diversa autoría, publicados entre os anos 1992 e 2023.

Programación para escolares

Colabora: Obra Social “la Caixa”

A partir do 10 de outubro de 2023
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113900 Ext. 308 / email: didactica@marcovigo.com

Obradoiros infantís

Colabora: Obra Social “la Caixa”

A partir do 14 de outubro de 2023
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113900 Ext. 308 / email: recepcion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: Todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

PERCORRIDO GUIADO POR SALAS 

Marcos Giralt Torrente, comisario da exposición e fillo do artista, acompaña á xornalista Ana Baena (Atlántico Diario) 

Síntese do proxecto

Para que o cadro pague a pena ha ter que fuxir do teu control”. Juan Giralt

Control e fuga son os polos entre os que transitou a pintura de Juan Giralt. Dunha banda, a orde, o afán harmonizador, o impulso xeométrico; da outra, as emocións, a desequilibrante expresividade do xesto e da cor, a contaminación da palabra pintada e a colaxe. Se nas primeiras décadas do seu traballo, a súa pintura oscilara entre un polo e outro, incorporando en cada etapa a bagaxe das anteriores, na súa época de madureza aglutina ambos os dous extremos, desacralízaos, revólveos e despóxaos de xerarquías nun mesmo espazo pictórico.

A pintura ha profanar calquera planeamento teórico. Permeable a todo tipo de contaminacións, a contradición e a dúbida enriquécena. Juan Giralt

A pintura de Juan Giralt é allea a calquera dogma. Diríase que o seu empeño principal é poñelos en cuestión. Alí onde os seus cadros semellaran pecharse cunha significación determinada, xorde sempre un acaneo que descompón os equilibrios e multiplica as significacións: unha brochada desestabilizadora, unha filigrana, a contaminación sentimental dun nome, un retrato de almoeda ou calquera outro elemento exóxeno incorporado mediante a técnica da colaxe.

Artistas

TEXTOS E TESTEMUÑOS SOBRE O ARTISTA


Evocación e loanza de Juan Giralt, por Carmen Giménez

“Coñecín a Juan Giralt a principios dos anos 70 en Madrid. El era un dos artistas principais da modernísima Galería Vandrés, dirixida por Fernando Vijande coa colaboración de Marisa Torrente, e eu empezaba a miña andaina profesional en Grupo Quince, un espazo multifuncional –taller de gravado, editora e galería– que estaba moi preto de Vandrés. Grazas a esta proximidade e aos intereses e as amizades comúns, era frecuente que os que formabamos o equipo de Grupo Quince, asistísemos ás inauguracións e performances dos artistas de Vandrés e que eles fixesen o propio nas nosas. Non faltaba moito para a morte do ditador; eran tempos exaltados, pletóricos de esperanzas, nos que case todos os que participabamos da efervescencia cultural compartiamos un mesmo obxectivo: o desexo de que a escena artística madrileña e por extensión española, malia as limitacións impostas pola ditadura, non se distinguise da doutras capitais europeas. Calquera que vexa fotos da época e que se informe minimamente das exposicións e dos debates estéticos que nos ocupaban concederá que o obxectivo se logrou.

Malia a súa xuventude, Giralt tiña por entón unha traxectoria considerable. Procedía do informalismo, militara no expresionismo post-CoBrA e dende mediados dos anos 60 practicaba unha figuración que nas súas primeiras concrecións buscara o espello de Bacon e logo se radicalizara baixo o influxo do pop. Da súa evolución ao longo desa primeira etapa fora deixando constancia nas súas temperás exposicións de Amsterdam, de São Paulo, de Madrid..., así como en bienais e feiras internacionais: de tal forma que á altura de 1972, con 32 anos, cando inaugurou a primeira das tres individuais que celebraría en Vandrés, non só era un artista experimentado senón que tiña xa o máis difícil: un estilo e unha personalidade recoñecibles. O cegador uso da cor ou a afección ao xogo meta-pictórico estaban ben metidos na súa xenética, pero así mesmo unha dicotomía íntima que definiría a súa carreira. Como dicía José Antonio Moreno Galván, un dos críticos máis importantes da época, na recensión da súa explosiva exposición de 1974, convivían nel dous ingredientes en aparencia contraditorios ‘Dunha parte, certo xeometrismo formal nas estruturas; doutra, un espontaneísmo anti-formal e expresivo, ás veces próximo ao humor e á caricatura. No que se equivocaba o comentario de Moreno Galván era en considerar esa exposición, titulada Papeles, recortables y collages –un éxito rotundo entre os propios pintores– o triunfo definitivo da parte expresionista, xestual, de Giralt, en detrimento da súa parte máis fría e analítica. O tempo demostraría que a dicotomía nunca lle abandonaría, que á aparente oscilación lle rexía un propósito secreto.

Os anos 80 do século pasado chegaron a España como un vendaval; entraron en escena novos actores, desapareceron outros e algúns, como Giralt, atrincheiráronse nos seus cuarteis convertendo o desconcerto nunha oportunidade para experimentar e romper con modos de facer que perigosamente podían derivar no enfaixamento. Eu vivín intensamente eses anos á fronte da Dirección Xeral de Exposicións do Ministerio de Cultura, comisariando exposicións que nunca se viran en España ou poñendo as bases de proxectos tan necesarias como o Centro de Arte Reina Sofía (1986) que máis tarde se convertería en Museo Nacional (1988). Vinme con el moi intermitentemente. Algunha vez en Nova York coa nosa común amiga Daniela Tilkin, algunha vez con Juan Muñoz… Polo demais, el tampouco se prodigaba expositivamente e pouco a pouco cheguei a perderlle a pista. Ocasionalmente vía algunha obra súa en Arco, pero nunca as suficientes como para facerme unha idea cabal da evolución do seu traballo.

En realidade, non me volvín atopar con el e coa súa obra ata a década dos anos 90, a través das súas exposicións nas galerías Bárcena & Cía., Afinsa-Almirante e Metta. A súa pintura, que mantivera o colorido eclecticismo dos 70, o gusto polo xogo coa palabra pintada e a colaxe, mostrábase nun punto óptimo de maduración. As vellas dicotomías foran superadas –talvez ese foi o seu plan dende o principio–, e canto Giralt había confluía nunha obra cegadora –emocional, irónica, desinhibida, culta, inequivocamente plástica– que non se parecía á de ninguén.

Cando Juan Giralt morreu en xaneiro de 2007, despois de empalmar tres marabillosas exposicións na Galería Machón que o confirmaron como unha das figuras esenciais da xeración pictórica que protagonizou en España o cambio de século, quedei coa dúbida triste de se o seu inmenso talle como artista sobreviviría á inxustiza das modas, dos reseñistas de ocasión e das preguiceiras sinerxías que dominan a miúdo o mercado artístico. Dunha conversa sobre iso con Manuel Borja-Villel naceu a exposición antolóxica de Juan Giralt que ambos os dous comisariamos no Centro de Arte Museo Nacional Reina Sofía na tempada 2015-2016. Alégrame moito ter contribuído así a que a obra de Juan Giralt gañe cada día, como parece, novos admiradores.”

Carmen Giménez [Texto para o catálogo da exposición Juan Giralt: control y fuga, Mostra Espanha 2021, Lisboa]

Juan Giralt, maestro, por Darío Villalba

“Creo xusto insistir en que, xunto a Luis Gordillo, [Juan Giralt] foi o mestre inicial e incontestable da chamada ‘Figuración Madrileña’ coa súa peculiar forma dialéctica de entender a pintura: tese, xesto, construción, síntese, reflexión, conxugaci6n e conciliación de opostos, etc. O denominador común dos artistas que emerxeron desa escola foi, simplificando moito, a cor. Era, para aqueles que se vían implicados nese diálogo, precisamente a cor, o factor descodificante e disociante fronte ao acromático grupo de El Paso.

O insólito emprego da cor de Juan Giralt colócao, fóra de toda dúbida, á cabeza da mellor sensibilidade cromática de toda a arte española da segunda metade do século XX. Só o podería comparar ao Tàpies substancioso, a Mompó ou talvez a Ràfols-Casamada. A paleta de Juan Giralt, absolutamente imposible de imitar pola súa densidade e pulcritude, faime pensar no mellor Bacon pola súa húmida frondosidade e espeso trazo. Ao pensar en Giralt penso en violeta e verde, laranxa e azul, sempre foi así. Usar cor non é, dende logo, acumular cuantitativamente diversidade de pigmentos. Vivir dentro e fóra da cor, conxugar a súa inimitable (por innata) espontaneidade coa máis espesa auto-censura de anárquica liberdade, é só propio de Giralt. Realmente é un auténtico pintor con todo o que isto leva consigo de repulsa ao virtuosismo, fórmulas ou esteticismos inútiles que todos coñecemos.

Juan non debuxa coa cor, obriga espontaneamente a que esta se dilate con autonomía propia. O seu xesto auto-infórmase do anterior, e podería dicir de Giralt o que Max Ernst xa dixo: ‘Non esquece a man o inventado polo ollo’.

Aínda a estas alturas da miña andaina en solitario, e en clandestina obcecación, ségueme perturbando e asombrando como a historia presente (ou a fortuna crítica de cada quen) comete insólitas incorreccións. Historicamente sempre ten sido así. Afortunadamente escolas ‘revisionistas’ lúcidas esclareceron moitos equívocos críticos, aínda que ben sabemos que non hai verdades absolutas senón aproximacións. Na dilucidación plástica cada época ten a súa forma de ler a arte.

Con respecto a Juan Giralt, por que non está estudado no lugar que lle pertence por dereito propio estando tan próxima e viva a súa resolución estética? Coido que se debe a lecturas superficiais e rápidas con frívolas etiquetas, por unha banda, e, por outra, ao propio carácter do pintor, pouco amigo, polo seu exacerbado sentido crítico e silencioso, a auto-referencias compracentes ou estratexias prácticas. Sobrevoando voces máis ousadas e avasaladoras, a súa complexa discreción e timidez fixéronlle, por fortuna, ensimesmarse de xeito produtivo na súa pintura que agora nos mostra con absoluta rotundidade.

Arríscome a non por en tea de xuízo o rango e categoría da súa obra e a consideralo mestre.

Sen risco ren hai, nin liberdade sequera.”

Darío Villalba [Extracto do texto para o catálogo da exposición Juan Giralt, Palacio de Revillagigedo, Oviedo, 1997] 

As pa(i)saxes interiores de Juan Giralt, por Daniel Verbis

“A partir dos anos oitenta Giralt pinta coa liberdade irrenunciable de quen sabe que a pintura ‘moderna’ ten a súa orixe na colaxe, que o impredicible necesita atopar unha ancoraxe e que a reversibilidade do espazo é unha condición do moderno, que a través da montaxe o espectador descobre outras harmonías, outras consonancias menos predicibles precisamente por indeliberadas. Cada fragmento da pintura de Giralt gradúase naturalmente na súa independencia relativa, porque o cadro aspira a ser plurívoco. Giralt engade á paisaxe abstracta un signo realista que contrarresta a estrañeza da pintura con retallos do máis cotián. A postal realista, que funciona como un atributo do cotián, comparte o mesmo espazo que o trazo suntuoso, esa senda bosquexada que vai sorteando o esquema xeométrico, e a palabra, ese elemento tipográfico que timidamente se deixa oír no canto máis baldío, alí onde máis se decata un do difícil que é convivir co silencio (‘Cenital’, 1998). Cada un destes elementos non deixa de ser un foco de atención que se ten que articular coa liberdade dunhas regras puramente pictóricas, unhas regras non escritas que responden a unha orde precaria nunca dada de antemán.”

Daniel Verbis
[Extracto do texto para o catálogo da exposición Juan Giralt, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 2023]

Texto curatorial

JUAN GIRALT no MARCO

A exposición que presentamos é a máis extensa dedicada ata agora a Juan Giralt (Madrid, 1940-2007), un dos artistas máis suxestivos e singulares da xeración pictórica que protagonizou en España o cambio de século. Virtuoso da cor, reactivo á solemnidade e afecto ao humor e ao xogo metapictórico, Juan Giralt demostrou moi cedo unha vontade de busca, de fuxida dos estereotipos e os encadramentos, que o levaría a experimentar con diversas linguaxes.

Formado no informalismo dos anos cincuenta do século pasado, participou da ruptura xeracional con este movemento dende mediados da década seguinte, cando evolucionou do expresionismo post CoBrA a unha neofiguración de resonancias pop que o convertería, entrados os setenta, nun dos principais referentes da escena artística española.

Xunto ao seu dominio da cor e a plasticidade, adoita resaltarse de Giralt a solidez da súa aposta pictórica, o feito de que, sen ser alleo ás correntes do seu tempo, conseguise conformar unha linguaxe plenamente recoñecible, no que a abstracción e a referencia figurativa, o cerebral e o intuitivo, a pulcritude debuxística e a untuosidade da pintura, a expresividade do xesto e a análise formal de tendencia xeometrizante conviven, non sen fricción, nun delicado equilibrio que semella multiplicar cara a dentro a superficie da obra.

Esa pulsión integradora, perceptible xa no seu traballo experimental dos anos oitenta, cristalizaría con toda rotundidade nos seus espléndidos últimos vinte anos de carreira.

A nosa exposición repasa superficialmente as etapas previas do seu traballo e céntrase neses anos de plenitude, entre finais dos oitenta e a súa morte en 2007, nos que o seu estilo alcanzou un peso de clásico. A pegada do seu desinhibido eclecticismo e do seu peculiar tratamento do espazo pictórico, ao que incorpora a técnica da colaxe, é rastrexable en moitos artistas posteriores. Pintura no arame, construída á vista, de síntese, de conciliación entre extremos, intelectual e fría, pero ao mesmo tempo fortemente emocional, salpicada de palabras pintadas, de obxectos evocados da vida cotiá, de xanelas tras as que se insinúan outeiros, de anacos de carteis publicitarios, de láminas escolares, de fotos...

Pintor de pintores, respectado e influente, Juan Giralt non obtivo non obstante a proxección que a súa brillante traxectoria merecería. Con esta exposición, na que se reúnen obras sobre lenzo e papel de pequeno e gran formato, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, únese ao esforzo por reivindicalo.

Marcos Giralt Torrente e Miguel Fernández-Cid

Texto artista

JUAN GIRALT. Caderno de notas

“Deixo os cadros longo tempo no taller, e sométoos a revisións periódicas, cambios e correccións. Gústame a pintura moi machucada. Os cadros pintados sobre a tea nun proceso directo semellan conservar a vida e a enerxía amoreada durante as sesións de traballo: teñen a súa propia historia, menten, agochan cousas, ás veces por unha fenda deixan adiviñar o que teñen sido, presumen de algo moi evidente á primeira vista e, non obstante, a súa razón de ser está na elegancia coa que ocultan un banal desenvolvemento previo.”

Juan Giralt. Madrid, 1998

“Desgústanme os cadros ‘pasados a limpo’”.

“De cote fago uso na pintura de pequenas colaxes. Con iso procuro introducir un elemento antagónico á estrutura formal do cadro. Ás veces integro vellos retratos de almoeda, atraído pola posibilidade de darlles nova vida noutro espazo, introducindo, de paso, unha contaminación sentimental á que son alleo.”

“Para traballar, procuro situarme ante a tea nun estado moi receptivo, e, así, manchando e estruturando o lenzo, agardo pola visita dun ‘terceiro brazo’ quen de me sorprender. O desexable é que estas visitas sexan frecuentes, pois non hai nada peor que os tics que dá o oficio, as técnicas e os procesos de traballo.”

“A selva da pintura é tan complexa que os pintores tendemos a nos encerrar en espazos limitados, armados coas nosas propias regras. Hai que evitar, non obstante, que eses códigos se convertan en dogmas. Ningunha postura excluínte merece ser defendida. A pintura debe profanar calquera formulación teórica. Permeable a todo tipo de contaminacións, a contradición e a dúbida enriquécena.”

“Polo xeral os cadros melloran por eliminación. Pero, como o ‘menos é máis’ a miúdo linda co ‘a menos, menos risco’, procuro atopar o equilibrio entre unha orde moi primaria e outros elementos máis turbios e emocionais. O resultado é unha orde que se sostén nunha xeometría enganosa de liñas tortas.”

“Sinto rexeitamento pola carga literaria con que se adorna a pintura. Os meus títulos xorden a posteriori e obedecen a asociacións de ideas ou están motivados polo uso dalgún elemento evidente ou subconsciente.”

“O tempo dilúe, borra ou trastorna as intencións e limitacións con que foron creadas as pinturas. Pendurada onde queira que sexa, núa de todo condicionamento, a pintura abóndase a si mesma, cómplice cos ollos que a saben mirar.”

“Aborrezo as palabras abstracto ou figurativo, especialmente aplicadas ao meu traballo, e aborrezo o empeño dos que queren explicar a historia da pintura como un desenvolvemento encadeado de conquistas que culminan nos vertixinosos ismos do século XX.”

“No viscoso pélago do meu tempo detido flotan mesturados Guston e Uccello, Mondrian e Velázquez, os gravados de Utamaro e os anónimos retratos de El Fayum. Nós, os pintores, zanfoneamos derredor.”

Xuño de 2003

+ INFO e documentación:

Juan Giralt. Control y fuga
https://www.youtube.com/watch?v=OWptX9SiAPE
#MostraEspahna2021, Lisboa.
Vídeo sobre a obra e traxectoria do artista, con testemuños de críticos e historiadores como Juan Manuel Bonet, Enrique Andrés Ruiz, e do galerista Adolfo Cayón.

https://www.juangiralt.com/