O edificio
Taboa de contidos
- O edificio
- A prisión panóptica
- Proxecto arquitectónico
O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, está situado en plena zona comercial da cidade, na céntrica e peonil rúa do Príncipe, e ocupa o espazo do que foi a antiga sede do cárcere e xulgados de Vigo (1880), un lugar moi vencellado á memoria colectiva e que constitúe un dos principais atractivos do centro.
A idea primixenia de crear un museo de arte contemporánea en Vigo formulouse en 1994, sendo alcalde D. Carlos González Príncipe. Dende entón ata o 22 de outubro de 2002, data de constitución da Fundación MARCO, pasaron varios anos de traballos a favor do museo, durante os que se realizou e executou o proxecto de rehabilitación e reconstrución do antigo edifico dos xulgados e cárcere de Vigo (1880).
A elaboración do proxecto, unha reforma cofinanciada entre o Concello de Vigo e a Unión Europea (FEDER), por medio do Programa INTERREG II ESPAÑA-PORTUGAL, foi adxudicado ao equipo vigués de arquitectos formado por Manuel Portolés Sanjuán, Francisco Javier García-Quijada Romero e Salvador Fraga Rivas, o 24 de marzo de 1995.
Prestouse especial atención á integración do edificio no contexto urbano, dotándoo dun paseo peonil, con escalinata, que o comunica coas rúas posteriores e coa súa contorna.