rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Paraísos Indómitos

Paraísos Indómitos

Ficha

Datas: 
7 marzo 2008 - 18 maio 2008
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos)de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / CAAC, Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, Sevilla
Comisariado: 
Virginia Torrente

Obras en exposición

A exposición PARAÍSOS INDÓMITOS componse de 46 obras, na súa mayoría vídeos e fotografías, ademais de Sen título (Greenhouse), de Peter Coffin, unha peza que require a participación do público, e dunha instalación do artista Alberto Baraya.

Síntese do proxecto

O tema central da exposición PARAÍSOS INDÓMITOS, coproducida polo MARCO de Vigo e o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, é a relación do ser humano coa natureza. Nela, vinte artistas de diversas procedencias exploran a súa relación coa terra na que habitan, operando con diferentes puntos de vista, dende a visión romántica ao testemuño documental, dende unha concepción utópica ao activismo en defensa do medio natural. Tomando a natureza como obxecto de observación e contemplación, como testemuño, ou como vehículo de denuncia, as obras desta exposición son resultado da evolución no xénero da paisaxe, de séculos nos que o ser humano veu analizando os vínculos esquizofrénicos que mantén co seu ámbito, e nos que a iconografía da paisaxe pasou pola beleza no Renacemento, o pintoresquismo no Barroco, ou a idea do sublime no Romanticismo.

Como xénero, a paisaxe está sobreexplotada. Como tema, o quentamento global é utilizado como moeda de propaganda política e económica de plena actualidade. Cústanos interpretar a natureza como lugar de contemplación, pois a iso se une, inevitablemente, unha actitude concienciada. PARAÍSOS INDÓMITOS reúne varias reinterpretacións de artistas contemporáneos sobre as convencións clásicas da natureza, demostrando a posibilidade de múltiples lecturas dun tema que hoxe se diversificou enormemente, partindo da busca da natureza virxe, ata chegar á reivindicación ecolóxica do século XXI.

E en todo iso xoga un papel fundamental a visión de lugares inexplorados, que foron obxecto de investigación e fascinación. Esta exposición retoma a dicotomía home-natureza, para analizar a pegada do ser humano no seu ámbito e o constante desafío que existiu sempre entre ambos os dous. O artista asume o papel dos últimos exploradores “románticos”, daqueles que, co seu empeño, nos abrían os ollos ante un mundo descoñecido.

Na actualidade, a idea de paraíso foise transformando, adoptando un significado máis próximo a un lugar cercado, unha reserva, unha trincheira. O paraíso indómito, ademais, leva consigo un halo de secretismo, entendéndose como un privilexio accesible a poucos, aqueles conquistadores reconvertidos en exploradores, defensores dun oficio que evolucionou paralelamente á sociedade. As exploracións do século XX responden a unha conciencia política e vinculada ao desenvolvemento da técnica, máis afastada do sentimento dos artistas, cuxas accións non alteran os mapas xeográficos, pero documentan a “realidade” condensándoa nas súas obras. O artista elabora un rexistro de lugares afastados, illados, un exame ao que se asocia certa intención crítica; unhas veces utópica, outras nostálxica.

A montaxe e disposición das obras en salas segue un fío condutor que se estrutura en torno a catro apartados, en función das distintas aproximacións dos artistas ao eixe temático da exposición: a forza da natureza ou os espazos que se resisten á acción do ser humano, como lugares irredutibles a calquera intento de domesticación —na que se incluirían as obras de Guido van der Werve, Mireya Masó, Thiago Rocha Pitta, Thomas Joshua Cooper e Eric Rosoman—; a viaxe utópica cara a lugares inexplorados, que acaba por converterse nunha busca interior —Marine Hugonnier, Nir Evron, Eva Koch, Sergio Belinchón, Alberto Baraya—; o home e a Terra: colaboración científica, ou a busca de relacións entre artistas, científicos e natureza, para unha mellora no uso e transformación dos espazos naturais —Guillem Bayo, Marjetica Potrč, Peter Coffin, Gonzalo Puch, Heather & Ivan Morison—; e por último, os paraísos danados, ou a evidencia da ruptura do equilibrio na relación entre o ser humano e a natureza —Caio Reisewitz, André Cepeda, Roberto Bellini, Rodney Graham, e Cyprien Gaillard.

Unha cita de Henry D. Thoreau, incluída no texto da comisaria para o catálogo, pode servir como punto de partida, e á vez como resumo e conclusión dalgunhas das ideas e sensacións contidas nesta exposición:

“Deixei os bosques polo mesmo motivo que me levou a eles. Crin ter aínda varias vidas por vivir, e non podía pasar máis tempo nesta. Chámame a atención de que xeito tan doado e tan insensible nos encadramos nunha ruta que é un camiño trillado para nós mesmos. Non vivira alí aínda unha semana cando os meus pasos marcaron unha senda que ía da porta da miña cabana ao bordo do lago, e aínda que hai cinco ou seis anos que xa non a transito, aínda é perceptible. É certo –imaxínome– que outros a usaron, polo que se mantén. A superficie da terra é branda e as pegadas dos homes permanecen nela, o mesmo que os camiños polos que viaxa a mente. Que gastadas e poeirentas son as estradas do mundo, que profundas as raíces da tradición e a conformidade! Eu non comprei un billete con camarote, a miña viaxe foi nun mastro sobre a cuberta do mundo, dende onde poder ver mellor a lúa chea entre as montañas”.

Henry D.Thoreau, Walden ou a vida nos bosques, 1845

Artistas

    Alberto Baraya
    André Cepeda
    Caio Reisewitz
    Cyprien Gaillard
    Eric Rosoman
    Eva Koch
    Gonzalo Puch
    Guido van der Werve
    Guillem Bayo
    Heather & Ivan Morison
    Marine Hugonnier
    Marjetica Potrc
    Mireya Masó
    Nir Evron
    Peter Coffin
    Roberto Bellini
    Rodney Graham
    Sergio Belinchón
    Thiago Rocha Pitta
    Thomas Joshua Cooper

Texto curatorial

“PARAISOS INDÓMITOS parte da fascinación que nos producen os últimos lugares fronteirizos, lugares que cremos aínda por explorar —e explotar—, fóra do control humano, onde a natureza ten as súas propias regras, e non son as creadas por nós. O home, dende sempre, estivo obsesionado con desafiar a natureza. Hoxe en día, cando as viaxes expedicionarias escasean por esgotamento de lugares por descubrir, son algúns artistas os que retomaron este papel, deixando testemuño coas súas obras desa necesidade de coñecer un lugar virxe, impoluto, apartado da civilización.

As obras presentadas nesta exposición contemplan dalgún xeito este espírito aventureiro e romántico que aínda no século XXI ten un sentido. Imaxes que evocan emocións, o horror voyerístico, o medo ao descoñecido, a forza e a razón de que “non pintamos nada alí”, o desafío constante do ser humano de querer —aínda no século XXI— conquistar; a obstinación final da vitoria do home sobre a natureza, das regras sociais sobre as naturais. Apreciamos unha percepción irracional e romántica da natureza e as súas leis, da súa resistencia á invasión, da súa indiferenza cara ao home. Lugares onde os avances da ciencia e a tecnoloxía non son permitidos. Espazos de resistencia, o último paraíso indómito, pero non por moito tempo. Esta exposición constrúese ao fío da acción do home no planeta, pero dende un punto de vista predominantemente romántico, case utópico, non apocalíptico nin negativo, senón cun optimismo que oxalá sexa causa de concienciación e protección do noso ámbito. A batalla non está perdida.

Así, o artista traballa como observador, dende fóra, demarcando lugares sen tocar, que están no fío de ser destruídos, como rexistro documental de algo que existe xa por moi pouco tempo, á vez que é testemuña e ás veces intervén tamén con criterios propios de denuncia ante os sucesos de sobreexplotación e destrución da natureza. Dende os que traballan no seu propio estudio, ou preto de onde a súa vida se desenvolve, ata os que se embarcan en viaxes en busca de remotos paraísos indómitos ou en vías de destrución, os artistas desenvolveron este interese polo rexistro do sublime, que ten un precedente claro na pintura romántica e na tradición literaria pastoril, e no contemporáneo, a partir da fotografía de Ansel Adams”.

Virginia Torrente
Comisaria da exposición

Comisariado

Virginia Torrente

Virginia Torrente (Bilbao, 1963) é comisaria independente. Entre 1988 e 1992 traballou como adxunta á dirección da galería e editorial de arte Estampa de Madrid, e de 1993 a 1999 foi coordinadora de exposicións da Colección Arte Contemporáneo de Madrid. Durante a súa etapa como Xefa de Colección e Exposicións do Museo Patio Herreriano de Valladolid (2000-2003) comisariou, entre outras, as mostras individuais de Juan Ugalde, Isidro Blasco e Jorge Barbi. De 2004 a 2006 foi comisaria responsable de Artes Plásticas da Casa de América en Madrid, cun intenso programa de exposicións individuais de artistas españois, portugueses e latinoamericanos, case todas elas concibidas e producidas para os espazos expositivos, ademais de traballar como comisaria independente noutras exposicións realizadas en diversos centros de España e Latinoamérica. Dende 1999 é comisaria adxunta do proxecto independente Doméstico —xunto con Giulietta Speranza, Andrés Mengs, Joaquín García e Teodora Diamantopoulos— que leva a cabo exposicións en Madrid en lugares habitualmente non concibidos para a arte contemporánea, traballo recollido nunha publicación editada en 2005.