Premio MARCO/49 NORD 6 EST-FRAC LORRAINE/SFKM para novos comisarios 2016
Publicado en E-Flux con data 17/12/2015
OBXECTO DO CONCURSO
O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o 49 Nord 6 Est-FRAC Lorraine de Metz e o SFKM, Sogn og Fjordane Kunstmuseum de Førde, convocan o Premio para novos comisarios.
Este premio ofrece aos participantes a oportunidade de propoñer un proxecto centrado nun tema de investigación e reflexión persoal, así como a súa realización no MARCO (1º andar), o 49 Nord 6 Est-FRAC Lorraine e o SFKM. A orixinalidade da tese defendida e a pertinencia das referencias propostas serán determinantes para a selección do proxecto gañador.
PROCEDEMENTO
A proposta haberá de inscribirse dentro do campo do pensamento contemporáneo e queda aberta a todas as formas de creación.
Valoraranse propostas experimentais de carácter colaborativo (con comunidades, grupos sociais, participantes multidisciplinares, etc.).
O proxecto seleccionado terá como resultado a realización dun único proxecto que se presentará primeiro no 49 Nord 6 Est-FRAC Lorraine (Metz, Francia), a continuación no MARCO (Vigo, España) e despois no SFKM (Førde, Noruega).
A versión definitiva do proxecto seleccionado así como o listado de obras e/ou participantes serán elaborados e formalizados en estreita colaboración cos directores do MARCO e do 49 Nord 6 Est-FRAC Lorraine e a comisaria do SFKM e os seus respectivos equipos, durante as tres residencias de traballo, co fin de que a proposta teña en consideración as particularidades arquitectónicas, os contextos propios e os usos de cada unha das sedes.
O proxecto debe incluír obras da Colección do 49 Nord 6 Est-FRAC Lorraine, que se poden visitar na páxina http://collection.fraclorraine.org, e das coleccións do SFKM (que se coñecerán durante a residencia en Førde).
O proxecto debe estar acompañado ou conformado por un programa de actividades co fin de abrir un novo espazo de reflexión relacionado co tema proposto.
O proxecto gañador disporá dun orzamento máximo de 20.000€ para cada unha das sedes.
O proxecto presentarase na primeira sede a principios de 2017.
CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
Poderanse presentar ao concurso os/as comisarios/as nados a partir do ano 1975, inclusive. Se a proposta é autoría dun colectivo, haberá de nomearse a un representante que actuará de mediador. Os/as comisarios/as non poderán participar en calidade de artistas no proxecto. Non se poderá presentar máis dun proxecto por autor, que deberá ser inédito e contemplar a participación de dous ou máis artistas ou colaboradores.
DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA:
A documentación requirida a continuación deberá presentarse obrigatoriamente NUN ÚNICO ARQUIVO (formato PDF, máximo 5MB).
Documentación administrativa
- Nome, domicilio, teléfono e correo-e
- Curriculum Vitae abreviado
- Fotocopia do documento de identidade ou pasaporte
Proxecto artístico
- Título
- Resumo detallado en lingua inglesa (3 páxinas máximo)
- Listaxe provisional de artistas e/ou participantes incluídos (indicando nacionalidade e data de nacemento)
- Listaxe provisional das obras presentadas, con fotos incluídas no PDF ou enlaces directos a estas (tamén incluídos no PDF)
ENVÍO/PRAZO LÍMITE PRESENTACIÓN
A documentación enviarase NUN ÚNICO ARQUIVO (formato PDF) aos seguintes enderezos: info@marcovigo.com, coordination@fraclorraine.org e curator@misf.no, especificando no asunto do e-mail "Award for Young Curators". Non será tomada en consideración a información recibida só nunha das sedes. Serán proxectos exclusivos para o 49 Nord 6 Est-FRAC Lorraine, o MARCO e o SFKM.
O prazo límite para a presentación dos proxectos é a media noite do xoves día 31 de marzo. Non se aceptarán proxectos recibidos con posterioridade a esta data.
XURADO/FALLO DO PREMIO
O xurado está composto por: o director do MARCO, a directora do 49 Nord 6 Est-FRAC Lorraine e a comisaria do SFKM.
O xurado seleccionará no mes de maio de 2016 o proxecto gañador. A resolución do xurado farase pública antes do
ACEPTACIÓN DO PREMIO
Establécese un prazo de 10 días laborables para a aceptación do premio por escrito. Unha vez pasado este prazo, o premio concederáselle ao segundo clasificado.