rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
DANIEL VERBIS. Desexando ser

DANIEL VERBIS. Desexando ser

Ficha

Datas: 
23 febreiro 2024 - 25 agosto 2024
Lugar: 
Salas da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid


A partir do 23 de febreiro, os espazos da planta baixa do MARCO ofrecen un percorrido pola obra de Daniel Verbis (León, 1968); unha mostra do seu vigor creativo a través dun conxunto de obras representativas do seu labor artístico e investigador ao longo destes últimos anos. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, o seu traballo estivo marcado dende os seus inicios pola experimentación con certos materiais heterodoxos (resinas, plastilinas, botóns, fíos e las, goma, escuma, lonas plásticas, etc.) que tradicionalmente se mantiveran fóra do ámbito das técnicas pictóricas máis tradicionais, por un atrevemento formal que se fixo patente cando a visibilidade do bastidor se converteu nun elemento fundamental das pinturas-obxecto que realizara nos primeiros anos deste século.

A dialéctica entre elementos contrapostos sostén unha armazón conceptual que dá soporte igualmente á súa pintura, á súa escultura, ás súas colaxes ou aos seus wall-drawings, sumando flexibilidade lúdica e azar á serie de premisas formais ou procesuais que constitúen a base das súas obras. Nos seus traballos máis recentes establece un diálogo entre as súas instalacións obxectuais e as súas pinturas sobre lenzo, integrando ambas as dúas nun produtivo diálogo no que a precisión das formas e os procesos parece dar resposta a formulacións tanto conceptuais como emocionais ou semánticas.

Entretecido no propio proceso, o significado, na obra de Daniel Verbis, sempre permanece aberto, á espera, apenas suxerido nos seus títulos. Verbis fomenta un inacabamento do sentido que permite solapar multiples lecturas da imaxe, interpretacións que ao anoarse debuxan unha retícula de polisemias que parece repregarse sobre si mesma, un lugar de encontros que apela a unha mirada que multiplica as posibilidades poéticas-estéticas do visible. As obras preséntansenos como artefactos visuais que empezan a funcionar cando o espectador dá con algunha clave interpretativa, que pode ser poética, cultural, conceptual..., pero unha clave, a fin de contas, nunca imposta polo autor.

A exposición, pensada para os espazos da planta baixa do MARCO, quere potenciar as posibilidades que ofrece a súa arquitectura, con teas de grandes dimensións, murais e instalacións de obxectos, creando un itinerario emocional referendado polas colaxes e as obras sobre papel como unha especie de material de arquivo complementario. A súa montaxe e disposición buscan establecer diálogos entre os cadros e as pezas realizadas noutras técnicas, de modo que se perciba que o eixe de todas elas é unha concepción dinámica, orgánica e cambiante da expresión artística; que a pintura é un organismo fisicamente vivo e semanticamente poético, sempre en transformación.

INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES

Catálogo

Con motivo desta mostra, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, editará unha publicación que, xunto a imaxes das obras en exposición e escritos do artista, incluirá textos do comisario e director del MARCO e outros autores.

Programación para escolares

Colabora: Fundación “la Caixa”
Ata o 14 de xuño de 2024
Horario: de martes a venres de de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Obradoiros infantís

Colabora: Fundación “la Caixa”
Ata o 25 de maio de 2024
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: Todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

Foto portada: Daniel Verbis. Dios del cielo, 2021 (detalle). Acrílico sobre lenzo e madeira, 243 x 312 x 10 cm.

https://danielverbis.es/ 

Artistas

Daniel Verbis


Daniel Verbis
(León, 1968) é licenciado en Belas Artes pola Universidad de Salamanca, 1986-1991. O seu traballo como artista desenvólvese no ámbito da pintura, escultura, obra en papel, e instalacións ou intervencións específicas para espazos concretos.

Entre as súas exposicións individuais dos últimos anos cóntanse La piel y lo que hay debajo de la piel. Sala Provincia ILC (León, 2023); Ser de paso (cautivo). Galería Daniel Cuevas (Madrid, 2022); Unción y anunciación del ser. Galería Trinta (Santiago de Compostela, 2022); Psiques. Galería Llamazares (Xixón, 2021); Ex-Libris. Galería Siboney (Santander, 2021); Cartografías de una des-aparición. Galería Ármaga (León, 2021). Entre as mostras colectivas, JUST Madrid. Galería Trinta (Santiago de Compostela, 2023); Expo Chicago. Galería Diana Lowenstein Fine Arts (Miami, 2023); Arte Santander. Galería Daniel Cuevas (2023); Regresar a un espacio conocido. DA2 (Salamanca, 2023); Art Miami. Galería Diana Lowenstein Fine Arts (Miami, 2023); Expo Chicago. Galería Diana Lowenstein Fine Arts (Miami, 2022); Drawing Room Madrid. Galería Daniel Cuevas (Madrid, 2022); Building, Colección Campocerrado. Ciudad Rodrigo (Salamanca, 2022); Art Miami. Galería Diana Lowenstein Fine Arts (Miami, 2022); Colectiva. Galería Ármaga (León, 2022); 3spacio Mínimo. Galería Espacio Mínimo (Madrid, 2022); Estampa, 2021. Galería Daniel Cuevas (Madrid, 2021); Expo Chicago. Galería Diana Lowenstein Fine Arts (Miami, 2021); Drawing Room Madrid, Galería Siboney (Madrid, 2021); Esta luz. Galería Ármaga (León, 2021); El color abstracte. Sala de Exposicións Fundación Mediterráneo (Elche, 2021); Territorio contemporáneo. Colección Enaire (Santander, 2021); Palimpsesto creativo. Mosteiro de Sandoval (León, 2021); Paper València. Galería Siboney (Valencia, 2021); Drawing Room, Lisboa. Galería Siboney (Lisboa, 2021); Una historia de arte reciente (1960-2020). Museo de Arte Abstracto de Cuenca (Cuenca, 2021), entre outras.

Recibiu distincións como o Premio ao Libro de Artista, Fundación Ankaria (III Edición, 2016); Premio Cultura Emprende, Fundación Creativa Santander (2014); Premio Ángel de Pintura (2007); Bolsas Endesa (2001); Premio de Pintura Fray Luis de León, Junta de Castilla y León (1999); Adquisición VI Mostra Unión Fenosa (1999); ou Primeiro Premio de Pintura L’Oreal (1998).

A súa obra está presente en museos como CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea, MUSAC Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, ARTIUM Museo de Arte Contemporáneo del País Vasco, Museo Patio Herreriano, MNCARS Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Museo de Bellas Artes de Asturias, Museo de Teruel; e en coleccións públicas e privadas como Colección Banco de España, Colección Fundación Coca-Cola, Colección DKV, Colección AENA, Colección Fundación Barrié, Colección Unión Fenosa, Colección L’Oreal, Colección Ayuntamiento de Alcobendas, Colección Caja Madrid, Colección Junta de Castilla y León, Colección Gobierno de Cantabria, Colección Ayuntamiento de Madrid, entre outras.

+INFO sobre a súa obra, textos e documentación complementaria en https://danielverbis.es/

Texto curatorial

“De cote, a pintura é uniforme porque o pintor elixe un único soporte sobre o que reiterar xesto e intención; ás veces, non obstante, o exercicio é máis complexo: a pintura pode ser, ao tempo, líquida, xogar a fluír ou converterse en obxecto, estenderse polo muro, ocupar unha superficie dada ou formularse como un continuo sen fin. Tentar a grande escala ou concentrase nun espazo reducido, case mínimo; ser xesto espacial, aéreo, diálogo con imaxes intervidas, fotografías só en aparencia directas, densas colaxes, obxectos, instalacións.

Dende as súas primeiras exposicións, Daniel Verbis (León 1968) elixe preguntarse polo sentido da pintura, polas súas posibilidades, polos seus límites, polas súas contaminacións, pola súa independencia. Empeza analizando o seu sentido como linguaxe, e atopa ecos, rizomas e dobres significados que o atrapan. O xogo únese a un rigor que co tempo extrema ata quedar atrapado. Intervén en paredes e expón libros con imaxes imposibles de despregarse, encerradas no obxecto.

Cando pinta cadros desinhibidos no formal, en aparencia moi libres pero en extremo complexos na súa composición, no seu proceso, convértese nun dos pintores clave da súa xeración. Na súa obra, nada é o que parece, sempre hai un detalle, un elemento que nos fai entrar nun xogo de adiviñacións, ata quedar atrapado por un cruzamento de miradas, de referencias, de sucesións. A pintura flúe e á vez é sólida; é metódica e en aparencia libre; é refinada e culta pero viva. Unhas veces pinta engadindo, outras restando ou sumando módulos ao soporte inicial, coma se non partise dunha idea clara, coma se non buscase unha imaxe prevista. O que fai é preguntarse polo proceso, dar a volta ao sentido de cada imaxe, do mesmo xeito que propón nos títulos nunca banais, nos seus marabillosos textos sobre pintura, nos libros poéticos e visuais. Ás veces quédanos a dúbida de se o próximo é o material, o eco dunha forma ou un proceso que arrefría unhas veces, ao que provoca outras.

Desexando ser alude ao momento no que as obras semellan deterse ante a nosa mirada. Queda patente o gusto de Verbis polo orgánico, polo xogo, polo dobre sentido, polo erotismo, pola orde; a súa capacidade para habitar procesos en transformación e o seu xeito case clásico de rematar os cadros máis recentes, dos facer rotundos pero nada impositivos.”

Miguel Fernández-Cid, comisario da exposición

 

Texto artista

“O que distingue unha obra de arte é a determinación da súa forma. En definitiva, que cada elección se perciba (perviva) como unha condición necesaria. A experiencia confírmanos que nun momento dado do proceso un ten a sensación ou a confirmación de que xa non hai elección, de que as decisións son consubstanciais á obra, independentes do propósito inicial, do gusto persoal ou das regras (aplicadas). Cando o artista acepta un papel vicario, un papel de mediador, a obra gaña en solvencia porque a decisión da forma normalmente responde a necesidades auto-regulatorias. A (beleza de) natureza descoñece a súa razón, e igualmente a forma consubstancial non pide (necesariamente) permiso ao autor.

A obra aberta, incompleta por definición, é hoxe en día o noso xeito natural de entender unha obra de arte; é, a maioría das veces, unha etapa intermedia nun proceso inconcluso, facticamente indeterminado, posiblemente interminable; é, case sempre, unha etapa sen consolidar nun proceso sen ancoraxe inmediata. A arte contemporánea é irremediablemente fragmentaria e parcial.”

“A serie El que guarda su boca guarda su alma (2020-21) está formada por pequenas pezas pictóricas realizadas sobre as gardas das tapas desencadernadas de enciclopedias ou libros de saldo. Estas tapas, que son os restos reciclados deses libros que utilizo para facer colaxes, funcionan como reliquias “povera” convertidas en improvisados soportes onde poder pintar con absoluta liberdade pequenos dípticos que se despregan como as cromáticas ás dunha bolboreta ou como as innocuas serigrafías dun test de Rorschach; uns dípticos que son a consecuencia de desdobrar o soporte e ver ao mesmo tempo dúas imaxes teoricamente enfrontadas, dúas imaxes anteriormente encaradas na súa incomunicada intimidade. Partindo destes emparellamentos de imaxes siamesas, faise patente que o único debate estético que prospera é, en definitiva, o que se dá entre o que se repite e o que se diferencia.

Nesta pintura-colaxe os fragmentos deshumanizados –desfigurados e reconfigurados, deconstruidos e reconstruídos–, os fragmentos da anatomía procesual, veñen a ser unha especie de mediadores que permiten reconstruír un suxeito-posible no caótico crisol da deshumanización da arte. E para constituír esta pintura sen referente particular, para constituír esta xeografía emocional, para formalizar esta anatomía e esta fisionomía, non me queda outro remedio que me valer da autoxeración das estruturas histolóxicas, dos anudamientos e as ligaduras que trenzan un tecido, das superficies que se repregan para crean os órganos e das tensións musculares que delimitan as portas de entrada e as vías de escape.

“A beleza inasible non se pode retratar. Como a pureza, é un ideal. Cando o manto envolvente rompe (como rompe a crisálida) no acto gozoso ou liberador do corpo, a natureza móstrase en toda a súa crueza. Espida, feita mirada, despoxada do manto que proscribe a súa visibilidade, a beleza perde o seu carácter virxinal, perde a súa condición ideal e convértese no espectáculo dunha fugacidade, no resplandor dun instante, nunha electricidade estática superficial. Vemos pois, que a beleza, que a iridescencia cromática desas psiques que aparecen e desaparecen na sinuosidade do seu voo fuxitivo como nunha vitoria alada (El paciente insecticida, 2018) ou nunha buenaventura anxelical (Psique, 2020-21), é algo temporal, unha brevidade, unha distancia de ser que acaba abandonándonos e que só se pode recordar ou imaxinar.

Como o entomólogo que atravesa cun alfinete o corpo ríxido dunha bolboreta para que poida apreciarse a tornasolada pigmentación das súas ás, tamén o pintor inmobiliza o tránsito das formas para atopar a forma exacta ou a forma axeitada, a harmonía ou a lóxica. Ou como se lle chamou sempre, a beleza. O pintor detén o fluír da psique, o desexo de ser aparencia nunha materia pictórica que xa é para sempre unha imaxe fixa, unha imaxe-morte. Pero imaxe-morte dunha psique aínda actuante, dunha psique que parece ter vida ou retela porque é expresiva, porque é a réplica dunha semántica corporal chea de vida. A pintura é unha actividade paradoxal que alcanza a súa máxima expresión cando restitúe a in-quietude constitutiva do que ten vida. Sexa esta inquietude unha cousa visual ou unha cousa mental. A pintura nunca deixará de ser un pensamento dos ollos para os ollos que se fai modélico, precisamente porque dá estabilidade ao que treme.”

“O meu xeito de abordar a pintura, no plano formal e no plano semántico, é por capas superpostas de rizomas de elementos que se estenden horizontal e verticalmente pola superficie do cadro. Primeiro incorporo eses elementos exóxenos e logo reordénoos para ver que pasa. No plano do lenzo os nódulos de sentido vanse comunicando uns con outros ata crear unha máquina de sentidos múltiples. Non hai un significado senón múltiples significados que se solapan, se substitúen, se complementan, se contradín, se articulan entre eles. Por así dicir, a miña pintura é un lugar de creación de sentido, máis que un lugar onde detallar unha idea preconcibida.

En calquera caso a miña pintura, agora, non debe verse só en profundidade, a ilusión do espazo douna por descontada. Estes cadros últimos, que son de gran formato, hai que velos tamén en toda a súa extensión horizontal. A súa formulación ten que ver cunha pintura que se desenvolve (ou desenrola, penso nos biombos xaponeses ou na pintura chinesa en rolos de papel). O motivo nárrase secuencialmente nun único plano, que pode ser tan extenso como se necesite. E esta formulación expandida pode aplicarse tamén ás pezas modulares.

Neste sentido a pintura acolle unha temporalidade. É unha pegada do acontecemento, pero unha pegada que rexistra diferentes momentos do acontecemento (plástico). Supoño que a idea que queda é un reflexo da incerteza do ser, dun ser nun estado (de boa esperanza), dun ser en transformación. O obxecto que se representa é a foto fixa dun ser que se está a materializar. O cadro reclama unha lectura lineal que vai desenvolvéndose nunha especie de bucle sen principio e sen final, que retorna sobre si mesmo porque principio e final son coincidentes. O obxecto representado, a cousa pintada, non acaba de estar resolta porque todas estas obras aluden a un ser inconcreto, precisamente porque ese ser aínda estase a formar. O obxectivo do que ten vida é perdurar vivo o máximo tempo posible e mentres tanto rexenerarse en novos seres portadores do seu legado xenético. Nese sentido a pintura, como a vida, busca o xeito de perdurar como dispositivo expresivo, indagando novas formas e novas maneiras de hacer(se). A vida reflíctese, si, pero solo como unha especie de inercia.”

Daniel Verbis