
Paixóns Privadas, Visións Públicas. Coleccións D.O. Galicia
Ficha
Resumo / Presentación
Unha selección de fondos de coleccións privadas de Galicia, centradas en arte contemporánea. Un conxunto de obras que, dende os anos oitenta ata o presente, nos axuda a facer un percorrido pola historia da arte e do coleccionismo máis próximo. Máis alá da simple exhibición das obras, a exposición intenta analizar as súas particularidades e as relacións entre os seus contidos, funcionando como homenaxe e posta en valor destas coleccións. Existen múltiples factores que conforman o sentido dunha colección e a súa propia razón de ser. PAIXÓNS PRIVADAS, VISIÓNS PÚBLICAS supón un primeiro achegamento cara ao coleccionismo privado en Galicia, e sitúa á vista do público obras que ata agora permanecían ocultas.
Obras en exposición
A exposición reúne un total de 115 pezas, na súa maioría pinturas (41), esculturas (29) e fotografías (34), ademais de instalacións (5), vídeos (4), debuxos (1) e maquetas (1).
Síntese do proxecto
Facendo realidade un proxecto concibido hai tempo, o MARCO de Vigo presenta 'PAIXÓNS PRIVADAS, VISIÓNS PÚBLICAS. Coleccións D.O. Galicia', unha exposición na que os artistas comparten protagonismo cos coleccionistas, sen dúbida un dos piares do sistema da arte contemporánea e unha das pezas fundamentais na historia das relacións, sempre complexas, entre arte e mercado.
A través da selección realizada polo profesor e crítico de arte Fernando Castro Flórez, comisario da mostra, preséntase un amplo conxunto de obras que, dende os anos oitenta ata o presente, axuda a facer un percorrido pola historia da arte e do coleccionismo máis próximo. Como trasfondo, unha lectura historiográfica sobre a aparición das feiras de arte contemporánea nos anos sesenta, pouco antes de que xurdise o concepto ‘sistema da arte’ (1972). Feiras, bienais, poxas e outros eventos relacionados co mercado da arte están en relación directa coa evolución das coleccións, auténticas testemuñas da actualidade. Dende o momento en que ARCO se converte nun punto de referencia, abrindo as súas portas a galerías e coleccionistas internacionais, apréciase un incremento de fondos internacionais nas coleccións galegas.
Partindo de principios similares aos que inspiran o traballo con artistas, comisarios, críticos ou investigadores do contexto máis próximo, preténdese nesta ocasión recoñecer o labor e compromiso dos coleccionistas privados de Galicia coa arte da súa época, e ofrecer aos visitantes unha serie de pezas que, na maioría dos casos, non se viran en público dende que foran adquiridas. Propietarios cun arraigado criterio estético, que souberon conservar o seu patrimonio artístico a través da formación dunha colección de obras de arte contemporánea.
Durante o proceso de produción da mostra, resultou sorprendente analizar os diversos factores que dan sentido a unha colección, alén do criterio na adquisición das pezas; e comprobar a grande cantidade de obras que foron forxando a memoria dun momento e definindo intereses puntuais ou decisivos. A boa articulación dos conxuntos analizados, e a coherencia e rigor nas súas formulacións —sen esquecer que responden a criterios persoais— suxiren a posibilidade de converter esta mostra e a súa publicación nunha primeira fase ou o primeiro capítulo dunha serie.
Alén da simple exhibición das obras, a exposición intenta analizar as similitudes e particularidades entre os seus contidos, cunha selección baseada en liñas fundamentais chea de matices individuais, que funciona dalgún modo como homenaxe e posta en valor destas coleccións, e como estímulo para fomentar o coleccionismo. Existen múltiples factores que conforman o sentido dunha colección e a súa propia razón de ser. 'PAIXÓNS PRIVADAS, VISIÓNS PÚBLICAS' supón un primeiro achegamento cara ao coleccionismo privado en Galicia, e sitúa á vista do público obras que ata agora permanecían ocultas.
Artistas
Abraham Lacalle
Adrian Piper
Alberto Datas
Ana Mendieta
Andreas Schulze
Angela de la Cruz
Ángeles Agrela
Anri Sala
Antón Lamazares
Antoni Muntadas
Antonio Murado
Armando Mariño
Baltazar Torres
Bernardí Roig
Berta Cáccamo
Candida Höfer
Cao Guimarães
Carlo Maria Mariani
Carlos Amorales
Carsten Höller
Charles Sandison
Chelo Matesanz
Chema Alvargonzález
Chema Cobo
Curro González
Damián Ortega
David Salle
Diego Santomé
DJ Simpson
Douglas Gordon
Efrain Almeida
Ernesto Neto
Federico Guzmán
Federico Herrero
Fernando Sánchez Castillo
Fiona Rae
Francisco Leiro
Frank Thiel
Gregor Schneider
Günther Förg
Helmut Dorner
Herbert Brandl
Ignacio Basallo
Imi Knoebel
Íñigo Manglano-Ovalle
Javier Núñez Gasco
Javier Vallhonrat
Jean-Marc Bustamante
Jiri Georg Dokoupil
John Coplans
Jonathan Hernández
Jonathan Meese
Jorge Perianes
José Antonio Hernández-Diez
José Bechara
José Pedro Croft
Juan Carlos Román
Juan Uslé
Julian Opie
Julião Sarmento
Karin Sander
Katharina Grosse
Liam Gillick
Luis Gordillo
Manolo Paz
Manuel Ocampo
Manuel Vilariño
Martin Kippenberger
Mateo Maté
Michel Majerus
Miquel Navarro
Olafur Eliasson
Pedro Cabrita Reis
Pedro Proença
Roland Fischer
Roman Signer
Rubén Ramos Balsa
Sandro Chia
Santiago Cirugeda
Sarah Jones
Shirin Neshat
Simón Pacheco
Stefan Kürten
Stephan Balkenhol
Susana Solano
Thomas Demand
Thomas Hirschhorn
Thomas Ruff
Tracey Moffatt
Txomin Badiola
Ugo Rondinone
Valeska Soares
Vasco Araújo
Vik Muniz
Walter Dahn
Xoán Anleo
Texto curatorial
“No discurso infatigable da arte contemporánea atopamos toda clase de ditirambos e gabas nos que os artistas e os comisarios de exposicións son, evidentemente, os principais destinatarios. Non falta, obviamente, unha verborrea 'contextualizadora' que, especialmente, demostra a potencia hipnótica do museo e, con frecuencia, xorden consideracións entre integradas e apocalípticas en relación co mercado. De todos os factores do sistema da arte un dos máis esquecidos é, certamente, o do coleccionismo privado. E, non obstante, resultaría case imposible que a dinámica artística seguise o seu curso, por cambiante e raro que este sexa, sen contar con suxeitos que deciden, por razóns de moi distinta índole, adquirir un cadro, unha escultura, un vídeo ou unha fotografía. Teño a impresión de que non se trata unicamente de que o coleccionista sexa o gran descoñecido senón que, en boa medida, se pensa que é unha sorte de 'mal necesario'. (...)
Nin sequera a chamada teoría institucional da arte analiza, con propiedade, o papel do coleccionista que non é, unicamente, aquel que compra un ou dous cadros para decorar a súa casa ou un despacho, senón que pode ser alguén posuído por unha paixón tal que chegue a acumular cantidades sorprendentes de obras de arte. Un comisario como Robert Storr comezaba unha conferencia na que 'explicaba' a súa idea de Bienal, sendo responsable do canónico evento de Venecia, recordando un salón no que contemplaba extasiado obras dos grandes mestres da vangarda. Para o común o sitio ideal onde se atopan coa arte é o Museo, cuxo patrimonio sente, en certa medida, como algo propio.
‘PAIXÓNS PRIVADAS, VISIÓNS PÚBLICAS’ xorde a partir do interese do MARCO de Vigo por render testemuño da importancia das coleccións privadas galegas. Ao estudar algunhas das máis importantes compróbase, rapidamente, que nos seus fondos se atopan obras de excepcional calidade e en cantidade tal que poderían facerse numerosas mostras con perspectivas variadas. Aínda que nesas coleccións domina a pintura, non faltan excelentes esculturas e tamén está bastante presente a linguaxe da fotografía contemporánea; o vídeo ten unha presenza case marxinal, poñendo de relevo que aínda é bastante difícil para o coleccionista privado asimilar ese tipo de producións no seo dos seus específicos proxectos de colección. En todos os casos se trata de coleccións privadas que desbordan o que serían as necesidades, por dicilo sen maiores rodeos, decorativo-domésticas. Cando se acumulan, como sucede nestes amantes galegos da arte, máis de cen pezas —algunhas delas con formatos propios 'de museo'— queda claro que iso que anteriormente cualifiquei como veleno pasou a formar parte do organismo do coleccionista.
Charlando cos propietarios das obras comprobei que a arte é, en todos os casos, unha parte crucial das súas vidas. Seguen a actualidade artística cunha intensidade e un coñecemento de causa superior ao de moitos críticos desganados ou pura e claramente mercenarios, viaxan a distintas feiras de arte, percorren o escenario das bienais e, sobre todo, chegaron a establecer relacións de complicidade con certos artistas. Non responden ao estereotipo, xerado especialmente a finais dos anos oitenta, do comprador de arte obsesionado pola especulación, antes ao contrario, as súas actitudes están máis preto das do 'mecenas' e, por suposto, a de suxeitos que con paixón e sentido crítico buscan minuciosamente as pezas que desexan para as súas coleccións que son works in progress.
Nunha época na que hai ready-mades en todas as partes, a paixón do coleccionista é a de atopar o único, aquilo que non pode deixar de ser seu. Cada colección é, en boa medida, autobiográfica, responde a prexuízos, obsesións e pulsións que non poden ser doadamente desveladas. A compra dunha obra de arte reconduce ao ámbito do privado, isto é unha obviedade, aquilo que ao expoñerse conseguía visibilidade. O proxecto do MARCO a partir de coleccións privadas galegas reenvía á caixa branca o que estaba fundamentalmente almacenado ou colocado en ámbitos familiares. Trátase, polo tanto, dunha oportunidade para o recoñecemento cultural tanto do papel do coleccionista particular canto a concreción dun xesto de xenerosidade por parte dos propietarios dunhas pezas que abren ao público máis amplo a posibilidade de gozar e pensar en torno ao que eles marcaron previamente coa paixón da súa mirada. Obras magníficas de artistas como David Salle, Francisco Leiro, Bernardí Roig, Antonio Murado, Martin Kippenberger, Chelo Matesanz ou Baltazar Torres, entre case un centenar de pezas, ofrecen ao público un mapa fragmentario pero moi intenso das formulacións creativas contemporáneas. O museo non é soamente un lugar de distracción, unha peza da mobilización xeral turística, senón un espazo privilexiado para establecer relacións articuladas do público co privado, onde a mirada do coleccionista, a selección curatorial e o xuízo do espectador poidan establecer aproximacións enriquecedoras".
Fernando Castro Flórez
Comisario da exposición
Comisariado
Fernando Castro Flórez
Fernando Castro Flórez (Plasencia, 1964) é Profesor Titular de Estética y Teoría de las Artes en la Universidad Autónoma de Madrid. Crítico de arte para el suplemento ABC Cultural, ten colaborado con regularidade en suplementos culturais de xornais como El País, Diario16, El Independiente, El Sol, e El Mundo, entre outros; e revistas como Descubrir el Arte e Revista de Occidente. Director da revista Cuadernos del IVAM e membro do consello de redacción de Pasajes. Formou parte do Padroado do Museo Reina Sofía e é membro da súa Comisión Asesora. Comisario de numerosas exposicións individuais e colectivas en museos de todo o mundo, entre outras a Trienal de Chile, a Bienal de Curitiba ou o Pavillón de Chile na Bienal de Venecia de 2011. Ten comisariado exposicións de artistas como Anselm Kiefer, Tony Cragg, David Nash, Nacho Criado, Fernando Sinaga ou Antón Lamazares.
Foi editor e tradutor de varias publicacións, como as obras de Walter Benjamin. Entre os seus libros publicados, salientan os seguintes: Elogio de la pereza. Notas para una estética del cansancio (Julio Ollero, 1992), Escaramuzas. El arte en el tiempo de la demolición (CendeaC, 2003), Sainetes y otros desafueros del arte contemporáneo (CendeaC, 2007), Una “verdad” pública. Consideraciones sobre el arte contemporáneo (Documenta, 2010) ou Contra el bienalismo. Crónicas fragmentarias del extraño mapa actual (Akal, 2012).